Castelo de Soutomaior / foto Historia de Galicia

“Madrugas, Pedro?” A nova ruta para coñecer Pontevedra

“Madrugas, Pedro?” así se chama literalmente a nova ruta turística que a Deputación de Pontevedra elaborou para coñecer o patrimonio fortificado da provincia. A ruta, que permitirá visitar o patrimonio histórico fortificado de nove municipios, é unha das grandes apostas da administración provincial polo patrimonio cultural e o turismo das Rías Baixas. En concreto, a ruta percorre fortificacións e ruínas nos concellos de Soutomaior, Crecente, Mondariz, Salvaterra de Miño, Tui, Baiona, Vigo, Sanxenxo e Cambados. Todos eles visitables e con acceso todos os días do ano.

Non é unha coincidencia este nome, xa que Pedro Madruga e a familia Soutomaior deixaron a súa pegada dun xeito ou outro en todos e cada un dos lugares que percorre a ruta. A figura de Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga, será o verdadeiro leit motive para que os visitantes podan achegarse e coñecer as fortificacións da provincia nas súas diferentes épocas. Tamén a influencia que as revoltas irmandiñas e máis as guerras de sucesión do século XV que deixaron a súa pegada en todas e cada unha das fortalezas da provincia.

Castelo de Soutomaior / foto Historia de Galicia

Mais deste xeito o castelo de Soutomaior, reinaugurado a partires deste vindeiro venres, e convertido en novo símbolo da Deputación Provincial de Pontevedra, será o elemento articulador de todo o percorrido. Nel, ademais do impoñente castelo, poderase visitar a  Torre de Fornelos en Crecente, o castelo de Sobroso, o castelo de Salvaterra, a vila fortificada de Tui, o castelo de Monterreal de Baiona a vila de Vigo e as torres da Lanzada e de San Sadurniño.

O cabaleiro feudal por excelencia

Pedro Álvarez de Soutomaior ou Pedro Madruga, foi para moitos historiadores o prototipo de cabaleiro medieval galego, e un dos nomes máis importantes da Baixa Idade Media galega. Foi fillo bastardo de Fernán Eanes de Soutomaior, sen dúbida un dos maiores nobres das Rías Baixas. Como tal Pedro estivo predestinado a desenvolver carreira eclesiástica, e incluso o seu nome soaba para ocupar a mitra compostelá. Mais morto o seu irmán lexítimo Alvar Péres de Soutomaior, herdou o título do seu pai. Foi inimigo de Alfonso II de Fonseca, loitou contra os Irmandiños e foi defensor de Xoana a Beltranexa nas guerras de sucesión da Coroa de Castela. A súa figura é recollida polo cronista Vasco da Ponte e algúns historiadores afirman que tras el estaría o misterioso Cristóbal Colón.

Mais a historia léganos tamén a curiosa lenda do seu alcume. Pois nunha liorta co Conde de Ribadavia por unha xurisdición, resolveuse que ambos os dous partiran das súas fortalezas co canto do galo quedando establecido o linde alá onde se atoparan. Mais Pedro, que tiña fama de madrugador nas súas batallas, conseguiu adestrar un galo para que cantara á súa orde. No amencer do día pactado Pedro xa estaba os pes de Ribadavia antes de que o seu adversario cruzara tan sequera os muros. Segundo a lenda o conde ó avistalo díxolle “Madrugas, Pedro!”.

Castelo de Soutomaior, maqueda / foto Historia de Galicia

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: