Anacos de cerámica atopados nos últimos días / foto Concello de Vimianzo

Comezan as visitas ó castro das Barreiras

Tal e como informábamos neste xornal, o pasado 2 de abril, comezaron as escavacións do castro das Barreiras no val de Ogas, en Vimianzo, un dos xacementos da era castrexa máis singulares da Costa da Morte. A actuación, financiada polo Concello, está dirixida polo arqueólogo Ángel Concheiro Coello. Mais, precisamente, o grupo de traballo do castro non se conforma con desenterrar o xacemento senón que queren dende o primeiro momento implicar ós veciños.

Así, unha das iniciativas para divulgar esta intervención é a organización de visitas guiadas ás escavacións. As visitas, que implicarán a presenza nos propios traballos, faranse por regra xeral os venres e terán como anfitrión ó propio Ángel Concheiro. O obxectivo, segundo os organizadores, é que non so se coñeza o xacemento senón tamén como se desenvolve o traballo de arqueoloxía.

De feito este pasado luns tivo lugar a primeira visita. Foi o IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto (Camariñas) quen inaugurou as visitas escolares ó castro. Tras ter traballado os contidos na clase, o alumnado de 1º da ESO foi recibido por Concheiro. Foi el o guía de excepción que achegou ós rapaces á vida castrexa, que os alumnos seguiron cunha especial curiosidade. Mais este foi o primeiro centro, xa que se espera que ó longo de todo o tempo que dure a escavación sexan bastantes os colexios e institutos que visiten o xacemento.

Primeiras visitas / foto Concello de Vimianzo

Mais, as visitas non so se centrarán nos estudantes da zona, senón que o equipo de traballo quere que toda a veciñanza coñeza de primeira man o traballo que están a desenvolver. Así, as visitas estarán tamén abertas a asociacións en horario de tarde, mentres que para o público en xeral reserváronse os venres pola tarde. De feito, esta semana, en xoves en lugar de en venres, cousas da meteoroloxía, celebrouse xa a primeira visita, as 17 horas. O que se pretende é que quen queira poda achegarse a coñecer de primeira man o desenvolvemento das escavacións. Iso si, debe inscribirse previamente a través do correo electrónico [email protected] ou ben no teléfono do Concello 981 716 001.

Mais a peculiaridade é que as visitas son sempre en horario laboral xa que o que se mostra é a propia escavación. Trátase de que os veciños coñezan non so o castro senón os traballos e os achados que se están a desenvolver. Así, é esta unha oportunidade única, e ata certo punto pioneira, xa que polo xeral non é posible ver ós arqueólogos traballando in situ e explicando o seu propio traballo. É por isto polo que o proxecto chámase “Abrir as Barreiras”, resumo da intención principal deste proxecto impulsado polo ente municipal.

Castro das Barreiras en Vimianzo / turismovimianzo.com

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: