Castro das Barreiras, molde para metalurxia do bronce / foto Abrir as Barreiras

Confírmase que había metalurxia no Castro das Barreiras

“Hai días emocionantes na arqueoloxía. Cando a aparición dunha peza é capaz de darlle sentido a toda unha teoría ou confirmar, como é o caso, que nas Barreiras tamén habemus metalurxia“. Así comezaba o mes de maio para o Castro das Barreiras, no Concello de Vimianzo, e con este optimismo o expresaban os arqueólogos do proxecto nas súas redes sociais. E non é para menos, trátase da confirmación de que neste gran castro da chaira do val de Vimianzo si había industria metalúrxica.

Visitas durante a escavación no castro / foto Abrir as Barreiras

O achado dun molde de fundición para bronce durante as escavacións confirma a teoría, o que pode considerarse a descuberta máis importante dende que comezou a campaña. Mais non é a única, nos traballos saíron á luz dúas grandes vivendas dunhas dimensións nada habituais neste tipo de poboados así como importantes restos cerámicos. Pero o achado deste molde pode ser unha descuberta que vai máis alá, xa que nos fala dunha industria que podería ser a razón de ser deste castro tan pouco habitual do val de Vimianzo.

Resta agora o análise. Pois nos pasados días a campaña entrou nunha nova etapa, xa que, como relatan na web de divulgación do proxecto Abrir as Barreiras, as visitas guiadas ó xacemento tocan ó seu fin, abandonando, polo menos polo de agora, a parte divulgativa do proxecto. Agora, o proxecto pasará do traballo de campo a unha fase de estudo e análise rigoroso do atopado na escavación. Ó longo das vindeiras semanas o equipo de arqueólogos enfróntase á difícil pero excitante tarefa de analizar todo o aparecido baixo o chan e sacar as conclusións oportunas.

Castro das Barreiras en Vimianzo / turismovimianzo.com

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: