fbpx
Unha fonte termal das Burgas / foto raulbarreiroCC0

Cuntis, a vila que foi a antiga Aqua Calidae, quere facer arqueoloxía da auga

Tempo de lectura: 2 min.

A vila de Cuntis foi unha das máis significativas vilas termais da Gallaecia. Os romanos asentáronse no lugar atraídos polas súas augas quentes fundando unha vila chamada Aqua Calidae. A vila situada na vía XIX do itinerario Antonino, que unía Lucus e Bracara, moi preto de Aquis Celenis, actual Caldas, foi un dos asentamentos termais máis importantes do occidente da Gallaecia. A vila romana foi estudada, xa dende a Ilustración, por persoeiros como Cornide Saavedra, mais a vila de Cuntis, do mesmo xeito que outras vilas termais de Galicia, reclama máis investigacións en arqueoloxía no seu casco histórico co obxectivo de certificar o que os investigadores levan moito tempo afirmando.

Un destes investigadores é sen dúbida o profesor Juan Manuel Abascal Palazón, catedrático de Historia Antiga na Universitat d’Alcant e correspondente da Real Academia de Historia (Madrid). Abascal, que forma parte tamén do Instituto Arqueolóxico Alemán e do Corpus Inscriptionum Latinarum (Corpus de Inscricións Latinas), e que para moitos é quizais o mellor epigrafista da Península Ibérica, ven de estudar dende vai longo tempo o pasado termal da vila de Cuntis dende a propia época romana. O vindeiro martes 29 de maio ás 21 horas, na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, exporá parte do seu traballo nunha conferencia monográfica baixo o título A Arqueoloxía da Auga na antiga Aquae Calidae.

Fonte da Burga en Cuntis / Concello de Cuntis

A iniciativa, dentro do contexto de actividades que nos pasados anos ven de desenvolver a Plataforma Veciñal para a Recuperación do Patrimonio Termal, e que titulan como Ciclo da Auga, pretende afondar no contexto arqueolóxico da vila termal a través das fontes escritas, epigráficas numismáticas e arqueolóxicas vencelladas á localidade. Falarase de epigrafía dos distintos monumentos cuntienses, aras romanas e estelas funerarias e do tesouro de moedas localizado en 1908 na fonte pública de Lume de Deus. Darase conta de datacións e cuñaxes e comprobarase a importancia desa burga como infraestrutura hidráulica bimilenaria dentro do contexto arqueolóxico galego.

Conferencia sobre arqueoloxía da auga

Explorarase tamén aquel Cuntis que, como cidade da auga, tivo unha importancia significativa na Gallaecia. Repasarase o trazado das posibles vías de comunicación antigas, dando conta dos miliarios atopados, e farase unha parada obrigada en efemérides como o 110 aniversario da achado das 500 moedas romanas da burga ou o 250 aniversario da descuberta, por Xosé Cornide Saavedra, dos altares dedicados ás ninfas. Dende a asociación pretenden afondar no valor dos recursos culturais da vila como catalizadores dun turismo activo e de calidade, así como dar a oportunidade ós veciños e veciñas, especialistas e investigadores de “coñecer o seu pasado da man dun dos mellores investigadores nestas disciplinas”.

 

 

Pode que che interese...