O mar galego é o protagonista de Fariña / foto danirosiCC0

Fariña, a serie que cambiou o audiovisual galego e a imaxe das Rías Baixas

As Rías Baixas non son so esa franxa marítima sur de Galicia dominadas por un relativo bo clima, o turismo, o sol, espectaculares praias, a mellor gastronomía e parte da mellor enoloxía do país. As Rías Baixas son ou foron tamén a patria do narcotráfico galego, do contrabando, do tráfico de influencias, dos grandes contrastes entre xentes que teñen que ir todas as noites ó mar ou todos os días ó marisqueo, ou gañar a vida a diario en pequenos negocios. Fronte a eles as grandes fortunas que moveron recursos dende Arousa a Madrid, os grandes señores con contactos en Colombia, e as grandes fortunas representadas nos máis impoñentes pazos.

A serie Fariña veu a recordarnos o que somos, o que fomos nas décadas de 1980 e comezos de 1990, dende as primeiras entradas de droga na ría de Arousa ata a espectacular Operación Nécora. O tempo no que o turismo e o viño non eran un gran referente das rías senón o hachís, a cocaína ou o tabaco de batea, as vilas humildes, o traballo duro e unha xuventude en moitos casos perdida por causa dunha fariña non precisamente de muíño. Fariña lanzou esa imaxe a toda España, a través dunha televisión privada nacional. Xa non as Rías Baixas como destino turístico, as rías do balneario da Toxa ou da Lanzada, senón unha terra de mulleres e homes traballadores, chea de recursos e na que uns poucos viron a oportunidade de cambiar o destino das rías a través dos “cuartos” fáciles.

A serie que cambiou o audiovisual galego

Fariña é -e apartires desta noite foi- unha serie de televisión emitida pola canle española Antena3 do grupo Atresmedia, dende o 28 de febreiro ata o 9 de maio de 2018. Estivo baseada no libro do xornalista coruñés Nacho Carretero, chamado do mesmo xeito, e que é un dos máis importantes relatos sobre o narcotráfico en Galicia. O libro foi famoso por ser prohibido por orde da xuíza Alejandra Fontana, logo dunha denuncia do ex-alcalde do Grove. Alfredo Bea Gondar. Este feito, xunto coa recente detención, uns días antes da emisión do primeiro capítulo, de Sito Miñancos en Alxeciras, fixo que a serie fora un gran éxito de público, chegando a superar o 21% do share na súa estrea.

 

Fariña conta a historia dos grandes narcos galegos, Manuel Charlín (Antonio Durán “Morris”) , Laureano Oubiña (Carlos Blanco), Luis Colón “Colombo(Monti Castiñeiras), Manuel Bustelo (Alfonso Agra) e Vicente Otero Pérez “Terito” (Manuel Lourenzo), sendo o protagonista o cambadés José Ramón Prado Bugallo “Sito Miñancos” (Javier Rey), quen é retratado dende os seus comezos no contrabando ata ser detido na Operación Nécora. A serie, por tanto, -inspirada, por outra banda, en outro éxito internacional como Narcos-, é unha gran obra do audiovisual galego cun reparto composto por moitos dos mellores actores galegos de traxectoria máis que consolidada, entre eles un dos pioneiros do teatro galego, Manuel Lourenzo.

Mais non é unha coincidencia. Atresmedia encargoulle o gran proxecto audiovisual de levar a televisión ós grandes narcos das Rías Baixas a unha produtora galega: Bambú Producións. Bambú é unha empresa de produción audiovisual que nace da man de Ramón Campos e Teresa Fernández-Valdés no ano 2007 co obxectivo de desenvolver producións dunha alta calidade técnica e artística. Bambú, nalgúns casos xunto a Beta Films, produciu grandes series de televisión de ámbito nacional para Atresmedia ou Televisión Española como La Embajada, Bajo Sospecha, Velvet, Gran Hotel ou Hispania, así como a película El club de los incomprendidos, de Carlos Sedes, e varios documentais.

Pero Fariña foi a gran aposta da produtora polo talento do país, despois dos seus éxitos en Madrid. Xunto a outros actores como Tristán Ulloa ou Javier Rei, a serie Fariña encheuse de actores galegos, de música propia e de escenarios naturais da Galicia das Rías Baixas. Na música xunto a Iván Ferreiro e os grandes éxitos da movida galega das décadas de 1980 e 1990 como os Resentidos, Herdeiros da Crus, Siniestro Total, Kokoshca, Koroshi Dansas entre outros, hai unha produción actual propia dunha enorme calidade musical.

 

Pero a gran aposta foi o talento dos actores do país saídos das canteiras do audiovisual propio, do cine de produtoras galegas, como Marta Larralde, Celso Bugallo ou Tamar Novás, do teatro, como Manuel Lourenzo ou Evaristo Calvo, ou da produción de series da Televisión de Galicia, como Mela Casal, Antonio Durán, Antonio Mourelos, Ernesto Chao ou Isabel Naveira. Alén de éxitos como Los Lunes al Sol, Trece Badaladas, Mar Adentro ou o Lapis do Carpinteiro, Fariña é sen dúbida a gran irrupción do audiovisual de Galicia no panorama nacional, a primeira vez que unha serie de fonda raíz galega é emitida semanalmente no prime time nacional con gran éxito de share.

A imaxe do país

Pero ademais da música e do talento dos actores galegos Fariña ten outra gran protagonista: a costa galega. Pois Fariña, con escasas excepcións como a Hacienda Panamá ou o cárcere da Parda, rodadas en Madrid, está por completo rodada en Galicia. De feito as rías, as vilas galegas ou os nosos monumentos naturais ou culturais son os grandes referentes dunha trama na que a acción ten a súa razón de ser única e exclusivamente no contexto socioeconómico e xeográfico da Galicia das décadas de 1980 e comezos de 1990.

Daquela as condicións económicas das vilas litorais de Galicia estaban moi lonxe do nivel socioeconómico dos grandes centros urbanos españois e galegos e dos grandes centros de produción, feitos que se mostran na serie. As rías galegas vivían por aquela a entrada na CEE nun contexto económico complicado, ligado a un sector primario e secundario que non acababa de despegar. Como se reflicte, a dura vida do mar, incluso moitas veces forzada á pesca ilegal, a sistemas de cuotas e zonas prohibidas, contrastaba coa impunidade do contrabando, ó tempo que a feble industria, como os estaleiros ou as conserveiras, non eran tanto unha fonte de beneficios laborais e produtivos senón un espazo útil para o branqueo económico.

 

As deficiencias económicas da Galicia litoral deste período vese tamén nos escenarios urbanos, casas e espazos interiores nos que convive unha cultura preindustrial de granito e madeira cunha cultura rururbana de azulexo, uralita, aluminio e formigón; de estreitas e serpeantes estradas e montes de piñeiros. En contraste o mundo do narcotráfico pouco a pouco se vai facendo un oco, con grandes casas a pé de mar, pazos, monumentos públicos e vehículos de alta gama. Un escenario socioeconómico perfectamente recreado para explicar o feito de por que unha sociedade en decadencia económica acabou tolerando ou mesmo encubrindo un fenómeno a todas luces perxudicial, ou en palabras dos resentidos caníbal.

Mais o audiovisual é finalmente o protagonista. Unha serie cunha gran fotografía e cunha narración visual dunha gran singladura que toma como centro as rías, os seus espazos naturais e os seus monumentos. A Galicia tardoindustrial e bizarra contrasta cos pazos, hórreos e igrexas tradicionais; a Galicia da movida contrasta coas tradicións, a gastronomía, gaiteiros e foliadas; a Galicia da diglosia que fala en castelán con acento das Rías Baixas coa pervivencia do galego. Así, na imaxe de Fariña son protagonistas as bateas, as praias, como as da Illa de Arousa ou Vilanova, estaleiros como o de Abruñeiras, os hórreos, os pazos como o de Baión, a igrexas como a de Cambados, exteriores como o da vila de Noia, ou a da praia das Furnas en Portodosón. Unha imaxe protagonista e ben diferente a acostumada ata agora no ideario colectivo das Rías Baixas.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

1 Resposta

  1. 12 Maio 2018

    […] esta serie xa cambiara o imaxinario colectivo de Galicia con respecto ó que foi o narcotráfico, como comentábamos noutro artigo, a imaxe das Rías Baixas e a imaxe que en moitos lugares de España teñen da Galicia dos 80 e […]

A %d blogueros les gusta esto:

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: