fbpx
Libros / foto DariuszSankowskiCC0

Así se celebra o Día das Letras, dende A Guarda ata Ribadeo

Tempo de lectura: 6 min.

O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia e da nosa literatura a través da conmemoración do incansable traballo dos nosos escritores. É unha xornada para celebrar e visibilizar os esforzos colectivos e individuais por mantela viva e, contra as adversidades, chea de vitalidade. O Día das Letras Galegas comezou a celebrarse no ano 1963 coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares Galegos, e dende vai máis de medio século, hónrase cada ano a un dos nosos máis relevantes escritores ou escritoras  O día celébrase en todos os recunchos de Galicia dende as localidades máis grandes ás máis pequenas. Hoxe escollemos varias celebracións de diferentes lugares de Galicia nas que a protagonista é lingua.

Música, artesanía, traxe e libros na Guarda

Facer do día das nosas letras un día de festa é o que buscan estes días concellos como o da Guarda. Neste estremo meridional das rías galegas queren celebrar o día con artesanía, música, libros, mostras etnográficas e visitas guiadas. A festa que comezará no propio día de hoxe, co tradicional festival folclórico organizado pola Agrupación Musical Guardesa, continuarase nos vindeiros días coa ruta gastronómica Tapearte. O sábado 19 celebrarase tamén a pasarela do traxe tradicional galego, organizado polo Concello e a Asociación para a Recuperación do Traxe Galego nunha xornada amenizada polos grupos folk Sete Tarabelos e Boa Vila. Despois continuarase o domingo cun festexo literario que terá lugar na Praza do Reló e con actividades lúdicas e actuacións musicais para todos os públicos. A fin de semana concluirá na Guarda coa celebración da XI Feira do Libro, na que participarán varias librarías da vila e comarca.

Libros / foto CC0

Feira do Libro en Tui

Moi preto da Guarda, na veciña vila medieval de Tui, celebrarán este día, competindo coa súa veciña, cunha nova edición da xa popular Feira do Libro que vai pola súa XXI edición. Desenvolverase dende o pasado día 10 ata finais deste mes. A mostra, que como é habitual celebrarase no Paseo da Corredoira, contará este ano cunha maior presenza de casetas que nos anos anteriores. A feira foi presentada nos pasados días polo alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, xunto cos representantes das librarías Iris e Espazo Lector Nobel que participarán na feira.

A RAG e o Concerto das Letras en Pontevedra 

As institucións de Galicia este ano escolleron Pontevedra. Na cidade do Lérez a Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega celebran o día con dous grandes actos. A RAG escolleu este ano Pontevedra para homenaxear a María Victoria Moreno Márquez, cunha sesión pública esta mañá no Teatro Principal da cidade. Mais na noite de onte a música foi a protagonista co Concerto do Día das Letras Galegas, no auditorio da sede Afundación de Pontevedra, organizado polo Consello da Cultura Galega, e coa actuación da Real Filharmonía de Galicia. O concerto de entrada libre e gratuíta inclúe un recital e pezas de Pascual Veiga ou Miguel Matamoro. A programación do Concello, que ocupa todo o mes de maio, conta con actividades como recitais, conferencias, exposicións, mostras de cine, teatro, música ou certames literarios.

O Xardín das pedras que falan en Santiago

A cidade de Santiago de Compostela este ano, ademais das actividades habituais do día, da presencia aínda das atraccións da Ascensión e a tradicional Feira do Libro, conta cons un invitados inusuais: as pedras. Xa que a partires deste ano serán elas as que falen e reciten dende o xardín do Pazo de Fonseca. E é que esta mesma semana o alcalde Martiño Noriega, o reitor en funcións, Juan Viaño, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira inauguraron a curiosa iniciativa, o Xardín das pedras que falan. Nel se situaron os tres primeiros penedos do que será unha espiral de pedras nas que autores vivos e clásicos das nosas letras deixen a súa pegada literaria vencellada ó lugar, recordando que a cidade de Compostela foi e segue sendo unha das patrias da nosa literatura.

Detalle da Biblioteca de Xelmírez / foto Consorcio de Santiago de C.

O cego Moifantes en Ordes

Ordes tamén ten a súa particular celebración. Ademais da súa tradicional Feira do Libro, no día de onte a localidade celebraba o espectáculo de títeres ‘O cego dos monifates’. Unha peza infantil da autora María Victoria Moreno Márquez, á quen este ano se lle dedica a importante data. A obra que leva o selo da compañía Garabato de Xogos e na cal participa o actor Fran Lareu, un dos actores de Fariña, pretenderá achegar a públicos de todas as idades o traballo da escritora. Para o venres reservaranse as Xornadas de Creación Artística arredor do Camiño Inglés e o sábado, o dúo de poetas Aldaoolado encargarase da lectura de poemas a partir das 13 horas. Ambas as citas serán na Alameda. Por outra banda quen queira poderá visitar na biblioteca municipal a  mostra dos libros e documentos bibliográficos relacionados coa vida e obra da autora homenaxeada.

Festiletras no Couto

Cartaz do Festiletras

Cabo da pequena Ponteceso, na aldea do Couto, os concellos bergantiñáns da Costa da Morte celebran un festival que revive o espírito literario do poeta Pondal, cun estilo actual e propio. Este é o Festiletras, unha celebración que conta xa con 36 anos de antigüidade e na que cada ano demostran, en palabras dos organizadores, que a cultura non é so cousa das grandes cidades. O Festiletras, con recitais, teatro, lecturas públicas, maxia, xogos, artesanía, música popular e un gran cartel de actuacións musicais de grupos galegos é un dos grandes referentes de Bergantiños da cultura propia. Este ano contará coas actuacións de Sés, Tanxugueiras, Xurxo Souto, Xavi Solano, Vodoo, o Mago Antón ou o teatro de Os Quinquilláns.

 

Lectura Colectiva na Coruña

Pola súa banda o Concello da Coruña quere que o día das letras sexa un día participativo. Para iso escolleu ós dous grandes colectivos que moven a vida literaria da cidade como protagonistas, como son as librerías de toda a vida e máis as bibliotecas municipais. En ambas as dúas institucións faranse numerosas actividades culturais, lecturas e exposición ó longo da semana e o mes. Mais a grande aposta do Concello dende vai tres anos é a lectura colectiva, que se desenvolveu hoxe dende as 12 da mañá na praza de María Pita. Nesta actividade, única ata o de agora en Galicia, serán os veciños e veciñas que previamente se apuntaran, por quendas, quenes dende o balcón da Casa do Concello fagan unha lectura pública da obra de María Victoria Moreno Márquez.

Nena na Coruña / foto VictorJoséCC0

Miro Casabella en Ribadeo

No outro extremo de Galicia, en Ribadeo, os actos tamén se multiplican polo día das nosas letras. As actividades xa comezaban a semana pasada coa cita gastronómica Tapeo 2018, os cantos de taberna, a actuación de Long Play, o Contra-recital Salvaxe de Lois Pérez e o teatro de marionetas para cativos, O agasallo de Anxa. Esta semana retoman a actividade coa banda municipal a celebración do tradicional bandeo dos pendóns e reverencia das cruces na Ponte de Arante e o concerto do histórico cantautor galego Miro Casabella no Auditorio Hermán Naval. O concerto será mañá, día 18 de maio, ás 20.30, acompañado de Tino Baz e a Coral Polifónica de Ribadeo.

Entorno natural de Ribadeo / SartauskiCC0

Pode que che interese...