fbpx
San Pedro de Soandres, cabeceira / foto Íñigo Mouzo Riobó

San Pedro de Soandres, a xoia gótica descoñecida de Bergantiños

Tempo de lectura: 4 min.

San Pedro de Soandres, fachada occidental / foto Íñigo Mouzo Riobó

O 30 de agosto do ano 956 o Conde Pelayo doa ó mosteiro de Soandres as terras de Soutomaior, Coiro, Golmar, Erboedo, Vilaño, Cabovilaño e Cerceda. Esta é a primeira mención documental que se conserva deste antigo mosteiro. Dende aquela sábese que este mosteiro bieitoo exerceu unha importante influencia sobre as terras da comarca. Poren este vello mosteiro, convertido hoxe en parroquial de Soandres, e con so algúns dos edificios orixinais da abadía, é hoxe un dos grandes descoñecidos da comarca de Bergantiños.

Na súa orixe o mosteiro estaba baixo a protección de San Salvador, advocación habitual na Alta Idade Media, máis en 1351 o rei Pedro I de Castela demostrou a súa devoción polo templo eximíndoo de pagar as taxas de yantare e colleita. A partires dese momento, en agradecemento, os monxes decidiron mudar a advocación do templo a San Pedro. Foi a orixe tamén do esplendor arquitectónico do templo que chegaría ata nós coa feitura daquela época, xa que a construción actual data de finais daquel século XIV, non correndo tanta sorte as dependencias monásticas.

San Pedro de Soandres vista xeral / foto Íñigo M. Riobó

O mosteiro, que se conserva no sur do concello de Laracha, é o que se accede dende a AC-525 en dirección á Cerceda, tomando despois a DP-1913 é un dos exemplos máis curiosos de templo bieito e un dos poucos exemplos monásticos conservados da comarca. Isto é porque, despois do esplendor do século XIV, a finais do século XV e comezos do XVI o mosteiro comezaría a perder privilexios, quedando como un mosteiro de tamaño medio, co que finalmente sucumbiría durante as desamortizacións do século XIX. Porén isto o fai un exemplo singular xa que o conxunto a día de hoxe é un dos poucos exemplos de mosteiro bieito que conserva a maior parte do seu templo en estilo oxival.

San Pedro de Soandres, detalle / foto Íñigo Mouzo Riobó

Un templo singular

É un templo sobranceiro neste sentido, amplo e destacado, con tres naves e tres ábsidas escalonadas con recios contrafortes e altos vans oxivais, dunha feitura volumétrica especialmente rica na súa cabeceira. Ten a particularidade de ter tamén canzorros de estilo románico o que denotaría que o templo debeu de erguerse sobre outro tamén importante do século XII. Sacristía a e corpo de naves corresponden a unha época posterior, así coma as estancias monásticas, hoxe aínda en mans privadas, dos séculos XVIII e XIX. Destaca por último a súa espadana correspondente tamén e mais as súas campás de singular feitura.

San Pedro de Soandres, sino / foto Íñigo Mouzo Riobó

Interiormente esta dualidade entre gótico e barroco se percibe aínda mellor. Se ben as tres naves se cobren con bóveda de canón descansan sobre arcos, vese con claridade a diferencia entre barrocos na zona occidental e góticos na oriental. Na cabeceira ábsidas poligonais cobertos de cúpulas nervadas y el arco apuntado triunfal. Destaca tamén polo seu baldaquino e dous retablos barrocos, así como unha escultura de pedra policromada de Santa Marta e dúas pequenas tallas de Santa Marta e Santa Lucía. Existen tamén varias inscricións medievais das que algunha delas se considera prerrománica.

No tocante ás dependencias monásticas, tras a desamortización conserváronse so en parte, hoxe en mans privadas. Os edificios que se conservan na súa meirande parte proceden do século XVIII e XIX, adosados ó templo en forma de U xerando no seu interior un pequeno patio ou claustro de reducidas dimensións. Afortunadamente a parte correspondente á parroquial foi rehabilitada na década de 1990, restaurándose tamén o seu adro convertido nunha atractiva praza pública que permite apreciar como é debido o templo. Ademais fai uns anos construíuse unha segunda praza no entorno, que á súa vez serve de aparcadoiro. Hoxe, aínda que a parroquial non sempre se atopa visitable e moito menos os espazos privados, o lugar segue sendo unha das visitas obrigadas do Concello de Laracha.

 

 

San Pedro de Soandres, hórreo / foto Íñigo Mouzo Riobó

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...