Eremitorio de O Cotillón, en Pantón, na Ribeira Sacra, excluído do expediente de BIC / ocotillon.blogspot.com

Denuncian que 50 grandes xoias do románico quedarán sen protección no BIC Ribeira Sacra

No medio e medio da Semana Santa remataba o prazo para achegar alegacións á incoación do expediente BIC da Ribeira Sacra. Un primeiro paso para solicitar ante a Unesco a declaración da mesma como Patrimonio da Humanidade na modalidade de paisaxe cultural.

E, durante este proceso, foron varias as entidades que se amosaron moi críticas con este procedemento; primeiro pola súa rápida tramitación e, segundo, por non ter en conta moita das alegacións ou aportacións das entidades locais. Unha delas, O Sorriso de Daniel denuncia que o expediente non tivo en conta, e polo tanto deixou sen protección, 50 edificios románicos da zona.

Pena do Castelo, na Ribeira Sacra / Senderismo Galego

Curiosamente, a Ribeira é coñecida como Ribeira Sacra porque nas terras que rodean ese tramo dos ríos Miño e Sil se ergueron ducias de eremitorios, mosteiros, igrexas parroquiais que lle deron ese carácter Sacro. Unha concentración de arte medieval que non ten o suficiente recoñemento na candidatura e que priva á candidatura dunha das súas maiores fortalezas. “Unha paisaxe cultural éo se se recoñece nela a pegada da xente sobre o territorio. Sen o que significaron ese centros espiritutais pero tamén económicos non se entendería a Ribeira Sacra”, apunta esta entidade.

BENS EXCLUÍDOS

Desde a entidade Por Chantada, Participación Democrática Directa, tamén se suman a estas críticas e apuntan algúns dos bens excluídos:

  • Eremitorio de O Cotillón, aldea de San Román de Acedre, Pantón. Esta capela escavada nun penedo, nas rochas dunha ladeira próxima ao Cabe e que foi aproveitada como adega polo dono da casa anexa, actualmente en venda. Conta cunha planta de cruz latina e nave de 10 metros e brazos laterais de 5 metros. As persoas especialistas datan a construción do século VI ou VII e constituiría a testemuña máis antiga do monacato na Ribeira Sacra.

  • Outras construcións como o mosteiro e a igrexa de San Salvador de Asma, en Chantada, conxunto dun particular tamén se atopan en venda, sen que de momento se poida protexer debidamente segundo o contido no artigo 14 na Lei 5/2016, do patrimonio cultural da Galiza.

Paixase da Ribeira Sacra / turismo.gal

Ademais, esta entidade política denuncia que durante o proceso de alegacións nin de consultas deste expediente non se tivo para nada en conta ás entidades locais. “A exclusión dos indíxenas neste expediente é propria de calquera modelo gobernativo colonial e non dunha institución, a Xunta da Galiza, que di ser goberno galego e non simplemente goberno español na Galiza”, destaca.

Por outra banda, e segundo apunta O Sorrio de Daniel, o BIC será unha “porta aberta para as empresas extractivas, siderúrxicas, enerxéticas e mil muros de contención para os viticultores”. Do mesmo xeito denuncia que se trata dun “mapa trazado a man alzada escapando dos núcleos de poboamento para non comprometerse coa súa rexeneración” e que hai “cero compromisos” coa conservación e protección do patrimonio. Podes consultar as alegacións aquí.

Foi tanta a incerteza que este expediente causou entre entidades, empresas e veciños da zona que PSdeG xa propuxo a necesidade de ampliar “polo menos, dous meses máis” o período de alegacións previo á declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC) chegará ao Parlamento galego da man do deputado socialista José Antonio Quiroga, quen xa rexistrou iniciativas parlamentarias neste senso.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: