fbpx
Escudos castrexos sobre un dos muros do castro de Borneiro / foto HdG

Pio, fundador da libraría Komic: “Aínda queda moita historia da Gallaecia por debuxar”

Tempo de lectura: 4 min.

Xosé Barreiro, “Pío, foi o fundador da libraría Komic en Santiago,a primeira especializada en banda deseñada de Galicia que leva funcionando ininterrumpidamente dsde hai tres décadas. Divulgador de banda deseñada e coeditor de varias obras con Demo Editorial, entre elas catro volumes da adaptación biográfica á banda deseñada da vida de Castelao.

Pio participa no II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia que terá lugar en Lugo entre o 4 e 5 de maio.Haberá obradoiros para que a rapazada aprenda a debuxar viquingos ou cabaleiros medievais, un roteiro histórico e unha sesión vermú de contacontos históricos. As persoas interesadas tamén poden levar aos seus fillos e fillas a un obradoiro de infantil teñen que apuntarse en https://historiadegalicia.gal/ii-encontro-banda-desenada-historica-de-galicia/. Para os que lles gusten as andainas tamén hai unha oferta interesante; unha visita ao lugo romano oculto (apuntarse en www.rutasdehistoria.gal).

É a segunda vez que participas neste Encontro de Banda Deseñada. Cal é a impresión que tes do pasado ano? 

Agradecido pola convocatoria do pasado ano e por repetir nesta segunda edición. Miro moi necesarias estas accións de divulgación da BD, un medio que ainda ten que medrar moito en número de lectores e na consideración social do que representa.

Cres que este tipo de eventos son necesarios?

Tal e como falamos na pasada edición, a BD histórica é un xénero necesario e útil para a dar a coñecer momentos do pasado que doutra maneira non chegan a un público tan amplo, tamén para traballar nas aulas como material divulgativo e de consulta para os máis novos. Aquí en Galicia é un viveiro de historias inmenso e inagotable.

Como é a vida dun libreiro que vive de vender libros ilustrados?

Ainda que desde fóra pode semellar outra cousa, non é moi diferente a de calquera outro libreiro, talvez ten un pouco máis de cor (Sonrisa). Como acostumamos dicir, no noso caso non é un problema levar traballo para casa porque sempre gozamos coas novas lecturas e no noso país sempre hai moitas novidades para ler a todas horas en calquera mes do ano. Por outra banda as dificultades para seguir adiante coa libraria, conceptuada como unha pequena empresa, seguen a ser moitas. Nós temos unha clientela moi fiel, gañada ao longo dos 32 anos de traballo, é algo do que estamos moi orgullosos e agradecidos e o que nos permite seguir adiante

Hai mercado da ilustración en Galicia?

Galicia non é mal sitio para editoras e librarías en relación con outros territorios do estado. Se nos comparamos con Francia xa non saímos tan ben parados, nen en cantidade de lectores nin en número de exemplares vendidos, nesa relación as tiradas en España son ridículas. Sorprendentemente edítanse moitísimos títulos pero a gran maioría non se venden ou se venden moi pouco. En Galicia, falando de BD, é paradóxico que o nivel de edición sexa tan baixo en relación a cantidade de autoras e autores que temos, pero se miramos as estadísticas, no resto de xéneros o libro se atopa tamén nunha situación precaria.

Que é o que máis busca a xente nunha librería de cómic?

Ainda que desde fóra as librerías especializadas en BD poidan parecer semellantes, nada máis lonxe da realidade. Existe xa unha especialización dentro da propia especialidade, KOMIC está máis orientada ao cómic europeo de adultos e nenos, cando a maioría das librerías orientan os seus fondos a un público entre 15 e 30 anos.

E cales son os autores e as obras máis demandadas?

Autores e obras é un tema a tratar con máis profundidade, recomendamos mirar a nos web komic.es para facerse unha idea do que nós consideramos esencial.

Librería Komic / HobbyConsolas

E de autores galegos?

O mesmo…. Son tantas e tantos. Intentamos manter actualizada a sección de galegos na nosa web, ademáis dunha listaxe, tamén intentamos incluir as obras de autores de fóra traducidas ao galego.

Aí está Demo Editorial tentando facer cómic en galego. Hai demanda de banda deseñada en galego?

Demo é talvez a editora con máis principios, dito no sentido de que só edita BD e, salvo un par de excepcións, todo en galego e de autores galegos. Por unha parte hai demanda pero por outra, aos editores resúltalles difícil competir co resto do mercado. O mundo dos libros é unha cadea na que non pode haber ningún eslabón débil para que un libro remate sendo un éxito editorial. É complexo e, no caso de Galicia, ainda máis.

Cabana de Balieiros, do ilustrador Tokio

Que libros recomendas sobre a antiga Gallaecia, ou aínda está esa parte da nosa historia por debuxar?

Nós impulsamos hai uns anos a biografía de Castelao da que levamos catro libros, sempre xunto con Demo continuamos con unha obra xuvenil, Aleida, ambientada na Compostela medieval. Este ano vamos a sacar ao mercado dous novos títulos e para o 2019 xa temos outro en proceso de preproducción. Todos son temas de Galicia. Por isto sabemos ben das dificultades de editar só en galego. En relación ao enorme potencial artístico que temos a edición e minúscula e as axudas institucionais nulas, pero así seguen as cousas cando se trata de cultura.

Da antiga Galicia hai moi poucas obras en BD, ademáis das de Pepe Carreiro, O máxico arrecendo de Fran Bueno que é unha obra do seu período de estudante de belas artes. A Torre dos Mouros de M.Cráneo. Do medievo, a citada Aleida, Os lobos de moeche e A espada de San Eufrasio…en fin está todo por debuxar. Pode ser que se me esqueza algo.

Ti, persoalmente, en banda deseñada, con que periodo histórico te quedas?

Gústame o pasado e, agora, máis que nunca. Hoxe hai tantas propostas que en calquera aparecen xenialidades. Sobre os meus gustos no cine ou libro pois si teño, pero sobre o cómic é máis difícil. Na banda deseñada hai unha sobreedición, como no resto da industria editorial, e chegan moitas propostas.

Pode que che interese...