fbpx
Xavi é un vasco que recreou en Repil a un dos guerrilleiros antifranquistas / Xurxo Salgado

Repil, 1949: Como foi unha das últimas grandes batallas dos guerrilleiros antifranquistas en Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

Repil, lugar de Pobra do Brollón, na terra de Lemos. Alí tivo lugar en 1949 unha das batallas máis importantes da posguerra despois da Guerra Civil. Foi na Casa do Facha, onde se ocultaba toda unha partida de guerrilleiros que foi rodeada por centos de militares e gardas civís. Morreron sete persoas, cinco guerrilleiros e dous veciños que os axudaban tal e como relatou noutra reportaxe Historia de Galicia.

Os arqueólogos volverán escavar toda a zona para tentar reconstruir a batalla que alí tivo lugar un 20 de abril de hai 69 anos. Logo deste suceso traumático para a comunidade a casa foi abandonada e esquecida. Pero Antonio Díaz Amaro, descendente dos propietarios, mantivo viva a memoria do lugar e foi un dos impulsores de que se recuperara a historia da batalla de Repil.

En 2016 o lugar foi recuperado polos arqueólogos cunha perspectiva de Arqueoloxía do Conflito e cunha finalidade de converter o espazo nun recurso para a Educación na Paz e na Convivencia. O enclave foi obxecto, entón, de diversos estudos de distintas disciplinas incluíndo dende o baleirado documental de revistas e outros documentos da época, a entrevista cos veciños e descendentes dos protagonistas ou o estudo dos materiais arqueolóxicos atopados.

Nesta campaña, ademais da excavación en si, incorporaránse novos métodos como a utilización dun gradiómetro co que se realizará un estudo magnético do subsolo puidendo revelar estruturas non visibles en superficie.

Escavacións da casa onde tivo lugar a Batalla de Repil na que morreron catro guerrilleiros e tres veciños a mans da Garda Civil en 1949 / Xurxo Salgado

Salvada polos brigadistas

O uso do gradiómetro é idóneo neste momento xa que o lugar se atopa limpo de vexetación logo dos devastadores incendios de 2017. Durante a vaga de lumes o inmoble foi cercado polo lume mais salvado polo esforzo dos brigadistas.

Tal como comenta Xurxo Ayán, director de intervención “Se os incendios foran dous anos antes, a Casa de Repil seguramente sería arrasada, pero no 2017 o lugar xa era un lugar con significado para os mozos brigadistas que participaron na extinción”.

Xurxo Ayán, o arqueólogo encargado da escavación da casa de Repil, xunto con Antonio, familiar dos propietarios e o tamén arqueólogo Felipe Criado / Xurxo Salgado

Reconstrución da vida dunha parroquia

Ayán incide na importancia desta segunda intervención arqueolóxica polo deterioro do propio lugar arqueolóxico e pola curta duración da primeira campaña. A intervención, que está promovida pola Asociación de Veciños María Castaña de Cereixa e o Concello da Pobra do Brollón está conectada á outra gran aposta arqueolóxica do territorio: O Castro de San Lourenzo.

“Temos unha visión integral do territorio e da historia” comenta Ayán, “O que estamos a facer no castro é unha peza máis; o que queremos é reconstruir as formas de vida da parroquia de Cereixa: O castro, María Castaña, a emigración, a Casa de Repil, etc, todo son pezas do mesmo puzzle”.

Realización dunha xornada Guerrilleira

Como complemento á campaña de escavación, o próximo Sábado 21 organízase unha xornada con charlas e distintas actividades na Pobra do Brollón sobre o mundo guerrilleiro en Galicia.

Pode que che interese...