fbpx
Castelo de San Sebastián. segundo o Concello de Vigo / detalle dun panel

Cando Vigo foi unha cidade impenetrable

Tempo de lectura: 4 min.

Como moitas outras cidades de Galicia, dende a Idade Media Vigo estivo fortificado por unha feble muralla de, segundo as crónicas, débiles muros de cachotería. Estes, pouco máis que eran visibles pola zona do mar e, como en moitas outras vilas de Galicia, estarían, a pesares dos arranxos, nun permanente estado de semiruína. Mais co saqueo do pirata inglés Sir Francis Dracke en 1589, co ataque berberisco de 1617, e máis cos constantes conflitos entre a coroa de España e o reino de Portugal, no ano de 1656, Vigo foi finalmente fortificado cunha importante defensa.

Foi durante o reinado de Felipe IV, logo de que este rei aportara a meirande parte dos 200.000 ducados que custaba a construción. Constrúese unha defensa de tipo abaluartado, é dicir, preparada para as armas de fogo, e coas tradicionais formas troncopiramidais ou de proa de barco. Estendíase dende o Monte do Castro, abarcando a Peixería, Tornos ata o Burgo das Hortas. No seu estremo máis alto estaría o castelo ou Forte de San Sebastián, no lugar que outrora ocupaba unha ermida. A batería de canóns que apuntarían ó mar, situábanse no lugar da actual rúa Teófilo Llorente.

Vigo, perfil da cidade / detalle dun panel informativo, Concello de Vigo

Esta muralla abranguería o que hoxe é a zona vella de Vigo, dende a Pedra ata o Barrio do Cura, unha cidade, xa daquela, desordenada, con rúas estreitas e abruptas pendentes. Mais quedaban fora dos muros importantes barrios xa de aquela, coma o Berbés, Falperra, Salgueiral ou Areal, así como os rueiros e camiños que partían da cidade, cara Pontevedra pola porta de Gamboa, cara Baiona pola Falperra, para Tui pola Porta do Pracer ou para Ourense e Castela pola Porta do Sol. Tamén había portas á Laxe e ó porto do Berbés.

Na Guerra de Portugal as fortificacións xa estaban rematadas, resistindo ó asedio do exército do país veciño. Este éxito deulle ademais a cidade a posibilidade de construír outro castelo aínda máis defendible e mellor fortificado que o de San Sebastián, como é o do Monte do Castro, do que aínda se conservan importantes baluartes. Finalmente co avance das técnicas de guerra, como en case todas as cidades de Galicia as murallas foron derribas na súa meirande parte. Foi no verán de 1896 por autorización de Isabel II, aínda que a día de hoxe aínda se conservan moitos vestixios das impoñentes fortificacións da cidade olívica.

Vigo, plano da cidade / detalle dun panel informativo, Concello de Vigo

A revalorización das fortalezas de Vigo

Dende vai moitos anos os vigueses están acostumados a convivir con baluartes. Mais ata o de agora ningunha corporación se preocupara realmente por divulgar e poñer en valor o rico pasado deste elemento esencial da historia de Vigo. Agora o consistorio de Abel Caballero, ponse por fin mans a obra cunha actuación in situ de divulgación a partires da instalación dunha serie de paneis informativos. “O obxectivo da actuación é dar a coñecer a muralla e as historias que a veciñanza de Vigo viviu en torno a ela”, como se indica dende o Concello.

“Dado que se atopa desaparecida na súa meirande parte, a actuación consistiu en distribuír unha serie de elementos interpretativos ao longo do seu percorrido” e sinalizar un itinerario que se corresponde, na súa meirande parte, coa súa antiga traza. Instaláronse 8 paneis interpretativos ó longo do percorrido, 3 reproducións de planos históricos en azulexo, 2 en San Sebastián e 1 na Pedra, así como unha placa máis de azulexo máis no exterior da antiga Porta Gamboa describindo as súas formas. Tamén se inclúe sinalización por todo o itinerario no que transcorre a muralla, co logotipo da muralla pintado no chan.

O barrio do Berbés / detalle dun panel informativo, Concello de Vigo

Destacan especialmente os lugares de San Sebastián, onde aínda se conservan importantes restos dos antigos baluartes, e a zona da Pedra, un dos lugares centrais da vida social da cidade, e que contaba cun longo baluarte que se insería no mar. Os paneis, escritos en Galego, e con reprodución de importante material documental e gráfico, incorporan códigos QR para a súa tradución a castelán e inglés, escrito ou escoitado. Esta iniciativa é, sen dúbida, un dos pasos máis importantes dos últimos anos para a recuperación da identidade, e que se une a unha larga traxectoria de humanización que trata de devolver unha parte considerable da cidade ós vigueses e visitantes. 

Vigo, plano da cidade / detalle dun panel informativo, Concello de Vigo

 

 

Pode que che interese...