fbpx
Situación de abandono na que se atopa a Torre de Caldaloba, a última que mantiveron os Pardo de Cela / Xabier Moure

A torre de Caldaloba en Cospeito cada día máis preto de caer

Tempo de lectura: 2 min.

Tras a Segunda Guerra Irmandiña Fernán Ares de Saavedra reconstrúe a fortaleza de Caldaloba, no actual concello de Cospeito, e restitúe o señorío do seu xenro o Mariscal Pardo de Cela. Foi daquela unha das fortalezas de Galicia que tivo que resistir os ataques do exército de Diego López de Haro, enviado polos Reis Católicos en 1485 dentro do proceso que os historiadores chaman doma e castración do reino. Para moitos foi a última torre de Galicia en resistir ó asedio e prantarlle cara a Isabel e Fernando, despois da decapitación de Pardo de Cela, aguantando ó asedio a súa filla Dona Constanza de Castro e o seu marido Fernán. Caeu cando as forzas asaltantes lograron destruír o seu alxive.

Pois a torre segue a ser dende fai tempo protagonista de diversos medios polo estado de ruína no que se atopa, a piques de virse abaixo. Xa en 2016, o noso colaborador, o historiador Xavier Moure, informaba do abandono e deterioro da fortaleza. Mais dende aquela, a pesares das propostas de propietarios e Concello, como tamén informamos, para intervir de urxencia na torre, non se conseguiu ningún acordo para salvala. Dous invernos despois a torre segue nunha situación cada día máis crítica sen que se vexa ningún horizonte de mudanza. Este pasado venres o Lugo Xornal facía un novo repaso sobre o estado a día de hoxe desta torre Monumento Nacional dende o ano 1949.

Torre de Caldaloba / foto Xabier Moure

Pode que che interese...