Fariña / foto pexelsCC0

A fariña do país ponse de moda

A fariña en Galicia non é so cousa de mar senón tamén de terra. E é en terra onde a fariña de Galicia é unha das grandes protagonistas da nosa gastronomía histórica dende a época latina. Claro está que o pan é un elemento protagonista de todas as culturas de procedencia romana, e que o noso país estivo inzado de muíños en cada curso de auga. Mesmo na cultura popular un ferrado é unha unidade de terra que ten que ver co peso do grao que produce, e cando unha propiedade é moi grande soe dicirse que “da trigo” ou “da pan”. Mais dende a irrupción das fariñas industriais Galicia foi perdendo unha industria tradicional esencial na cultura campesiña. Unha industria que agora moitas iniciativas populares tratan de resucitar.

Un exemplo especialmente salientable é a recente rehabilitación dun muíño en Goa, Cospeito, tal e como recollía estes días o Progreso, co obxectivo precisamente de facer fariña do país. Esta iniciativa nace dunha veciña de Cospeito, Isabel Ribas, a neta dun muiñeiro que estivo en activo ata a súa morte en 2016. Agora, Isabel quere retomar o negocio familiar e vender fariña artesanal e ecolóxica do país montando un negocio propio baseado na calidade da materia prima, no proceso artesanal e na tradición da moída. Espera que con esta actividade se reactive o cultivo de trigo na comarca e que, o seu, o muíño do Frouseiro, se converta nunha peza viva da historia da artesanía de Galicia.

Muíños do Folón, no Rosal / turismo.gal

Así o primeiro necesario foi a rehabilitación do muíño. Esta contou cunha axuda de 32.000 €, concedida polo GDR Terra Cha. O obxectivo era manter en perfectas condicións o edificio histórico e adaptarse as normativas de venta do produto. Na rehabilitación restauráronselle as vigas históricas, cambióuselle o tellado, renovouse a carpintería e picáronse as paredes. A maquinaria porén é a mesma que data de 1926, que tería substituído a outra anterior, con excepción das pedras que si son as orixinais, con máis de cen anos, unha francesa que moe máis fino e outra do país.

Mais non é nin moito menos a única iniciativa para recuperar o xeito artesanal de moer. En Cea, por exemplo, pobo máis que famoso polo seu pan, Manuel González Rodríguez, fundou unha empresa dedicada á moenda de trigo do país en muíños de pedra tradicional. Tal e como recolle na súa propia páxina web é nunha empresa familiar de máis de cen anos que mantén vivos un pequeno grupo de muíños situados no río Barbantiño. Outro dos exemplos é o muíño de Cuíña, no río Santa Lucía, rexentado por Moncho Cuíña e Dani Pampín, quenes herdaron a tradición de D. Eladio Cuíña Taboada, nun muíño de tres pedras construído en 1918 ampliado posteriormente. É cuarta xeración que xestionan un muíño que leva dende aquela moendo trigo do país.

Interior de un muíño / foto titosoftCC0

Un dos proxectos de maior éxito para producir fariñas de Galicia de gran calidade é A Callobresa, unha empresa dedicada á recuperación do trigo autóctono galego. Un proxecto de 1990 que nace dun grupo de panadeiros artesanais da contorna da Coruña, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e a empresa Calfensa para recuperar trigos tradicionais. Esta empresa, pioneira no trigo do país, foi a primeira en conseguir unha a primeira variedade certificada de trigo do país no ano 2006, o trigo de Callobre. Dende aquela elabora fariñas de trigo do país, ecolóxico, fariña ecolóxica de castaña e de trigo Callobre. Mais non todas dun xeito cen por cen artesanal.

Mais outro exemplo de artesanía viva é a de María del Carmen García Roca, unha lucense de 87 anos que precisamente chama ó seu negocio de fariñas de toda a vida, La Lucense. O seu negocio, un muíño xusto á entrada de Lugo, na antiga N-VI na entrada dende O Bierzo, no río Rato, leva funcionando dende 1939 e nos seus comezos producía fariñas para o pan de racionamento. Hoxe en día segue producindo pan de trigo, millo e centeo do país e, aínda que non ten certificacións de pan ecolóxico, nin vende por internet, si é a memoria viva dunha tradición que abastece de fariña do país a boa parte dos fornos lucenses.

O pan é o resustado do uso das mellores fariñas / foto teamLumondiCC0

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: