fbpx
Colexio do Cardeal de Monforte, o chamado "Escorial Galego" / foto susobandeCC0

Monforte perde as súas vivendas máis singulares a persares do Plan de Protección do Casco Histórico

Tempo de lectura: 2 min.

Monforte, imaxe aérea / foto Concello de Monforte

Monforte de Lemos é unha das vilas máis privilexiadas de Galicia no tocante ó seu patrimonio cultural. É a capital das Terras de Lemos e a porta da Ribeira Sacra. É unha das vilas privilexiadas en monumentos, coma o Colexio do Cardeal, o mosteiro de San Vicente do Pino, a torre da homenaxe do castelo dos Condes de Lemos, a Ponte Vella, a Xudería, o Pazo de Tor… e museos coma o de Arte Sacra, o de Nosa Señora ou o do Camiño de Ferro. Mais unha parte substancial da riqueza monumental desta vila nace do seu propio casarío, a herdanza dun casco histórico tamén privilexiado, cunha importante xudería, zona vella cercada e barrios extramuros e subpontem.

Mais, como é habitual nos cascos históricos galegos, a protección monumental como Ben de Interese Cultual limítase a pouco máis que o núcleo cercado da cidade, aquel que estaba rodeado por murallas ou cercas, quedando libre de protección todo aquel casarío que queda fora destes límites. Así, o Monforte histórico e centenario que chegou ata nós, e que ten exemplos de vivendas excepcionais e únicas, polo xeito de facer planificación no último terzo do século XX, non protexe amplas zonas do casco. Isto fai que ó longo do último medio século, e co desenrolo das formas industriais de construción, síganse perdendo exemplos excepcionais de vivendas da vila, que ningún dos gobernos, de diferentes cores políticas, foi capaz de atallar.

Edificios de diferentes épocas no casco histórico de Monforte / foto Historia de Galicia

Pois precisamente, este pasado martes, a edición local de La Voz de Galicia recollía como de novo a vila perderá outra das xoias do seu casco histórico. Neste caso é un edificio de galerías, unha tipoloxía tradicional do século XIX, e que ata vai pouco era predominante na vila. O edificio do número 8 da rúa Roberto Baamonde era un dos exemplos máis excepcionais que se conservaban aínda de arquitectura desta tipoloxía na vila, cunha artística estrutura en madeira de decoración xeométricas e cristais tintados de cores, semellante a outros exemplos da Coruña ou Viveiro. Esta vivenda únese a outras ruínas importantes da vila, coma tres inmobles preto da estación de ferrocarrís, un inmoble na rúa Calvo Sotelo, a histórica Casa Penedo, entre moitos outros.

Colexio do Cardeal co seu entorno, onde conviven edificios históricos e novos / foto Historia de Galicia

Pode que che interese...