A Coruña, Casa do Concello / foto DonationsCC0

A Coruña celebrará o Día das Letras cunha “fermosa” lectura colectiva

Fai tempo que o Concello da Coruña quere participar da recuperación do noso idioma. Mais quere facelo dende a iniciativa da xente, dende a implicación dos veciños e con actividades na que sexan coruñeses e coruñesas de todas as idades as que tomen o protagonismo. E é por isto que o Día das Letras Galegas será unha gran celebración na cidade da Coruña, chea de actividades e iniciativas abertas a todos os públicos. O programa da conmemoración, que presentou o pasado 11 de maio o Concelleiro de Culturas José Manuel Sande, irá do luns día 14 ata o sábado 19, nun programa de iniciativas que, seguindo a liña dos anos anteriores, pretenden chegar un pouco máis alá.

Lectura colectiva e actos nas librarías locais

Unha das máis singulares iniciativas deste día será, sen dúbida, a chamada lectura colectiva. É esta unha das iniciativas máis “fermosas” -en palabras de Sande- de entre os actos. A lectura colectiva é unha lectura pública da obra da homenaxeada María Victoria Moreno dende o balcón do do Pazo de María Pita. Mais o interese radica en que serán cidadáns da Coruña quenes tomen a palabra para ler ante os seus veciños a obra desta autora. Poderán facelo, previa inscrición e por quendas. A iniciativa celébrase por terceiro ano consecutivo á partires das doce da mañá e o seu obxectivo é “favorecer unha participación activa da cidadanía na festa”. Os interesados poden apuntarse  no correo [email protected]

Os segundos grandes protagonistas neste día, como non podía ser doutro xeito, son as librarías da cidade. Nelas desenvolveranse máis de 30 actividades, en horario de mañá e tarde. Participarán librerías coma Azeta, Lume, Couceiro, El faro de los tres mundos, A Carapuchiña Feroz, Cascanueces, Suevia, Santé, Berbiriana, Fiandón Libros de Vello, Sisargas, Santos Ochoa, Sueños de Papel, Moito Conto, Formatos, Alita Cómics e Metrópolis Cómics. Un total de  17 espazos culturais, “que poñen en valor o seu labor como referente nos barrios”. A programación abrangue actividades dirixidas a todos os públicos, desde infantís até música, pasando por recitais, literatura fantástica en galego ou pola iniciación ao cómic, así como varias charlas.

Na Coruña consérvanse aínda moitas históricas librerías / foto CC0

Selfies, bibliotecas e actividades para o mundo da ensinanza

Máis un dos grandes perpiaños da cultura da cidade son os seus centros de barrio, e entre elas as xa máis que famosas bibliotecas municipais. Elas serán outro dos grandes perpiaños da festa. Para estas institucións imprescindibles da cidade as actividades non serán so cousa desta semana, senón que xa levan celebrando o día das nosas letras ó longo de todo o mes, fomentando con diversas actividades a lectura en galego. Nelas os lectores serán os protagonistas activos pois serán eles quenes tomen en parte a iniciativa das actividades.

Por unha banda, como non podía ser doutro xeito, todas acolleron mostras bibliográficas que renden homenaxe á María Victoria Moreno así como outras autoras e autores de referencia da literatura galega. Mais sen dúbida a actividade estrela é o concurso #selfieLetrasGAL, unha proposta a través da cal as Bibliotecas Municipais convidan á cidadanía a compartir a súa lectura favorita en galego na rede social Instagram, a través dos cancelos #recomendamosBMC e #selfieLetrasGal, e etiquetando ás bibliotecas na foto, co perfil @bibcoruna. Os usuarios que participen poderán gañar, ademais da experiencia de descubrir e compartir as súas mellores lecturas, o agasallo dun lote de libros.

As bibliotecas municipais da Coruña son un verdadeiro exemplo, na foto unha biblioteca / foto CC0

Mais tamén, ademais das bibliotecas, os protagonistas serán os rapaces, pois dende o día 9 maio, e até o día 29, preto de 200 mozas e mozos de bacharelato, ESO, e de ciclos formativos participarán, activamente, en actividades organizadas polo Concello. Teñen como novidade a visita de institucións en ocasións moi descoñecidas para eles, como á Real Academia Galega, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, a Deputación ou o Teatro Colón, este último nun evento teatralizado e protagonizado pola figura de María Casares.

…e, como non, a música

E, por último, como non, non podía faltar a música. Pois será durante esta noite de mércores a partires das 22.00 horas cando o Campo da Leña acolla o concerto, que contará coa participación de diversos grupos de orixe galega, “con música crítica e aspectos máis que interesantes”, segundo Sande. O Leo i Arremecághona, The Tetas Van e Terbutalina serán os encargados de encher de música en galego esta praza central da cidade ata altas horas da madrugada.

Nena na Coruña / foto VictorJoséCC0

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: