fbpx
A estación petroglífica da Pedreira arrodeada dun mar de toxo / Capitán Gosende

Unha constelación de coviñas, novo achado rupestre atopado en Forcarei

Tempo de lectura: 4 min.

O domingo 25 de marzo, xornada que precedeu á paréntese vacacional, sete mariñeiros de terra dentro pertencentes á tripulación do Capitán Gosende (nao sen goberno) puxeron rumbo ao caladoiro da Pedreira (Pereira-Forcarei) por ver de botar as redes, novamente, naquela pesqueira rica en petróglifos.

Nesta singradura, coas nosas artes e aparellos tradicionais e sempre contra o vento, tentariamos achar bo peixe nas lombas de poñente dun bravo mar de toxo. Rebulíanos no maxín percorrer de vagar o cuadrante oeste, tarefa adiada polas condicións meteorolóxicas adversas. Moito ten que chover e ventar para non botar porta/porto fóra.

O camarada Soto, vello lobo de mar, fotógrafo do colectivo e reputado DJ, amenizou a viaxe cunha inmellorábel selección de música hard rock. Cando chegamos ao noso destino, atronaba en cuberta o tema “Sweet talker”, a “Doce falangueira” dos británicos Whitesnake (Serpe branca). Os camiños da Moura, nosa Señora, son inescrutábeis. Fondeamos o Peugeot 307 aínda co corazón latexando ao ritmo da percusión e, como de costume, esparexémonos polo orbe seguindo a inefábel, que non infalíbel, búsola da intuición.

Petroglifo da Pedreira VII / Capitán Gosende

Optei por internarme na toxeira canto antes, sen anestesia. Así que as pernas se afán ao espiñento castigo (vía purgativa), os sentidos evádense da inmediata trivialidade e adoptan o search mode (vía iluminativa), indispensábel para viaxar no tempo e atinxir a motivación de quen, hai 4.500 anos, escolleu aquelas pedras para enviarnos unha mensaxe tan secreta coma transcendente (vía unitiva).

O achado

O lance místico acadara xa as dúas horas cando, de súpeto, a Serpe branca falou entre sibilantes, premiando o noso esforzo sabuxo. Solícita e comprensiva, volveu levarnos da man até outro dos seus esquecidos santuarios.  O novo achado, identificado co nome “Petróglifo da Pedreira VII” (coordenadas.- X: 554.770; Y: 4.719.739; alt. 658 m), componse de 21 coviñas agrupadas-dispersas.

O inscultor milenario elixiu nesta ocasión un afloramento granítico que orienta a súa pendente cara ao oeste. Segundo o noso criterio e a primeira vista, o relanzo insculturado da peneda presenta dúas seccións. A sección norte empregouse para plasmar a constelación de coviñas (21), repartíndoas de xeito desigual por unha superficie irregular e a distintos niveis. Orientadas de leste a oeste, tres gretas-desaugadoiro (naturais) dividen a sección e, xa que logo, o petróglifo, en catro subseccións. Co noso nariz apuntando cara ao leste, na subsección da esquerda contamos 11 coviñas (agrupamento anárquico?). Na seguinte subsección, 3. Na seguinte, outras 3 (unha das coviñas tallouse no leito da greta divisoria). Na cuarta subsección non discernimos coviña ningunha. Dous cachotes soltos coroan este espazo. Na parte superior dun dos cachotes gravouse outra coviña. As restantes  coviñas (3) espállanse circundando o conxunto principal. O diámetro das 21 concavidades rexistradas en Pedreira VII oscila dos 7 aos 3 cm.

Petróglifo da Pedreira VIII / Capitán Gosende

A un nivel inferior, encaixada entre a sección norte e un cachote seccionado, a sección sur da peneda non se empregou (sempre a primeira vista) como soporte inscultórico, porén, nela chaman a atención 5 canles abertas na rocha que, de anchura disimilar e en paralelo, desaugan cara ao oeste. Co nariz indicando o leste, as tres primeiras canles pola esquerda teñen fondo plano, diferenciándose das gretas e canles obradas polos axentes erosivos. A anchura destas canles é de 15, 10 e 8 cm respectivamente. Coidamos probábel a intervención humana. As dúas canles seguintes (4 e 9 cm respec.) semellan obra da natureza.

8 coviñas

Dende a esculca de Pedreira VII, enxergamos cara ao sur e a escasa distancia (uns 60 m) outro afloramento granítico. O penouco localízase nunha leira acoutada por un valo de pedra. Deslocados ao sitio, batemos con outro gravado rupestre (coordenadas.- X: 554.728; Y: 4.719.700; alt. 647 m). O petróglifo, que nomeamos Pedreira VIII, componse dun agrupamento de, cando menos, 8 coviñas, unha delas tipo “bacilo” (dúas coviñas unidas por mor da erosión). O diámetro de ditas concavidades oscila dos 11 aos 5 cm. A peneda que serve de soporte ao gravado tamén atura unha morea de lixo común (calzado dispar, solas soltas, farrapos, plásticos, metais ferruxentos…) mesturado con lixo vintage (potes e caldeiros de fundición, cofainas e penicos de porcelana, redomas e xeringas de vidro…).

Os petróglifos Pedreira VII e VIII localízanse a 400 e a 430 m (respec.), en liña recta e cara ao sueste, do lugar de Alende.

10 novos petróglifos atopados en Forcarei

Dende o 21 de xaneiro do presente ano, data na que principiamos as tarefas de busca de arte rupestre no concello de Forcarei, o colectivo Capitán Gosende descubriu xa 10 petróglifos, labor do que foron puntualmente informados. Lembremos: 8 no monte da Pedreira, 1 no Revoltón (Pereira) e 1 no monte de Filloi (Aciveiro).

Hoxe por hoxe, os gravados rupestres catalogados por Patrimonio en Forcarei ascenden a media ducia (a maioría, cruciformes e medievais/modernos). Agardamos a pronta catalogación dos novos achados (datábeis no período Calcolítico-Idade do Bronce) e a súa pertinente protección e valorización. O cotarelo da Pedreira ben merece unha mínima sinalización e interpretación. A autoridade local aínda non se manifestou ao respecto das descubertas. Preocupante, pois, como aconteceu con Cerdedo, o desinterese pola cultura propia é o estadio inmediatamente anterior á extinción.

Pola nosa banda, prometemos seguir compartindo con vostedes as revelacións da Moura, a nosa doce falangueira, ao tempo que, coma sempre, desoímos a leria dos falabaratos.

Membros do colectivo Capitán Gosende a carón do petróglifo Pedreira VII / Capitán Gosende

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...