Guerra de Santos; cando o San Mauro estranxeiro quere acabar co San Amaro galego
Temos en Bexo, no Concello de Dodro, a Hermida de San Amaro infelizmente rotulada co nome de “Capela de San Mauro” con azulexos típicos de Portugal, e que posiblemente deu orixe á propia aldea. Xa en Dodro e nos Laíños existen numerosos toponímicos cos nomes de Amaro: O Agro de Amaro, A Granxa de Amaro, O Chedeiro dos Amaros, A Horta da Amara…
San Amaro é protagonista dunha lenda na que o santo galego se embarcou e puxo rumbo cara o Outro Mundo atopando nunha illa a Cidade de Prata onde quedou admirado das marabillas que alí atopou. Cando quixo coller o barco de volta deuse de conta que xa pasaran trescentos anos. Algúns queren ver nesta historia a mesma que San Ero da Armenteira que tamén pasou o mesmo tempo encantado co canto dun paxariño. O noso San Amaro non ten sitio no santoral católico oficial. É un santo do pobo que en certo modo foi utilizado para integrar no cristianismo unhas crenzas e tradicións arcaicas que se conservaban con moita forza no mundo rural e que tiñan moi pouco de cristiáns en forma de mitos do fin do mundo. É invocado como avogado das enfermidades reumáticas. A súa festividade é o 15 de xaneiro.
San Mauro, tamén chamado San Mauro de Anjou , de orixe italiano pola contra, goza de día propio no santoral, foi un discípulo de San Bieito, que fundou numerosos mosteiros por toda Francia. Non son os mesmos santos como nos pretenden algúns facer crer, nunha segunda re-cristianización na que o San Mauro, un secundario de San Bieito, pretende facer esquecer ó noso San Amaro.
San Amaro, con máis devoción
Aínda así, San Amaro ten unha grande representación e devoción en Galicia: da nome ó Concello de San Amaro en Ourense, ós lugares de San Amaro na Arnoia, en Barbadás, na parroquia de Portela en Barro, en Frades, en Meaño, en Lesón na Pobra do Caramiñal, en Barcia de Mera en Covelo…San Amaro de Arra en Sanxenxo foi un dos poucos que tivo parroquia propia que lle foi arrebatada na reforma parroquial de 1867.
Ten capelas dedicadas á súa devoción en Bexo de San Xoán Bautista de Laíño, en Cacheiro na parroquia da Canicouva en Pontevedra, en Menduíña na parroquia de Aldán onde tivo a categoría de igrexa matriz da parroquia mentres se construía a igrexa de San Cibrán onde o adro da ermida está rodeado por unha muralla na cal podemos ler claramente San Amaro, en Ames, en Fiós no concello de Parada do Sil, en Vilanova da Arousa, en Lira de Salvaterra de Miño…
Hasta cruceiros ten San Amaro na Illa de Arousa no lugar do Cruceiro…
O castro de San Amaro atópase no Monte da Costa; nel hai unha capela consagrada ó santo que lle dá nome que está en Salvaterra de Miño.
Festa de San Amaro e procesión co San Mauro
Nos lugares onde se festexa o San Amaro en realidade o santo que sacan en procesión é o San Mauro, o santo oficial. Festexamos a San Amaro e sacamos en procesión a San Mauro… Cousas dos galegos.
En Vilanova de Arousa celébrase a Festa dos Callos aproveitando a festividade de San Amaro onde sacan o santo en procesión o San Mauro, en Pazos de Borbén, na Arnoia, en Aldán, en Petelos de Mos, en Amoedo, en Matamá de Vigo, entre outras, tamén teñen unha romaxe e verbena na súa honra.
Hai dous cemiterios co nome de San Amaro: o da Coruña e o de Pontevedra. O da Coruña aínda conserva a toponimia orixinal, posiblemente pola proximidade da Torre de Breogán que fai preservar as lendas do pobo. En Pontevedra o nome oficial e “Cemiterio de San Amaro” pero desgraciadamente a maioría da xente nomea como San Mauro e o “Tanatorio San Mauro” ten as súas instalacións moi preto deste.
Cando o San Amaro se perde da onomástica galego
En concreto, nun padrón de San Clodio de 1580, Amaro aínda estaba entre os nomes máis frecuentes de varón; pero desde mediados do XVI as normas de Trento xa obrigaban o bautizo con “nombres de santos y santas que están en el cielo”. E debeu de ser a partir desa época cando se comezou a tapar a San Amaro con San Mauro e cando desaparecen os Amaro da onomástica persoal galega.
Como escribiu X.L. Méndez Ferrín na súa crónica no Faro de Vigo “Contra San Mauro”: “Nós, Sanamaro.”
BIBLIOGRAFÍA:
“Os santos titulares de parroquia en Galiza” de Xosé Manuel González Reboredo.
“Contra San Mauro” X.L. Méndez Ferrín en Faro de Vigo
JEANFRUJO. Blog de Frutos Fernández González. “San Amaro”