fbpx
Ponte_da_Cigarrosa / foto Estevoaei Wikimedia CCBy

A Vía Nova romana, a gran vía do Sil, e a súa gran ponte da Forum Gigurrorum

Tempo de lectura: 4 min.

Para os romanos a súa rede de calzadas foi imprescindible. Vertebraba de feito o seu imperio e daba servizo tanto ó exército para a conquista de novos territorios, xa que permitía mobilizar tropas de xeito rápido, coma para o transporte de mercadorías, o que axudou a difundir a cultura de Roma por todo o Imperio. A vía Nova foi unha destas grandes rutas dentro da Hispania, en concreto unha das vías de vertebración principais da Gallaecia. Unía Asturica Augusta con Bracara Augusta ó longo duns moi complicados 330 quilómetros.

No itinerario de Antonino, un texto do século III que describe todas as calzadas do Imperio, recibe o nome de vía XVIII. Partiría de Asturica e a altura de Bergidum Flavium, actual Cacabelos, no corazón do Bierzo, bifurcábase ben cara o noroeste seguíndoo val de Valcarce, cara Lucus Augusti e Brigauntium, ben cara Bracara Augusta, seguindo as marxes do río Sil. Atravesaría a actual provincia de Ourense nunha diagonal sudoeste, para despois entrar no actual Portugal pola Limia.

Vía Nova / foto rtve.es

Así, é unha das vías de Galicia das que mellor se coñece o seu trazado, xa que o río Sil e o Limia son seus dous grandes referentes. Ata onde se sabe, foi construída por Tito Flavio Vespasiano no século I e restaurada en tempos de Maximino. No seu itinerario se describen, sempre segundo o Antonino, un total de 13 mansio como Salaniana ou Aquis Originis, en Portugal, Aquis Querquennis, Geminis, Salientibus, Praesidio, Nemetobriga ou Forum Gigurrorum en Galicia e Gemestario, Bérgidum ou Interamnio Flavio en León. No seu itinerario quedan aínda 281 miliarios o maior número de Europa.

Forum Gigurrum ou a Ponte da Cigarrosa

A ruta segue de nordeste a sureste e cruza grandes ríos, como o Cúa ou o Limia. Mais o Sil é sen dúbida o gran accidente xeográfico e razón de ser da calzada. A vía Nova o cruza en dous puntos o gran río Sil, o máis importante da Gallaecia, no seu encontro en Ponferrada e no Forum Gigurrum, a actual ponte da Cigarrosa entre os concellos da Rúa e de Petín.  É neste lugar no que se atopaba o poboamento castrexo dos Cigurris ou Gigurris, mais a partir do século I foi asentamento romano, baseado principalmente na riqueza aurífera da zona.

Nese mesmo lugar, construída en época de Tito e Domiciano, habería unha ponte. Seguramente unha das máis importantes pontes romanas do Noroeste. Cruzaría o río Sil entre ó pé da actual vila de Petín. Mais case nada se conserva daquela ponte. Tan so no segundo piar cinco fileiras de pedras e os alicerces do cuarto piar, mais non sempre son visibles por causa da auga. Porén no seu lugar si se atopa unha das pontes históricas máis importantes da provincia de Ourense, e unha das mellor conservadas de toda Galicia, reconstruída en 1577 por Juan de Náveda e reformada nos séculos XVII e XVIII.

Ponte da Cigarrosa / foto Turismo de Galicia

Ten cinco arcos de diferente tamaño e forma, os dos catro extremos son apuntados, tres dunha ribeira e un da outra, o que lle confire unha imaxe moi medieval e ata certo punto asimétrica. O terceiro deles é moito máis pequeno que os demais, mentres que central de moita maior luz é de medio punto. É o máis reformado, tendo en conxunto a ponte unha curiosa imaxe. Pola súa banda os seus catro piares tamén son desiguais, coa particularidade de que dous deles posúen tallamares augas abaixo. Os tallamares son apiramidados pola causa das sucesivas reconstrucións.

A Ponte e a vila de Petín

Mais a vila seguiu practicamente a mesma vida que a ponte. O pé da mesma rexurdiu na Idade Media e foi unha importante localidade ata o século XX. De feito o paso recibe o nome da mansión de Forum Cigurrorum, pois a zona estaba, segundo as crónicas romanas, habitada pola tribo dos Gigurros. A carón da ponte atopáronse unha lápida e uns mosaicos de época romana, conservados no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. De feito a orixe do topónimo de Petín estaría relacionado coa propia ponte pois se uns historiadores defenden a base no étimo Petinius, posible xerarca romano, outros fan referencia a un pilón ou pedra fincada no chan posiblemente referente a un miliario da vía Nova.

E é que polo menos dende 1577 a ponte sería un dos pasos esenciais do río, circulando por ela os principais camiños e estradas que ó longo dos séculos seguiron o curso do Sil. A mediados do século XIX a ponte formou parte da estrada Ponferrada-Ourense, en 1904 sufriu unha nova reforma e ensanchamento e a partir de 1941 foi un paso da estrada N-120. Mais en  1987 desviaríase esta para evitar a vila. Para a actual OU-553 construiríase un paso paralelo augas abaixo, pasando daquela a pontehistórica a ter un uso peonil. Coincidiu porén coa sangría demográfica do concello, pois dos case 3.000 veciños que tiña Petín en 1970, tan so 20 anos máis tarde non pasaba dos 1.225 cifra que non parou de disminuír.

Ponte da Cigarrosa / Turismo de Galicia

 

Pode que che interese...