fbpx
Monte Xiabre dende o Lobeira / foto PavlemadridcommonsCCBy Wikimedia

Lumes, plantacións e talas acurralan ó monumental monte Xiabre

Tempo de lectura: 4 min.

Entre Catoira, Vilagarcía e Caldas érguese maxestoso o monte Xiabre. Un monte granítico na beira sur da ría de Arousa ó pe da desembocadura do Ulla e cunha altitude de 641 metros directamente sobre o nivel do mar. É practicamente a mesma altitude que a do monte Pindo, sendo un dos máis altos do Salnés e da zona. Mais, a diferencia de este, o monte Xiabre é un dos grandes descoñecidos de Galicia, tanto na importancia natural que tivo por séculos coma, e sobre todo, pola súa importancia cultural e arqueolóxica. Dende el se divisa toda a ría de Arousa.

Foi tradicionalmente un espazo natural privilexiado, pois este monte conta con precipitacións de ata 1.500 mm anuais, unha das máis altas de Galicia. Mais neste sentido foi perdendo progresivamente a súa riqueza. Varios foron os motivos. Por unha banda os lumes, xa que en agosto de 2005 sufriu un importante incendio que estragou gran parte do monte, repetíndose na vaga de lumes de 2006, recordándose pola fumareda de varios quilómetros de radio. Dende aquela ós incendios forestais súmase a plantación indiscriminada de eucaliptos, engadíndoselle tamén ó problema a redución da diversidade natural coa instalación dun parque eólico.

Laxe dos bolos / foto montetecla.blogspot.com

Un monte cun rico patrimonio arqueolóxico

Mais non so é un monte importante pola súa fertilidade senón tamén e sobre todo polo seu aspecto arqueolóxico. Pois neste sentido este monte é unha das xoias da ría de Arousa. Nun espazo relativamente reducido o monte contén todos o grandes monumentos da prehistoria galega, castros, petroglifos e mámoas. No alto de Gabia atópase o castro. Un poboado probablemente habitado dende o século II a.C. e nun moi bo estado de conservación, aínda que nunca foi escavado.

Tamén existen diversos petroglifos como o da laxe dos Bolos, o do alto de Sobreiras, ou das laxes dos curutos dos Pasos e das Bestas. Todos eles posúen unha cantidade inxente de labirintos, cazoletas e outros gravados xeométricos, a maioría deles aliñados en dirección ó lonxano Monte Lobeira. Tamén neste monte hai diversas mámoas ou túmulos a maioría na parroquia de Parroibas. O máis importante deles no lugar de Fonte Loureiro, do que, contan as lendas que está unido co castro a través dunha gabia ou túnel do que presuntamente lle viría ó castro o seu nome.

As últimas agresións ó patrimonio do monte

Mais ás reiteradas agresións ó entorno natural súmase unha nova desfeita. Pois o pasado día 17 de abril varios colectivos da zona interpuxeron ante a Consellería de Cultura unha denuncia pola desfeita nunha mámoa incluída no inventario do patrimonio arqueolóxico de Galicia. Foron as asociacións e colectivos Udmina Vivo, Anovaterra, Forneiriña e Irmandade Illa de Tambo. En conxunto presentaron unha denuncia polos danos producidos na mámoa do monte Fento 5 situada no monte veciñal da parroquia de Saiar.

Mámoa estragada no monte Xiabre

Tal e como comprobaron membros das asociacións, foi durante os traballos traballos de preparación do terreo para unha plantación forestal, retrobando e abrindo fendas. Afectaron a mámoa deixando a vista pedras  e  facendo  vertidos de lixo e cascallos situados na súa contorna. A mámoa afectada está situada no entorno do castro da Gabia, nun entorno de interese paisaxístico e arqueolóxico excepcional. Aquí se atopan tamén outras catro mámoas e o conxunto das Pedras Roibas recentemente incluído no Catálogo da Paisaxe a proposta dunha das asociacións.

Segundo os colectivos é “unha mostra máis da falta de interese e coordinación entre a Consellería de Medio Rural e a Consellería de Cultura”. Xa que, “a falta dunha política de xestión do patrimonio polo concello de Caldas, os responsables da Xunta de Montes son incapaces de identificar e marcar o patrimonio situado no monte”. Denuncian unha agresión máis a un elemento do patrimonio arqueolóxico, “ó mesmo que se producen  de xeito frecuente, en moitos casos por falta de información, identificación e sinalización dos elementos a protexer“.

Mámoa estragada no monte Xiabre

Os catro colectivos amosaron a súa “preocupación pola reiteración das actuacións á marxe de todo rigor e control arqueolóxico”. Solicitaron que, “para o monte Xiabre e os territorios con patrimonio arqueolóxico, se adopten medidas de prevención, sinalización e seguimento dos traballos forestais“. Porque en resumo, moitas destas desfeitas patrimoniais irreparables poderíanse ter evitado de ter haber unha simple colaboración entre os diferentes departamentos da Xunta.

Outros problemas

Mais dende as asociacións lémbrannos tamén outros problemas que mantén dende fai anos o excepcional patrimonio do monte. “Lembramos que o petroglifo da laxe dos Bolos, situado tamén en terreos do monte veciñal da parroquia de Saiar, resultou afectado polo lume deixando a súa pegada nunha zona da laxe por estar cuberta por vexetación e musgo”. Solicitan a súa restauración pola Consellería de Cultura e a axeitada sinalización e seguimento para evitar danos nos posibles traballos forestais que se leven adiante no futuro.

Mais tamén recordan dende as asociacións que non son os únicos problemas. Outros conxuntos do monte Xiabre incluídos no Catalogo da Paisaxe, como a fervenza de Fridauga, o sobreiral do Picouto e varios conxuntos de petroglifos están pendentes de medidas de restauración e coidado dende fai tempo. Especial atención require tamén o espazo ocupado por preto de 20 laxes con gravados no monte da parroquia de Cea, no comentado alto das Sobreiras, un espazo único no Salnés e especialmente fráxil. O colectivos piden a Xunta medidas definitivas para a súa preservación.

Vista dende o monte Xiabre / foto montetecla.blogspot.com

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...