A Coruña, grabado do século XVII

A Coruña recupera a que en tempos foi a súa maior porta ó mar

Foi no ano 1589 cando o pirata inglés Sir Francis Drake asediou a cidade da Coruña defendida daquela por una feble muralla medieval e un sinxelo castelo construído no actual xardín de San Carlos. Foi a partires dese momento cando nace a urxencia de edificar unha serie de baluartes que protexeran á exposta cidade fronte as armas de fogo, xa populares na época. Daquela comezouse a construír un sistema de defensas composto por varios castelos como o de Santa Cruz, Oza, San Diego ou San Antón, e por unha nova muralla abaluartada que cubriría tanto o perímetro da Cidade Alta, -tanto por terra como por mar-, así como da Peixería a través do istmo.

Desta época consérvanse parte dos panos da muralla barroca, dende o Hotel Finisterre ata o Centro Oceanográfico, manténdose como recordo do que foi unha extensa rede de modernas defensas. Dentro destes panos de muralla conservados na cidade mantéñense en pe a día de hoxe tres portas de feitura barroca, a do Parrote, Clavo e San Miguel. Dúas delas están abertas ó esteiro do Parrote e hoxe integradas no paseo ante a Solana, e unha terceira, a de San Miguel, ó pé do hospital Abente y Lago, sobre o paseo Marítimo.

Das tres conservadas, a terceira, a de San Miguel, foi a máis importante. Pola porta de San Miguel saíron persoeiros como Carlos I rumbo a Alemaña para a súa coroación, ou Felipe II para contraer matrimonio. Tamén outras personaxes ilustres como Pedro Primeiro o Cruel ou o rei Fernando de Portugal ou moitas outras figuras dunha cidade que dende 1208 so lle debía lealdade á coroa. Este lugar foi por tempos un campo onde formaban as tropas, o último espazo baleiro entre a cidade e o mar, onde en época gótica se asentarían as ordes mendicantes e no que, co tempo, se habería de edificar o solemne hospital militar.

Porta de San Miguel, na muralla da Coruña, en estado de abandono / Xosé Troiano

Abandonada dende 2013

No ano 2012 o consistorio da Coruña, baixo o mandato de Xavier Losada, intentou recuperar a muralla. Procedeuse a iluminación dos diferentes tramos, a consolidación dos panos e máis á derrube de algunhas edificacións que se erguían directamente sobre ela. As portas do Parrote e do Clavo xa se abriran a un pequeno paseo na época de Francisco Vázquez. Mais a intervención sobre a muralla quedou en suspenso no ano 2013 deixando á terceira delas, a porta de San Miguel, á agarda dunha actuación arqueolóxica. Quedaría daquela abandonada, tal como recollemos no seu momento, ó longo de todo un lustro tras varias vallas de obra e unha lona.

Coa chegada de Ferreiro volveu de novo a iniciativa por rehabilitala e, por fin esta primavera, a porta e máis o seu xacemento arqueolóxico locen recuperadas e musealizadas. Cun orzamento de 28.000 euros a monumental porta barroca loce rehabilitada e preparada para os visitante. Conta cunha baranda de aceiro galvanizado que cerca o xacemento, así como un panel informativo que guía a quen se achegue ó lugar sobre a importancia do que está a observar. A intervención deixou ademais ó descuberto o tramo da escaleira que era a que no seu día daba o paso ó mar. Era acceso da cidade máis importante do Antigo Reino ós camiños do mar. A nova recóllea no día de hoxe a edición local de La Voz de Galicia.

Estado no que se atopaba a porta de San Miguel, nas murallas medievais da cidade da Coruña / Xosé Troiano

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: