fbpx
Santa María a Maior de Verín / imaxe turismo.gal

Atopados restos romanos no adro de Santa María a Maior de Verín

Tempo de lectura: 2 min.

A igrexa de Santa María a Maior, ou parroquial de Verín, ten unha curiosa particularidade, atópase en posición paralela a un rueiro medieval que atravesa o que outrora sería a vila cercada. A parroquial, orientada, como é habitual, cara o leste, coincide coa mesma orientación do rueiro cara a porta do Rei. Isto fai que no canto dunha gran praza ou adro que a rodee a igrexa teña un pequeno espazo de tránsito entre as portadas norte e oeste e a rúa Maior. Na súa contorna norte un grupo de hortas sepárana da antiga cerca da vila así como da praza da Alameda.

Esquema do Verín Histórico /HdG

Mais o rexedor socialista Gerardo Seoane propúxose como un dos retos da súa lexislatura ampliar o adro da igrexa e comunicala coa Alameda a través das hortas que a circundan. Tamén propúxose derrubar algunhas edificacións contemporáneas anexas a esta, como un local social, que distorsionan a visión da igrexa. Contou para isto cun acordo co Bispado de Ourense e mais co visto bo de Patrimonio. Mais para levar a cabo a intervención a obra requiría das pertinentes catas arqueolóxicas no lugar, xa que para algúns expertos era moi posible a aparición de restos non so medievais senón tamén anteriores.

E foi precisamente así aconteceu, pois o adro da parroquial efectivamente escondía restos dun antigo campamento romano, un campamento militar que estaría moi preto das vías XVII e XVIII do Itinerario Antonino. Ademais dos posibles muros do campamento, segundo Breogán Arqueoloxía, empresa encargada dos traballos, e tal e como recollía o pasado mércores o xornal La Región, aparecerían tamén no lugar algúns restos de cerámica. Precisamente por isto o Concello decidiu facer unha segunda cata nos próximos días para confirmar máis de certo o atopado no lugar. Tamén segundo recollía o xornal, Seoane pretende deixar, a pesares das estreitezas do lugar, todo o atopado á vista.

 

Pode que che interese...