Claustro do Mosteiro de Armenteira / foto MagicboiroCC0

Así se celebrou o outro Día dos Museos

Estes días dábamos conta das actividades que os museos das grandes cidades de Galicia estaban a desenvolver para celebrar o Día Internacional dos Museos, dende a Compostelá Cidade da Cultura ata pequenos museos como as casas natais da Coruña. Tamén, na mañá de hoxe, vos achegamos as principais propostas para a Longa Noite dos Museos ou Noite dos Museos, con actividades en lugares tan diferentes como o Castelo de San Antón de A Coruña, o Museo de Pontevedra ou o Museo Provincial de Lugo. Mais estes días de celebración para esta institución non son so cousa de cidades, senón que toda Galicia, dende grandes vilas ás pequenas localidades, encheuse de actividades dedicadas a todos os públicos.

E é que tal e como afirma o ICOM “Resulta imposible entender o rol dos museos sen ter en conta todas as conexións que estes establecen. Os museos, grandes ou pequenos son parte inherente das súas comunidades locais, da súa paisaxe cultural e do seu entorno natural“, e neste sentido os museos máis pequenos ou centros de interpretación específicos, tamén teñen unha función moi importante dentro do seu ámbito de actuación. Mais tamén dentro do contexto global xa que, precisamente, como di o tema de reflexión deste ano “Museos hiperconectados: Enfoques novos, públicos novos”, xa non existe diferencia entre o local e global, centro e periferia, e que toda labor dun pequeno museo repercute na cultura dunha sociedade mundializada.

Castro de Santa Tegra en A Guarda / foto antoniaregojoCC0

Un papel principal o tiveron os museos dependentes da Xunta. O do castro de Vilandonga, en Castro de Rei, Lugo, moi preto da capital lucense, contou con actividades toda esta semana, con actuacións musicais o día 17 de maio, con visitas contadas polo actor Avelino González o día 18 e obradoiros sonoros guiados por Abraham Cupeiro no día de hoxe. Tamén houbo obradoiros ó longo de toda a semana de arqueoloxía, numismática e cerámica. O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa en San Cibrán de Las, en Puxín Ourense tamén tivo actividades especiais como conferencias e visitas guiadas temáticas os días 17, 19, 20, 26 e 27 de maio.

Pola súa banda o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro organizou actividades especiais dende o día 17 ata o 20, con visitas guiadas de balde, e cun Mercado Eco-Artesanal e de Proximidade este domingo día 20. Xa no ámbito local, en A Guarda o Concello organiza unha xornada de visitas guiadas gratuítas polo Monte Santa Trega. As visitas serán durante a mañá de hoxe con tres formatos, dependendo da súa duración e percorrido, nunha visita guiada completa polo monte,  visitando a ermida de Santa Trega e o MASAT, visitas de 30 minutos de duración centradas  no castro, e unha visita guiada especial polo barrio de Mergelina

Castro de San Cibrán de Las / foto LoedarCC0

En Ribadabia, o Museo Etnólóxico foi un dos que maior paquete de actividades propuxo, comezando xa o venres 11 de maio con un taller de percusión, visitas guiadas ó casco histórico de Ribadavia e visitas ó bosque das Ridimoas. Xa o 18 se fixo un concerto de música tradicional contemporánea con Cantaralai, e unha visita teatralizada nocturna ó museo. Os sábados dende hoxe ata o 23 de xuño, a excepción do 26 e 16, haberá visitas organizadas a diferentes lugares do sur de Galicia como á Casa Museo do Chocolate de Teimende, ó  Museo Taller de Olería de Niñodaguia, ó Mosteiro de San Pedro de Rocas, ó Ecomuseo de Arxeriz, á Igrexa de Santa María de Pesqueiras, ó Centro do Viño da Ribeira Sacra, ó Museo da Limia, ó Museo Galego do Entroido, ó Castro de Armea e a Santa Mariña de Augas Santas.

En Bueu o Museo Massó fará unha xornada de portas abertas á exposición Facedoras de Bueu en todo o tempo que dure esta exposición, e en Lugo, en San Paio de Narla, baixo o título Noite dos Museos no Museo, os membros do Club [email protected] reúnense para participar en obradoiros, escoitar un concerto, contar contos, cear e despois durmir nesta fortaleza. Pola súa banda na Costa da Morte, os museos da Deputación da Coruña contarán co seu horario habitual e gratuidade. No concello de Zas as Torres do Allo contarán con actividades especiais. Ademais das visitas guiadas que comezaron nas fins de semana dende o 21 de abril, estendéronse nesta semana do 17 ó 20. Tamén no vindeiro día 27 celebrarase na carballeira das Torres o Día do Xogo Tradicional, un día en familia gozando dos xogos do pasado nun lugar rodeado de natureza.

Escaleira de Santo Domingo / foto dekatanaCC0

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: