Ilustración dunha batalla entre suevos e romanos

Clausúrase gran exposición sobre o Reino Suevo

Mapa do reino suevo na antiga Gallaecia / wikiwand.com

Eran os suevos un pobo “bárbaro”? que fixeron durante case dous séculos na antiga provincia da Gallaecia? E, que pegada deixaron no noso país? Tal e como xa comentamos tempo atrás neste xornal, a exposición In tempore Sueborum organizada pola Deputación de Ourense, tentou dar resposta a estas e outras cuestións. E é que, o considerado o primeiro reino de Europa, tivo a súa gran exposición na cidade das Burgas, entre o 15 de decembro do 2017 e este pasado 6 de maio. Patrocinada pola Deputación contou ademais coa organización do Centro Cultural Marcos Valcárcel e coa colaboración do Bispado e Concello de Ourense.

In tempore Suevorum foi, por tanto, a gran exposición monográfica sobre o Reino Suevo en Galicia. Contou con pezas de museos de Europa e EE.UU, ademais de Galicia e Portugal -onde os suevos afincaron o seu reinado-. En total reuniu máis de 200 pezas procedentes de 39 museos, algunhas de gran valor histórico-arqueolóxico, ó redor de tres grandes espazos expositivos, o centro Marcos Valcárcel, o Museo Municipal e a Igrexa de Santa María Nai. Así, a exposición pode considerarse unha das grandes citas expositivas deste 2018, contando con pezas traídas da mesmo da Dumbarton Oaks Collections, de Washington.

Unha das visitas á exposición

A exposición centrouse no tempo dos suevos na Gallaecia, tal e como reza o seu subtítulo, “o primeiro reino medieval de Occidente”, e como xa recolleu nun artigo Historia de Galicia, e centrarase esencialmente no período que se estende ao longo dos séculos V e VI d.C. É, neste sentido, a primeira exposición monográfica dedicada ao reino que crearon os suevos durante practicamente dous séculos na Gallaecia (411-585). Así, o obxectivo foi amosar o que se coñece dos suevos, a súa pegada nas tradicións culturais e as transformacións que conduciron á configuración de novas entidades socio-políticas que son o xerme do actual mapa xeopolítico europeo.

Un éxito divulgativo e de visitas

A exposición celebrou o pasado domingo o seu acto de clausura. Foi tras cinco meses nos que visitaron os tres recintos ó redor de 45.000 visitantes. Para o acto, no que estiveron presentes autoridades da Deputación, Xunta, Concello e Bispado, entro outros, o centro Marcos Valcárcel ofreceu un encontro musical con Peregrinatio no que foi unha homenaxe ós camiños medievais de peregrinación. Tamén se proxectou un documental sobre a exposición, que sería o que pecharía o acto e a que daría fin á mostra.

Así, despois destes cinco meses, pode considerarse que a exposición foi un verdadeiro éxito tanto de visitas como no eido divulgativo, contando con horarios especiais nas pontes e máis na Semana Santa. No ámbito escolar recibiu visitas de alumnos tanto de centros de ensinanza de Galicia como do Norte de Portugal. Entre eles 111 alumnos e profesores da Universidade portuguesa do Minho, con sede en Braga que visitaron a exposición a comezos do mes de abril.

Alumnos da Universidade do Minho durante a visita á exposición

Ledo, Santalices, Beiras e outras autorides de Galicia

Non foron poucas as personalidades de Galicia que se deixaron ver pola exposición ó longo do tempo que permaneceu aberta. Entre elas se achegaron personalidades da política e da cultura, como o presidente da Fundación Premios da Crítica, fundador da editora Ir Indo e escritor ourensán Bieito Ledo Cabido. “É moi importante porque crea algo máis de autoestima, de orgullo”Para Ledo “é moi importante porque crea algo máis de autoestima, de orgullo. Nós fomos un territorio, un país, un colectivo cun gran complexo de inferioridade. Neste momento o ser galego, por múltiples circunstancias, é xa un orgullo pero inda falta unha fervedura para lograr, sen chegar á soberbia, si chegar á ter autoestima”.

Bieito Ledo visitando a Exposición

“Estou impresionado de ver estas mostras. É impactante. Algo que para min era absolutamente descoñecido”Entre as visitas destacou a do político e economista galego Xosé Manuel Beiras, que visitou a mediados de abril a exposición na compaña dun grupo de amigos. Afirmou estar descubrindo “algo que para min era absolutamente descoñecido” e do que, afirmou tiña somentes referencias a través de volumes desde a Historia de Galicia de Murguía ou de Vicetto. Tamén “por suposto dos traballos que se publicaron posteriormente, que cambiaron a percepción dunha cultura que efectivamente desminte aquela opinión estendida que se nos transmitía nas escolas de que os estranxeiros eran bárbaros no senso máis bárbaro do termo”.

Visita de Xosé Manuel Beiras á exposición In Tempore Suevorum

“Orgullo de conquerir que esta exposición nos meta no ámbito das mellores exposicións que se celebran no mundo”Outra das autoridades que se achegaron foi Miguel Ángel Santalices, o presidente do Parlamento Galego. Santalices sinalou que “Esta exposición cáusame orgullo de ser ourensán, de que fóramos capaces de conquerir que nos meta no ámbito das mellores exposicións que se celebran no mundo. Aquí hai pezas que nunca saíron dos seus países de orixe e isto para nós nos reafirma na nosa forma de facer cultura”. Santalices desexou que “isto se poda repetir porque é un éxito para todos nós”, porque In Tempore Suevorum “é falar das nosas raíces, da nosa identidade e como se estruturou toda unha historia política en torno a ese tempo”.

Tamén asistiron autoridades como Miguel Ángel Cadenas, presidente do TSXG, quen salientaba a importancia de “cuidar estas exposiciones”.“Desde fuera y desde lejos no se valora lo suficiente el esfuerzo que hay detrás de una exposición de este tipo y me produce satisfacción porque el contenido de la exposición, sobre todo la explicación que la acompaña, es enormemente valorada“. Entre outros tamén asistiron Fernando Suances, fiscal xefe do mesmo TSXG, Corina Porro, presidenta do Consello Económico e Social de Galicia; Manuel Vázquez, xefe superior de Policía de Galicia, ou Xosé Antón Sarmiento Méndez, Letrado Oficial Maior do Parlamento.

Autoridades tras a visita á exposición.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

1 Resposta

  1. 12 Maio 2018

    […] pasado 6 de maio clausuraba a que sen dúbida pode ser denominada como a exposición do ano en Ourense. A exposición In […]

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: