fbpx
Ribeira Sacra / foto locuigCC0

Viño de Amandi e Feira Medieval… Lemos converterase na Semana Santa nun dos epicentros turísticos de Galicia

Tempo de lectura: 5 min.

A Semana Santa é a temporada excepcional do ano para o turismo de interior e para o turismo histórico e cultural. Moitas localidades de Galicia encheranse de visitantes e mostrarán lugares novos e experiencias culturais diferentes alonxadas do balbordo das grandes cidades. Dentro de Galicia, a Ribeira Sacra e unha das zonas preferidas para o turismo de inverno tanto nacional coma interior, pois os seus atractivos son máis que excepcionais. Mais dentro da propia Ribeira Sacra, a comarca de Lemos será a que se converta coas súas festas no epicentro do turismo cultural ás beiras de Miño e Sil.

Montes que rodean Monforte / losviajeros.com

Pois as dúas fins de semana que a circundan celébranse dúas das festas das máis importantes da Semana Santa galega, polo menos no tocante á historia de Galicia. Pois se os días 24 e 25, na fin de semana do Domingo de Ramos é a localidade de Sober a que lembra a tradición secular da colleita do viño de Amandi, un dos grandes patrimonios inmateriais da Ribeira Sacra, na fin de semana seguinte, os días 31 e 1, a veciña vila de Monforte é a que colle o relevo da historia recordando a Idade Media na súa xa ineludible Feira Medieval. Ambas, separadas a penas por 10 km son un reclamo perfecto para perderse nun dos canóns máis sagrados da Península durante esta semana, e gozar do patrimonio inmaterial deste recén declarado BIC.

XXXVII Festa do Viño de Amandi

Dende o ano 1981 fíxose encaixar a festa do Viño de Amandi co Domingo de Ramos, coincidindo cunha antiga feira de ganado a piques da desaparición. Naquel primeiro ano invitouse ós colleiteiros do lugar a traer os seus caldos á feira como medio de revivila, máis  a festa converteuse nunha verdadeira exaltación do viño do lugar. No ano seguinte o Concello mercou 3.000 botellas que vendeu na festa ó dobre do seu prezo de mercado, descubríndose por fin para este caldo unha capacidade única de traspasar as fronteiras da rexión. Dende aquela a fama dos viños de Amandi non deixou de crecer, e a día de hoxe, e é un dos sinais de identidade da D. O. Ribeira Sacra.

O Sil ó seu paso por Sober / foto Concello de Sober

O Sil ó seu paso por Sober / foto Concello de Sober

A Festa do Viño de Amandi é unha festa de exaltación deste viño que toma o seu nome da parroquia de Amandi, no Concello de Sober, ó sur das Terras de Lemos. Amandi é unha freguesía con tan só 66 habitantes e unhas 20 entidades de poboación que limita co Sil e coa provincia de Ourense. Mais por Amandi coñécese fundamentalmente ós viños recollidos en realidade en oito parroquias do sueste do municipio de Sober que traballan e elaboran uvas tintas de Mencía, Caíño, Sousón e Merenzao entre outros. Esta parroquia que dá nome a esta denominación foi en realidade un lugar de especial relevancia en tempos. Segundo un documento do ano 842 neste lugar, preto do río Sil existiría un mosteiro bieito coñecido co nome de Santa María de Amandi. Segundo os expertos, a actual igrexa parroquial de Amandi levantaríase sobre as ruínas de aquel antigo mosteiro.

Este ano a festa será os días 24 e 25 de marzo e, unha vez máis, o viño das Ribeiras do Sil será o protagonista desta XXXVII edición. Este ano, ademais da precatas nos salóns da Oficina de Turismo, contarase co pregón da artista Cristina Pato e co seu propio concerto ás 20 horas no auditorio do Centro Sociocultural. Ademais, na noite deste mesmo sábado actuarán na praza do Concello Os Parentes e máis Gin Toni´s. O día seguinte charangas, bandas de música e pasarrúas amenizarán a festa que contará coa cata oficial, no Centro Sociocultural, a entrega de premios e a actuación, xa pola tarde na praza, da orquestra Suavecito.

Uva tinta, co que se fai o Amandi / PedroFigueirasCC0

XVI Feira Medieval de Monforte

Esta é unha das festas históricas máis importantes de Galicia. Celebrárase este ano o sábado 31 marzo e 1 de abril e nesta edición continúase co crecemento que tivo nos pasados anos. A festa contará este ano con 161 postos, e gañará varias localizacións fronte o ano pasado, coma a praza das Clarisas ou o Campo de San Antonio. A historia de Monforte é rica neste período e así dan conta aínda a día de hoxe os seus monumentos. Sobre todo o importante conxunto patrimonial que ocupa o monte do Pino, co seu mosteiro bieito de San Vicente, hoxe Parador, a torre da homenaxe do histórico castelo, derrubado polas revoltas irmandiñas e reconstruído polos vencidos, e parte das murallas e do casarío que trepaba ó redor da antiga fortaleza. A vila de Monforte, consciente do seu rico pasado medieval,  volverá a viaxar a aquel importante período da súa historia nesta dezaseis edición.

As exhibicións de cetrería foron unha constante nesta festa / ValerynaCC0

De feito este ano foron coidados especialmente tanto co programa, o cartaz, deseñado por Xosé Quiroga, coma o vídeo promocional, feito por Amanita Films. O primeiro presenta unha peculiaridade, xa que é unha muller guerreira a protagonista, chisco ó movemento feminista. O segundo, recollendo imaxes dos anos anteriores leva a sinatura de Iván Patiño. Tamén este ano tratou de dárselle un pulo especial ó solicitar o Concello  a declaración de Festa de Interese Turístico Galego, proposta que sería rexeitada pola Concellería de Cultura da Xunta de Galicia, alegando que non conta con antigüidade suficiente.

O certo é que a Feira Medieval de Monforte é un éxito ano tras ano. Ademais das máis de 160 casetas que haberá este ano, con artesanía, produtos da terra e gastronomía, haberá malabares, zancudos, exhibicións de cetrería e representacións teatralizadas, incluíndo espectáculos nocturnos e xustas. Pero a festa destaca sobre todo pola implicación de habitantes e forasteiros que, dende vai quince anos, a viven intensamente, caracterizándose adecuadamente para a ocasión.

As xustas son outro dos elementos a destacar da festa _ GobbleGGCC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...