fbpx
Imaxe de Aleida: cidade sen alma, un cómic de Victor Boullón

Víctor Boullón: “Se en Holywood tiveran una Catedral de Santiago terían feito algunha superprodución tipo Xogo de Tronos”

Tempo de lectura: 3 min.

Finais do s.XII… Aleida, Unha rapaza filla dun canteiro que traballa nas obras da Catedral de Santiago ás ordes do Mestre Mateo é a protagonista do principal cómic histórico de Víctor Boullón; Aleida: cidade sen alma.

Nesta entrevista, Boullón destaca que en Galicia sobran temas para escribir, “dende a antiga Roma, pasando polas revoltas Irmandiñas ata a emigración” e resalta que a banda deseñada histórica “é un bo xeito de fomentar tanto a lectura como o coñecemento da nosa historia e patrimonio”.

Boullón estudou na escola de arte Antonio Faílde de Ourense. Ten feito traballos de deseño, carteis, portadas de libros e ilustración para publicidade. Aleida: cidade sen alma é a súa primeira incursión como autor no mundo editorial. Actualmente prepara o seu segundo volume de Aleida e outra banda deseñada histórica con guión de Abel Alves.

Capa de Aleida: cidade sen alma, de Víctor Boullón

Este sábado Boullón dirixirá o primeiro dos obradoiros organizado dentro do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia que ten lugar en Lugo. Será para nenos entre oito e 16 anos. Os adultos terán a súa quenda o seguinte sábado, día 21. A cita será no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) de 11.00 a 13.00 horas. Os e as interesadas teñen que inscribirse no 010 se son de Lugo ou a través do teléfono 982297150 para os de fóra de Lugo.

Aleida, cidade sen alma é a túa gran incursión non mundo do cómic histórico. Cal é a súa trama?
Estamos a finais do S.XII. Época convulsa, de guerras santas, cruzadas, reconquistas e pelexas polos teritorios recuperados. Neste contexto transcorren as aventuras de Aleida. Unha rapaza filla dun canteiro que traballa nas obras da Catedral de Santiago ás ordes do Mestre Mateo.
Un morto aparece dentro da catedral e Aleida non está moi de acordó coa versión oficial dos feitos, así que decide facer una investigación pola súa conta. Xunto cos seus amigos Casto e Lucas vivirán multitude de aventuras e perigos ata descubrir a verdade.

E engancha esta trama?
Esta sería a trama da historia e agardo que sí estea a funcionar e lle guste ó público.

Precisamente, Santiago e a súa catedral están presentes en moitas obras. É un bo escenario para facer banda deseñada?
A Catedral de Compostela dá moito xogo dende logo. Pola súa historia e todo o que a rodea é un esceario perfecto. Se en Holywood tiveran una Catedral como a nosa seguro que terían feito algunha superproducción das súas, tipo “Xogo de tronos” ou algo así.

A túa historia está ambientada na Idade Media e nas tramas entre ordes relixiosas. Hai un período histórico que tire mellor que outro na banda deseñada?
Está claro que hai determinados feitos históricos que teñen máis tirón. A Guerra Civil por exemplo, é un período do que se leva escrito moito e resulta moi atractivo á hora de facer ou contar historias. Pero se te pos a buscar, unha boa historia aparece en calquera período. E aquí en Galicia sobran temas para escribir, dende a antiga Roma, pasando polas revoltas Irmandiñas ata a emigración, etc. Aquí queda moito por contar.

O ilustrador Víctor Boullón

Un dos mantras, ou das realidades segundo se vexa, é que non hai lectores de cómic en Galicia. A que se debe?
Quizais teñamos pouca cultura comiqueira, non sei. O que si sei e que debemos fomentar mais o noso produto, contando historias propias e ambientadas aquí. Deste xeito quizais poidamos atraer máis público, a BD histórica é un bo xeito de fomentar tanto a lectura como o coñecemento da nosa historia e patrimonio.

E cres que facer banda deseñada en galego é un problema?
Non o vexo como un problema. Máis ben como un reto, como algo que debemos mostrar ó público. Amosar que en Galicia producimos boas obras escritas en galego e temos gran cantidade de autores de calidade.

Este sábado aprenderás aos máis novos a tentar debuxar personaxes históricas. Podes adiantar algúns dos trucos que ensinarás?
Pois intentaremos traballar as proporción e a xestualidade, vestimentas e armas da época, este tipo de cousas. Sobre todo pásalo ben debuxando, que diso se trata. Traballar sen medo a trabucarse e desfrutar.

E ti es máis de romanos ou de castrexas?
De castrexas claro! Aínda queda moito por descubrir destas humanidades que viviron aquí hai milleiros de anos. E moito que contar…

Pode que che interese...