Ruína en Monforte / foto change.org da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego

Unha iniciativa en Change.org trata de salvar a destrución do casarío histórico de Monforte

“Dun tempo a esta parte asistimos a continuos episodios de destrución de edificios residenciais. Aínda que moita xente aínda pensa que o Patrimonio son unicamente os monumentos (igrexas, castelos, cruceiros) non é certo. Que sería dunha cidade de formigón e aluminio con catro elementos antigos no medio? O Patrimonio é o conxunto, incluíndo as casas particulares e edificios, que compoñen a memoria e a historia dun pobo. Demoler os elementos auténticos para disfrazar de rehabilitación (…) é un fraude ao pobo de Monforte e aos galegos en xeral”.

Con estas palabras comeza a petición na plataforma Change.org para salvar o casarío histórico de Monforte. O problema nacía unhas semanas atrás cando o Concello asinaba unha sentenza de demolición para un dos máis destacados edificios históricos de Monforte fora do seu casco histórico protexido. Mais non era o único, senón que o longo de moito tempo outros edificios desta vila cabeceira das Terras de Lemos sufriran xa a mesma sentencia de ruína, o que permite o seu futuro derrube.

Edificios de diferentes épocas no casco histórico de Monforte / foto Historia de Galicia

Xa informáramos no noso xornal deste feito a raíz dunha nova publicada na edición local de La Voz de Galicia, na nosa sección O patrimonio nos medios, como o Concello declaraba ruína o edificio do número 8 da rúa Roberto Baamonde. Era este un dos exemplos máis excepcionais que se conservan aínda de arquitectura ecléctica de galerías na vila. Un edificio cunha artística estrutura en madeira de decoración xeométricas e cristais tintados de cores, semellante a outros exemplos da Coruña ou Viveiro.

Mais esta vivenda non era xa un caso illado, senón que uníase a outras ruínas importantes da vila, coma tres inmobles preto da estación de ferrocarrís, un inmoble na rúa Calvo Sotelo, a histórica Casa Penedo, entre outros. E non son os únicos, senón que, tal e como seguía recollendo nos días vindeiros a edición local de La Voz de Galicia, outros edificios, incluso dentro do zona protexida como BIC, ameazan virse abaixo, como unha interesante casa da primeira metade do século XX na Porta da Alcazaba, dentro da fortaleza medieval.

Colexio do Cardeal co seu entorno, onde conviven edificios históricos e novos / foto Historia de Galicia

“Cando todos os edificios antigos vaian desaparecendo, con que cara vendemos unha imaxe histórica falsa aos turistas? Un edificio que xa caeu (…), a galería máis singular da cidade (…) e agora 2 edificios da Rúa Comercio están cubertos con mallas e traballan nas fachadas posteriores” di a petición. Pide que se “pare esa sangría e cumpra o que lle di a lei do solo: esixir o mantemento das edificacións de máis de 50 anos, e todo o casco histórico en xeral”. “O alcalde ten que defender os intereses de todo o pobo de Monforte, e por ética e extensión, de todos os Galegos”.

Colexio do Cardeal de Monforte, o chamado “Escorial Galego” / foto susobandeCC0

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: