fbpx
Un campanario automatizado / foto RoyBuriCC0

Así se sumou Galicia á tradición milenaria do toque manual de Campás

Tempo de lectura: 3 min.

Repicar manualmente as campás de toda Europa para facer que esta tradición milenaria sexa declarada pola UNESCO Patrimonio Cutural Inmaterial da Humanidade. Ese é o obxectivo que están a seguir centos de campaneiros de todo o vello continente no día de hoxe, neste sábado 21 de abril, a partires das 12 do mediodía. A iniciativa coordinada en España pola asociación cultural Hispania Nostra, xunto con outras institucións, leva por nome “Botamos as campás a voar “.

Durante a celebración a música dos campanarios europeos soou en concreto en máis de 714 igrexas de toda Europa, de países como España, Portugal, Italia, Reino Unido, Suíza, Austria, Irlanda, Países Baixos, Alemaña, Suecia, Noruega ou Polonia. En España foron, e arredor de 300 igrexas de todas as Comunidades Autónomas. Mais en todas elas o repique debe ser manual, e debe ser unha tradición aínda viva das igrexas participantes, pois desgraciadamente este sistema de comunicación e de arte sonoro que foi básico en toda Europa dende a Idade Media está a desaparecer froito da automatización e do despoboamento.

Campá de San Pedro de Soandres / foto Íñigo Mouzo Riobó

En Galicia, pola nosa banda, foron un total de 27 os campanarios que se sumaron á iniciativa, 8 na provincia da Coruña, 6 en Lugo, 3 en Ourense e 10 en Pontevedra. Entre os participantes máis destacados na nosa comunidade están a basílica catedral de Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo, a San Andrés de Teixido, Santa María do Camiño en Pontevedra, Santiago de Vigo ou as do mosteiro de Santa María de Oia. A nómina a seguen igrexas, mosteiros e santuarios de toda Galicia na que aínda a día de hoxe se conservan asociacións ou campaneiros que manteñen viva a tradición da toca manual, na maioría dos casos non so en actos específicos senón de xeito máis ou menos regular.

Unha campá / foto MomentmalCC0

Entre a nómina de campás que foron sumadas á iniciativa hai exemplos como Santa María de Lamas, Santa Lucía de Arzúa, San Fins de Brión, Santa María de Ames, Santa María da Cortegada en Silleda, Santa María de Nogueira de Miño, San Martiño de Laiosa no Incio, Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo (catedral), Santa Isabel de Mondoñedo, Santo André de Cedeira, San Andrés de Teixido, Santa Mariña de Fene, Santa Mariña de Laracha, San Martiño de Ozón en Muxía; en Pontevedra San Andrés de Valiñas, San Mamede da Portela, San Andrés de Xeve, Santa María do Camiño e San Miguel de Marcón en Pontevedra; San Pedro de Tomeza e Santa María de Tourón en Ponte Caldelas Santiago de Vigo, Santa María de Oia e Santa María de Punxín.

Ademais de outras 11 no Bierzo, 15 en Zamora, 4 en Asturias, incluída a lindeira San Martín de Taramundi, e tres máis no Norte de Portugal incluída a da Torre dos Clérigos. A iniciativa pode consultarse na páxina de Hispania Nostra. Nela non so se fala da iniciativa, do proxecto, obxectivos e o chamamento senón que se pode consultar a listaxe das campás ou ver nun mapa interactivo as campás e campaneiros que se sumaron á iniciativa ó longo de toda Europa. Podes atopar o link aquí.

Campás da catedral de Santiago / foto Xacopedia

Pode que che interese...