fbpx
Calzada do século XVI no Castelo de Monterrei antes e despois da obra / Plataforma

A calzada do século XVI de acceso a Monterrei xa se atopa baixo terra

Tempo de lectura: 2 min.

Foi o pasado domingo 20 de maio, ó pé da fortaleza de Monterrei, cando a Plataforma en Defensa do Castelo convocaba unha manifestación para despedirse dunha calzada histórica de acceso ó castelo. A vía, unha estrada medieval do século XVI desaparecería soterrada para deixar paso ó tráfico rodado do futuro Parador de Turismo que a Xunta de Galicia está a construír no castelo. A obra, presuntamente “temporal” segundo o goberno galego, faise para facilitar ó acceso de mercancías e usuarios do futuro hotel e coa inversión de 214.000 euros, unha cantidade máis que considerable para unha obra que algún día debería ser restituída ó seu estado actual.

Pois precisamente as obras xa foron comezadas e ó longo desta semana xa se foi cubrindo a histórica calzada, un dos escasos exemplos conservados en Galicia desta época. Neste momento a vía xa se ve cuberta na súa meirande parte por unha capa de terra que está a ser estrada por maquinaria pesada. O antigo camiño, aínda que impermeabilizado e illado da nova obra está a desaparecer baixo as máquinas. “Isto non se ve en ningún sitio, solo eiqui. Unha pena”, “asco é vergoña”, “que impotencia”, “que absurdo! Andei muito por este Camino de pedra me sentindo importante por pasar por séculos de história”, “estou indignada, enfadada sería pouco” así cualificaban algúns dos veciños nas redes sociais a nova ó ver a progreso da obra.  

 

Mais á marxe desta nova, a polémica ó redor da obra de adaptación para Parador leva, tal e como informamos en varias ocasións dende o noso xornal, moito tempo moi viva para os veciños da comarca de Monterrei. Non foron poucas as voces que se ergueron contra a construción do hotel no castelo esixindo un uso público e cultural. Argumentan para isto que é un símbolo cultural e patrimonial da comarca, declarado Monumento Nacional en 1931, que xa existe outro Parador en proceso de ERE a tan so 500 metros da fortaleza, e que o Estado o cedeu á Xunta para usos culturais. Á polémica sumábase unha sentenza do TSXG do ano 2016  anulando a licenza de obras.

Maquinaria nas obras de soterramento do camino do século XVI do Castelo de Monterrei

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...