fbpx
Carballeira / foto SchwoazeCC0

Santiago conmemora esta fin de semana o día en que Galicia entrou no Rexurdimento

Tempo de lectura: 4 min.

O 2 de marzo de 1856 tivo lugar no concello de Conxo, actualmente integrado en Santiago de Compostela, un banquete histórico, polo seu simbolismo e polos seus participantes. Un banquete que marcou, ademais, o inicio dunha nova época e unha nova xeración, a do Rexurdimento, e a confirmación de que o Antigo Réxime tocaba ó seu fin. Esa tarde de finais de inverno, xuntáronse en Conxo estudantes liberais e integrantes da clase traballadora nunha comida de irmandamento non vista ata aquel momento.

Cartel Banquete de Conxo / Concello de Santiago de Compostela

Un banquete, no interior dunha carballeira preto do mosteiro de Conxo, organizada por eruditos e estudantes, unha clase privilexiada daquela. Mais á comida foron invitadas persoas de todos os estamentos de Santiago, patróns e obreiros de todos os oficios representados na cidade, e autoridades culturais do momento como Luís Rodríguez Seoane, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal ou Rosalía de Castro. Todos foron sentados á mesma mesa, e foron os estudantes, aquela clase privilexiada daquel momento, quenes vestidos de etiqueta serviron a cea a operarios e patróns.

Mais o por que deste provocador feito hai que buscalo nun momento de grave crise económica. Esta estaba na súa plenitude a mediados do século XIX sendo tempos de fame e desemprego. Foron ademais as malas colleitas de 1853 as que meteran á poboación nunha situación moi complicada, dando pé o seu levantamento e a represión por parte das autoridades. O acto foi organizado polo sector máis progresista da cidade e foi especialmente simbólico pois nel trataron de subverterse as ideas de clase, entroncando así de feito cos grandes movementos sociais europeos. Tamén se di que o acto deu orixe Galeguismo.

A conmemoración 

Este pasado marzo fixéronse exactamente 163 anos daquel acontecemento. Tamén, tal e como contábamos neste xornal, dous da publicación do libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo, da editora Alvarellos. Agora o Concello quere chegar máis alá e revivir aquel feito histórico cunha serie de celebracións conmemorativas no barrio compostelán. Aproveitarán para iso a inauguración dunha senda urbana polo Sar que atravesa o que resta daquela histórica carballeira. Os actos estenderanse esta fin de semana, os días 21 e 22 de abril.

A desaparecida gruta da fonte da virxe, en Conxo

Mais o pasado sábado día 14 algúns dos protagonistas daquela histórica cea xa se deixaron ver pola cidade anunciando o que esta fin de semana se celebra. Foron en concreto Rosalía de Castro e mais a Cacheirana -unha muller que viviu tanto os Fusilamentos de Carral coma o Banquete de Conxo- quenes personificadas polo grupo de teatro Os Quinquilláns pasearon polas prazas de Compostela anunciándolle a obreiros, clases liberais e estudantes o que unha semana despois se conmemoraría. Estiveron acompañadas pola animación musical de Luis Caruncho.

Actos en lembranza

Mais hoxe e máis mañá, ó longo de todo o día, das 11 da mañá as 21.30 ou 20.30, respectivamente, a praza nomeada de Aureliano Aguirre, diante do Mosteiro de Conxo, acollerá un mercado de artesanía e do libro con diversas actividades. Haberá presentacións e sinaturas de libros, por parte de autores como María Mejide, Francisco Narla, Alba María Rodríguez, Ramiro Peralta, Blanca Millán ou Roberto Sobrado, e actuacións coma a de Noe Black & The Bang Band, Ukestra do Medio ou Fanfarria Tiquicardia así como novas actuacións dos Quinquilláns.

O poeta Aurelio Aguirre

Pero non serán as únicas actividades destes días senón que a fin de semana preséntase enchida de actos no entorno de Conxo. Haberá dúas visitas guiada ó bosque conducida por Henrique Alvarellos, este sábado ás 12 horas e o domingo ás 18.30, unha recreación do Banquete de Conxo, representada por Os Quinquilláns o domingo ás 14 horas e unha hora despois, no mesmo lugar, na propia carballeira, haberá un xantar e romaría popular con brindes de veciños e veciñas, seguido dunha foliada de música tradicional conducida por Os Fondaos do Pifano, Muiñeiros do Sarela e Do Fondo do Peto.

Haberá un desfile teatral, o domingo ás 11 da mañá, dende o centro de Santiago ata Conxo saíndo da praza do Toural, un Pregón da Festa do Banquete, dirixido por Marisa Álvarez, concerto da Banda Municipal de Música de Santiago e un concerto da Coral do Psiquiátrico de Conxo e da Coral de Solfa. Tamén haberá unha retrospectiva divulgativa do feito cunha mesa redonda dirixida por Marcos Lourenzo, actividades divulgativas para nenos e unha festa da poesía conducida por María Lado. O programa pode consultarse aquí.

Carballeira de Conxo na que tivo lugar o banquete entre estudantes e obreiros en 1856

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...