fbpx
Castro de Barreiras con fachos / Concello de Vimianzo

Os fachos asaltan o Castro das Barreiras e o Castelo de Vimianzo

Tempo de lectura: 3 min.

O pasado 2 de abril, tal e como informábamos neste xornal, comezaron as escavacións do castro das Barreiras no val de Ogas, en Vimianzo, un dos xacementos da era castrexa máis singulares da Costa da Morte. Unha actuación autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio, e financiada integramente con fondos propios do Concello, dirixida polo arqueólogo Ángel Concheiro Coello, e que é unha das actuacións máis agardadas nesta comarca. Mais precisamente o grupo de traballo do castro non se conforma con desenterrar o xacemento e darlle un novo monumento visitable ó rico patrimonio de Soneira, senón que queren, dende o principio, implicará propia cidadanía no desenvolvemento dos traballos.

Castro das Barreiras en Vimianzo / turismovimianzo.com

Así, varias son as iniciativas que o grupo puxo xa en marcha para divulgar este patrimonio, entre elas a organización de visitas guiadas ó xacemento así como a implicación dos veciños na difusión dos traballos a través das redes sociais. As visitas guiadas, segundo puido coñecer este xornal, faranse os venres e terán como anfitrión ó propio Tito Concheiro, director das escavacións. No tocante ás redes sociais, o grupo de traballo xa ten perfís abertos nas principais, dando conta dende o comezo da actuación do desenrolo das mesmas, apelando ós cidadán a coñecer os seus traballos e o propio monumento.

“Quedades todxs convidadxs. Comeza a crónica do proxecto Barreiras 2018” así dicía algunha das primeiras publicacións. Tamén se invitaba ó acceso na propia páxina web do xacemento, dentro do portal do Concello de Vimianzo, e se lanzaba un potente logo co que o grupo de traballo pretende centrar as atencións. Nesta web e nas redes sociais, polo de agora, vaise informando ó público de todas as novidades que aparezan no xacemento, así como os avances que se produzan nos traballos. “Comeza a asomar o vello poboado de Ogas. Observade que tamañazo promete esta cabana!!”, dicían no portal, entre outros moitos comentarios.

Fachos, lendas e historiografía do xacemento

Logo da campaña do Castro das Barreiras _ Concello de Vimianzo

“Contan que hai moito tempo os habitantes das Barreiras loitaban contra os do castelo, nunha desputa continua polo dominio do val de Vimianzo”, di un dos primeiros comentarios. Máis, aínda que este exemplo non deixe de ser unha lenda, o certo e que para o Concello esta loita metafórica é o símbolo dun irmandamento entre os dous dos principais monumentos da vila, co permiso de muíños, dolmens e pazos. “Non hai tanto houbo un Asalto ao Castro, cos mesmos fachos do Asalto ao Castelo de Vimianzo. Foi durante as Xornadas sobre investigación, didáctica e comunicación da Idade do Ferro, celebradas en setembro de 2012. Estas serviron como importante reivindicación do valor das Barreiras, sobre todo cun nocturno acto simbólico”.

Tamén a historiografía do propio castro xoga un papel capital, recordándonos non so os estudios e prospeccións feitas no pasado, senón tamén a importancia que este xacemento tivo entre os veciños. Foi o histórico arqueólogo Manuel Chamoso Lamas un dos primeiros en traballar pola preservación do castro, solicitando persoalmente que trala concentración parcelaria quedase este en mans do Concello, o que permitiu que pervivira ata hoxe. Tamén define no portal o estado do propio castro a mediados de século, coa publicación dunha foto dun voo americano extraída do IET da Xunta de Galicia entre os anos 1956 e 1957. Nela vese o xacemento nun estado de conservación moi semellante ó de hoxe, en medio de plantacións, mais libre das edificacións de vivendas que a día de hoxe o cercan.

Catas arqueolóxicas no castro de Barreiras / foto Concello de Vimianzo

Pode que che interese...