Cabeceira de San Martiño de Mondoñedo / Javier Castiñeiras

Inaugúrase en Foz o Centro de Interpretación da catedral máis antiga de España

No ano 870 o bispo San Martiño de Dumio, Braga, viuse obrigado a fuxir das invasións árabes que estaban a azoutar o actual Portugal. Fuxiu con algúns dos seus monxes trasladándose a un remoto lugar da Mariña Central moi preto da antiga sé episcopal de Bretoña, no actual concello de Foz. Alí fundou unha sé e construíu unha basílica sendo diocese ata o ano 1112. A basílica de San Martiño de Mondoñedo, erguida en realidade no século XI, é considerada por tanto a sé episcopal máis antiga de España, así como un dos templos do primeiro románico máis importantes de Galicia.

Mais este edificio, unha xoia da historia da arte galega, que foi declarada como Patrimonio Histórico no ano 1931, segue a ser unha das grandes descoñecidas do patrimonio episcopal galego. En 1985 foi declarada Ben de Interese Cultural, actualización da antiga declaración, e en 2007 foi declarada basílica. Pero non moitos galegos saben que antes do traslado que en 1112 fixo a raíña Urraca da sede ó actual Mondoñedo esta actual parroquial de Foz fora en tempos o que hoxe se consideraría unha catedral.

Mais o Concello de Foz e máis a Xunta aliáronse para que esta xoia románica non pase desapercibida. Se fai algún tempo o propio Concello de Foz inseriu na súa páxina web unha sinxela pero interesante visita virtual, o pasado sábado por fin quedou inaugurado o Centro de Interpretación do monumento. Foi a raíz do convenio asinado polo Concello, a diocese de Mondoñedo-Ferrol e a Consellería de Cultura, para crear na casa reitoral un pequeno espazo musealizado que serva para dar a coñecer in situ o importante templo. O investimento foi de 220.000 €, e dende este día 28 xa permite dar a coñecer a visitantes e veciños a importancia desta singular construción.

San Martiño de Mondoñedo foi a primeira catedral de España / romanicoaragones.com

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: