fbpx
Foron os maiores de Rianxo quenes por setenta días pelexaron por un centro de día / foto sabinevanerpCC0

Devolverlle o pazo de Viturro ó pobo, con ou sen a Xunta

Tempo de lectura: 1 min.

Non vai agardar pola Xunta. Así de claro o deixaba o rexedor de Rianxo, Adolfo Muíños, no día de onte. Foi na sinatura do convenio entre Concello e Deputación para a adquisición do pazo de Rianxiño, o antigo pazo de Manuel Viturro Pose, o cacique ó que se enfrontou Castelao na súa mocidade. O pazo que era das MM. Franciscanas Misioneras de la Madre del Divino Pastor será adquirido polo Concello por 1,6 millóns de euros e, a través deste convenio, a institución provincial aportará 600.000.

É por isto que o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi recibido con aplausos polos maiores. E é que este pasado abril cumpríanse nove meses do encerro dun grupo duns setenta maiores de Rianxo no salón de plenos do consistorio. Reclamábanlle á Xunta un Centro de Día para o municipio, despois de levar décadas agardando a que o goberno galego dotara ó concello dun.

O pazo é un dos monumentos máis importantes de Rianxo. É un edificio do século XVIII, en forma de U, contando con escaleira monumental, solaina, pombal, capela e cabazo. Ten ademais cunhas instalacións moi salientables, ás que lle foron engadidas piscina e cancha de deportes a finais do século XX. Tamén ten un monumental xardín, amplas cociñas, salas de estar e dormitorios, co que é un edificio perfecto para fins sociais, ou como tivera desexado Castelao, para o desfrute dos maiores do pobo.

Pazo de Rianxiño / culturagalega.gal

Pode que che interese...