Imaxe aérea do Castro de Elviña, na Coruña / coruna.gal

A Coruña recupera parte do seu ADN coa posta en valor do Castro de Elviña

O Castro de Elviña, un dos bens históricos que mellor representa o patrimonio coruñés, abrirá ao público no vindeiro outono, logo da finalización dos traballos de consolidación. O obxectivo é “recuperar e dignificar un enclave único do patrimonio da Coruña”.

O Concello vén de finalizar os traballos de restauración e consolidación deste histórico xacemento. O alcalde, Xulio Ferreiro, visitou este xoves lugar para coñecer o resultado dunha intervención que afectou a 6.300 metros cadrados. Os traballos de campo, que comezaron en setembro de 2017 e tiveron unha duración de sete meses, consistiron na consolidación e restauración dos elementos existentes, así como na ampliación da escavación en lugares puntuais para axudar a comprender as zonas abertas da estrutura.

A intervención, na que se investiron case 630.000 euros, “transformou a escavación nun xacemento arqueolóxico comprensible para todas as persoas visitantes”, apuntou Xulio Ferreiro, xa que agora permite entender a evolución do poboado desde as fases máis antigas –século II a.C. na zona da Croa, no que o sitio ocupaba unha extensión considerable–, así como as ocupacións puntuais que tivo na ladeira sur tanto na época romana como tardorromana.

Visita do alcalde Xulio Ferreiro ao castro de Elviña / Concello da Coruña

Tal e como explicou o director do proxecto, López González, tratouse “dunha actuación moi complexa” que tiña como finalidade “estabilizar os restos deteriorados dun xacemento no que se escavou desde hai moitas décadas para que perduren, así como obter máis datos dun lugar que pode trasladar moita información dos procesos que aconteceron na cidade, pero do que aínda descoñecemos parte da súa historia”.

Restauración

Así, tras realizar unha diagnose previa das estruturas do lugar, levantáronse os recheos de intervencións anteriores e analizáronse os muros, ademais de corrixir algunhas restauracións de actuacións. A continuación, o equipo fixo réplicas dos pavimentos orixinais sobre as zonas de habitación e simulou unha reconstrución das zonas de vivenda e da muralla.

O proxecto, que conta co aval do arqueólogo municipal e da Dirección Xeral de Patrimonio, contemplou tamén novas intervencións nas tres entradas documentadas do Castro, o que supuxo unha oportunidade para rematar a escavación da terceira entrada, que foi documentada no ano 2013, de cara a deixar á vista o pavimento de pedra, que presenta un bo grao de conservación, e os dous torreóns, ademais da praza de acceso.

“Hoxe, o goberno da Coruña dá recoñecemento ao patrimonio histórico e cultural da cidadanía e recupera para a veciñanza un enclave de moitísimo valor, que foi inxustamente esquecido e apartado do circuíto cultural e patrimonial ao que cómpre devolver a dignidade”, apuntou o rexedor que suliñou que a restauración e posta en valor deste espazo “é un proxecto de cidade”.

Nestes momentos, o equipo contratado polo Concello está a desenvolver no lugar os traballos posteriores “de gabinete”, que terán unha duración aproximada dun mes, e que supoñen, entre outras cuestións, a limpeza, restauración e catalogación das pezas atopadas durante a intervención.

Luis Monteagudo na escavación do castro de Elviña / A Lucenza do Abade

Apertura

Unha vez finalizada esta intervención, a previsión do goberno local, segundo apuntou o rexedor, é poder abrir o Castro, de forma total ao público, no outono, “unha vez que se acometan pequenas intervencións que consoliden o lugar”, como son a retirada da maleza na contorna e da liña de media tensión, a colocación dalgúns elementos, como sinalización e paneis explicativos ou papeleiras, e a retirada do valo, que precisa ser consultada previamente á Dirección Xeral de Patrimonio.

Até o outono, o Castro de Elviña seguirá aberto ás visitas guiadas gratuítas, que se poden realizar, para grupos mediante solicitude previa, ou de forma libre todos os domingos ás 12.00 horas. En horario de verán –do 1 de xullo ao 30 de setembro–, as visitas guiadas sen previa solicitude realízanse os xoves ás 19.30 horas e sábados, domingos e festivos ás 12.00 horas.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: