fbpx
Palco no que se fai a representación do derrube da porta Gamboa / foto Historia de Galicia

Bouzas , a vila mariñeira que axudou a liberar Vigo dos franceses toma o relevo

Tempo de lectura: 3 min.

Nai e filla mercando nun establecemento / foto Historia de Galicia

Tal e como contábamos vai algúns días a pasada fin de semana, a dos días 7 e 8 de abril, a cidade de Vigo vivía a que sen dúbida é a súa festa histórica por excelencia, a Festa da Reconquista. Nela se celebra como o 28 de marzo de 1809 un alzamento dos cidadáns da vila olívica, sen case apoio do exército, logrou expulsar ós soldados de Napoleón da cidade, sendo unha das primeiras localidades de Europa en tal fazaña. Esta vitoria provocou de feito a sublevación de Galicia e, tal e como explicábamos neste medio vai uns días, prendeu a mecha da sublevación de moitos outros territorios peninsulares ata acadar a expulsión definitiva do exército francés da península ese mesmo ano.

E nesa reconquista da cidade tivo moito que ver Bouzas, hoxe un barrio da cidade e naquel tempo, poboación independente. O seu alcalde promoveu a creación de “alarmas”, pequenos grupos armados que combatían ao estilo da “guerrilla” axudados polos monxes franciscanos que requisaban munición e armas aos franceses que se estableceron no Convento de Santa Marta. De feito, a axuda de Bouzas foi fundamental para recuperar a cidade.

A afluencia de xente foi baixando á medida que avanzaba a tarde e a chuvia non daba tregua / foto Historia de Galicia

É por iso que cada ano Vigo celebra a súa Reconquista e a zona histórica da cidade se transforma nun inmenso mercado do século XIX. Así esta festa é unha das festas históricas máis importantes da primavera galega, na que ademais de representación das loitas entre franceses e vigueses, pescadores ou campesiños, atopamos gran cantidade de postos de venta de produtos de artesanía así como ricos manxares dende pan, empanada, churrasco, viños da terra, licores artesanais ou especias ata mexillóns ou nécoras da ría. Unha celebración na que, tras a expulsión dos invasores, o rei español Fernando VII lle concedeu á cidade o título de “fiel, leal e valorosa”.

Un dos moitos postos na zona vella de Vigo / foto Historia de Galicia

Mais este ano, e apesares de celebrarse a festa xa entrado o mes de abril, e por tanto en plena primavera, a festa contou cun importante inconveniente: a intensa chuvia. Se ben o sábado pola tarde a especial climatoloxía de Galicia daba un bo respiro e permitía o desfrute de vigueses e forasteiros da celebración, como é habitual ata altas horas da noite, o domingo o tempo non houbo tal sorte. Dende a mañá a chuvia desluciu os actos da festa, e mediada a tarde vendedores e vigueses comezaron a retirarse. Mais esa retirada, do mesmo xeito que a do exército da cidade, é so unha tregua, xa que a fin do 22 de abril a Brincadeira do barrio de Bouzas toma o relevo da expulsión do exército francés da antiga vila mariñeira.

Os paraugas convertéronse case nun elemento de época / foto Historia de Galicia

Pode que che interese...