fbpx
Desfile das lexións romanas por Lugo no Arde Lucus / ardelucus.com

Lugo volve ser a capital da Gallaecia

Tempo de lectura: 4 min.

Lugo preparase un ano máis para a festa de recreación histórica máis importante de Galicia e xa unha das máis importantes do Estado. De feito, o Arde Lucus é xa todo un referente internacional. Tal é a súa importancia que se agardan máis de 600.000 turistas, seis veces máis da poboación do concello, en tres días.

Serán os días 15, 16 e 17 de xuño cando a cidade se transforme novamente para retroceder no tempo e gozar do legado cultural e histórico de Lugo en primeira persoa. A programación do Arde Lvcvs MMXVIII ten nesta edición unhas 350 actividades para todos os públicos, e en distintos espazos destacados da cidade, o 90% novidades.

Tal e como explicou a rexedora, Lara Méndez, o programa, que devolverá Lugo a 2.000 anos atrás, arincará o venres ás 16:00 horas, coa xa tradicional apertura simbólica das portas da cidade, a cargo da Garda Pretoriana. Ese mesmo día terá lugar a entrada das lexións pola Ponte Romana, celebrarase unha ofrenda ás ninfas no Balneario, e disputarase, por segundo ano consecutivo, tanto o torneo de Harpastum como a carreira Muris Lvcis, romanos contra castrexos. Como novidades do venres, a Praza de Santa María acollerá un espectáculo sobre a fundación da cidade, no que participarán os colectivos de Lugo e que inclúe tamén danza e música romana, e a representación sorpresa Baixo a Sombra.

Tropas romanas no Arde Lucus / ardelucus.com

Desfile das cohors

Para o sábado, esta edición do Arde Lvcvs ten unha proposta universal para o desfile das tropas romans e tribus castrexas. Participarán 44 asociacións de recreación histórica, xunto ao César e Caio Antistio. A maiores dos colectivos de Lugo (Guardia Pretoriana, Cohors III Lucensium, Cohors X Urbanae, Lucus Equites, Caetra Lucensium, Salesiani Luci Augusti, Vestais de Lucus Augusti, Senatus Lucus Augusti, Asamblearias, Ara Roma, Pax Romana, Civitas Lucenisis, Lugdunum e Son de LLugh, Tin Na N´og, Castronela, Clan de Breogán, Trebas Galaicas e Mercenarios Galaicos) achegaranse do resto de Galicia, de España, como por exemplo Astorga, Sagunto e Cartaxena; e do resto de xeografía internacional, entre eles Portugal, Italia, Rumania e Francia. Esta xornada tamén acollerá, ás 23:55 un espectáculo sorpresa na explanada do Pavillón Municipal, baixo o nome Divinium, e tamén o concerto do grupo instrumental de música celta Gwendal, dende a 01:30 horas, na Praza de Santa María. O terceiro día, como vén sendo habitual, será a quenda do desfile dos 21 colexios do municipio. Tamén habera unha homenaxe á muralla.

Este ano unificaranse os tres restaurantes na Praza de Bretaña, crearase un espazo de teatro fixo no patio exterior do Vello Cárcere, haberá novas actuacións de todas as compañías de teatro da cidade, e elaborarase un miliario de todas as asociacións. Ademais, segundo explicou Basadre, os ilustradores de banda deseñada de Galicia, debuxarán en directo o Arde Lvdvs, e tamén se ofrecerá, por primeira vez un menú oficial, que se renovará cada ano, que darán 12 locais; composto por entrantes, merluza de Burela, polo e postres, todo elo aderezado por sabores da Época Romana. Tamén é a primeira vez que hai xogos galaicos para os máis pequenos e pequenas da casa, feitos tamén polas asociacións de Lugo.

Non faltará nesta edición o circo romano, o asalto ao Medulio, animación de rúa, con música, teatro, bautizos e vodas romanas e castrexas ou obradoiros. Tamén se realizará o nomeamento de Civitas Honoris e a recepción das distintas lexións e tropas. Como nos últimos anos, haberá un intérprete de signos para moitas das actividades. Tamén, dentro dun municipio e dunhas festas libre de agresións, haberá espazos de información segura: no Concello, no centro de convivencia Uxío Novoneyra, na Oficina Municipal de Turismo e museo municipais.

Desfile de Moda con modelos galaico castrexos dentro dos actos do Arde Lucus / Concello de Lugo

Importancia da participación cidadá

“As e os lucenses saímos á rúa a demostrar que, ademais de ganas de festa, estamos orgullosos do noso pasado, das nosas orixes, estamos orgullosos de Lucus Augusti”, subliñou a alcaldesa na presentación. “É unha cita que coloca Lugo no mapa nacional e internacional da recreación histórica“, continuou Méndez, quen asegurou que esta festa define a un Lugo pensado por e para as persoas, que emprega espazos públicos que foron recuperados para o seu uso público, como o Cantiño Nemesio Cobreros, Praza Horta do Seminario, Praza de San Marcos ou o Vello Cárcere.

A rexedora insistiu na implicación dos lucenses, unha das peculiaridades destes festexos, “a que nos fixo conseguir o pasado ano ser Festa de Interese Turístico Nacional, e coa que intentaremos, traballando xuntos, o recoñecemento internacional.”

De feito, lembrou que, se o Arde Lvcvs se fixo grande estes 17 anos, foi grazas á participación, ben do o conxunto da cidadanía luguesa, de axentes sociais, de colexios, de clubs deportivos, organismo privados a través do patrocinio, Deputación de Lugo, e por suposto, das 17 asociacións de Lugo, entre elas, a Lugdunum, Terra Copora e Tig Na N`og, polo seu décimo aniversario.

Descontos

Un ano máis ofrceranse descontos para os que se acheguen os días previos do Arde Lvcvs e durantes os festexos a Lugo nos autobuses Alsa, dende o 12 ao 19 de xuño, un 25% de desconto, e Arriva, os días 15, 16 e 17 de xuño, un 10%. Esta festa tamén estará presente nos distintos trens polo territorio nacional.

Pode que che interese...