Dolmen de Dombate / foto Íñigo M. Riobó

O Dolmen de Dombate convértese en epicentro cultural da Costa da Morte

A catedral do megalitismo galego estase a converter tamén nun lugar de peregrinación cultural durante a Semana Santa. O dolmen de Dombate, no concello de Cabana de Bergantiños é un dos principais reclamos da Costa da Morte da semana por excelencia do turismo de inverno de Galicia. Mais non so na Semana Santa, na que este ano tivo unha especial acollida de actividades e de público, senón tamén, na primaveira, este espectacular monumento de vai 6.000 anos será un dos grandes referentes da cultura do noroeste de Galicia.

E é que segundo Ángel Eiroa, máis coñecido como Lito, histórico guía dos monumentos de Borneiro, esta Semana Santa superou con creces as expectativas e a cifra de visitantes dos anos anteriores. Chegando a acadarse máis de 400 persoas nun so día. E é que nesta Semana Santa a Deputación da Coruña e o Concello apostaron fortemente polo dolmen como referente do turismo da Costa da Morte. Horarios de visitas reforzados, artesanía, astronomía e rutas entre os principais monumentos da contorna fixeron do vello Dombate un epicentro da cultura. Unha vez máis os horarios de atención ó público estendéronse todo o posible, de 9.00 a 21.00 horas, e as visitas guiadas feitas polo propio Ángel Eiroa e por Virginia Ameijenda foron tamén, coma sempre, de balde.

Artesanía, astronomía e turismo

E é que esta Semana Santa o Centro de Interpretación do Megalitismo de Galicia contou con algunhas novidades que enriqueceron de xeito salientable o complexo e achegaron visitas ó xacemento. Sen dúbida unha das sorpresas que acharían os visitantes sería a intervención de artesanía in situ do cesteiro Jaime Gagino Nantón, que xa no mes de decembro estivera no xacemento. O cesteiro de Cabana non so fixo unha exhibición de artesanía no lugar senón tamén ensinou o tecido do bimbio e vendeu algunhas das súas creacións.

Esteiro do Anllóns en Cabana de Bergantiños / foto Íñigo M. Riobó

A outra gran novidade de este ano foi unha sesión de astronomía in situ no que Antón Bouzas, do colectivo A Rula, axudou polas noites ós visitantes a comprender o ceo nocturno dunha das zonas de Galicia con menos contaminación lumínica. Os ceos da Antiga Gallaecia (Arqueoastronomía na Costa da Morte) foi o título escollido para a sesión. Tamén o dolmen de Dombate foi escenario do percorrido do Tren da Historia, un tren turístico que, xunto cos dous concellos veciños, visitou as Torres do Allo, en Zas e os Batáns do Mosquetín en Vimianzo.

Unha primavera de obradoiros

Mais a aposta por Dombate non se limita so a Semana Santa, nin moito menos. Senón que a aposta da Deputación e máis do Concello por converter este monumento en epicentro do turismo cultural da Costa da Morte prolongarase ó longo de toda a primavera, ata o 30 de xuño. As visitas guiadas seguirán en horario estendido, de martes a venres de 10.00 a 14.00 e os sábados e domingos de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. Tamén se promoverá a difusión do monumento coa impresión de folletos e mapas elaborados polo GDR Costa da Morte, con información do megalito e de toda a comarca.

Outra das novidades do mes de abril serán tamén os obradoiros didácticos. Pois no propio centro de interpretación engadiráselle unha nova zona expositiva coa recreación dunha vivenda neolítica. Mais despois desta apertura seguirase coas actividades, cunha campaña intensiva de obradoiros sobre a prehistoria que dirixirá Galipat Servizos Culturais, orientados ós centros de Infantil e Secundaria. Mais o último protagonista seguirá a ser o tren turístico entre os monumentos dos tres concellos. Serán os rapaces de primaria dos C.P.I. da contorna quenes visitarán de xeito guiado os tres monumentos. Todas estas iniciativas programadas ata o 30 de xuño pretenderán ser banco de probas de cara ó verán.

Santuario de Carme do Briño en Cabana de Bergantiños / foto Íñigo M. Riobó

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: