fbpx
Manifestación en maio de 1936 en Monforte de Lemos / https://sober1936.wordpress.com

Oito históricos sindicalistas galegos

Tempo de lectura: 7 min.

O movemento obreiro, ou sindical é un movemento social especialmente importante, ligado ás dinámicas históricas da Revolución Industrial e da Revolución Francesa. Estivo moi próximo á loita de clases e a conquista de sociedades xustas e libres a través da asociación colectiva. Galicia tamén tivo a súa propia historia do sindicalismo, e as súas propias folgas obreiras ligadas a polos industriais como o naval de Ferrol ou de Vigo, a histórica Tabacalera da Coruña, as industrias conserveiras das Rías Baixas ou a necesidade de reivindicacións agrarias. Galicia tivo neste sentido importantes nomes propios, persoas de diferentes cores políticas que dende o século XIX ata a actualidade loitaron con diferentes enfoques polos dereitos dos traballadores e traballadoras en Galicia, España ou no estranxeiro.

María Araújo Martínez

María Araújo,  María Carcaño ou María a Guerrilleira, foi unha das máis destacadas sindicalistas do primeiro terzo do século XX do Sindicato de Conserveiras de Vigo, un colectivo que tivo un peso moi importante na historia do sindicalismo galego. Nada en Carril en 1904, ós dous anos marchou coa familia a Cuba onde crecería e casaría con Sebastián Carcaño. Ó retornar a Galicia, en 1927 comezaría a traballar nunha conserveira de Vigo onde accedeu ó sindicato. Xa nel, militou no PCE ata o golpe de estado de 1936, cando pasou á clandestinidade e colaborou coa guerrilla antifranquista. Foi detida e estivo na cadea ata 1944, marchando daquela a Cuba. Alí foi vicepresidenta da Unión de Mujeres Españolas, loitou contra a ditadura de Batista e colaborou en campañas de alfabetización.

Esteleiros en Ferrol / visionesdeferrolterra.blogspot.es

Severino Chacón Bergueiro

Severino Chacón naceu en Parada, A Estrada, en novembro de 1884. Foi fillo dunha familia labrega traballou como canteiro en Ferrol dende os 14 anos. Alí tivo o seu primeiro contacto coas asociacións obreiras. Mais dende 1903 viviría na Coruña  converténdose nun dos referentes do sindicalismo da cidade, un gran polo histórico do sindicalismo galego ligado ás industrias da Palloza. Axudou a crear a Unión Tabacalera da Coruña, primeiro sindicato de clase das cigarreiras, foi candidato nas eleccións á alcaldía de 1917 pola Agrupación Socialista da Coruña e en 1918 formaría parte da UXT, presidindo despois a Federación Tabaquera Española. Tralo golpe de estado exiliouse en Francia, Santo Domingo ou Venezuela. En 1967 volveu a España falecendo no ano de aprobación da Constitución Española.

Santiago Iglesias Pantín

Santiago_Iglesias / PD

Santiago Iglesias Pantín naceu na cidade da Coruña en 1872. É coñecido por ser o organizador do primeiro partido socialista de Porto Rico, por representar á illa no Senado dos Estados Unidos e por participar na organización dunha confederación americana de sindicatos. Todo comezou cando ós 15 anos. Sendo aprendiz de ebanista emigrou a Cuba onde entrou en contacto co mundo sindical. Despois de fundar o Ensayo Obrero e de pasar sete anos na cadea polas súas ideas, pasou a Porto Rico, onde fundou o Partido Obrero Socialista de Puerto Rico e o Partido Socialista Puertorriqueño dos que foi representante no Senado americano. Tras isto  participou na fundación da Federación Libre de Trabajadores e a Confederación Panamericana del Trabajo. Fina en Washington en decembro de 1939.

Pablo Iglesias Posse

É sen dúbida ó máis coñecido dos sindicalistas galegos, pois foi o fundador do Partido Socialista Obrero Español en 1879 e máis da Unión Xeral de Traballadores en 1888. Mais o histórico sindicalista e político naceu en Ferrol no seo dunha familia humilde. Isto foi ata tal punto que, coa morte do seu pai, a súa nai tivo que emigrar a Madrid e vivir pedindo esmola polo que Pablo acabaría no hospicio de San Fernando ata os 12 anos. Despois diso comezou a traballar nunha imprenta onde tomaría conciencia do mundo político e social que lle rodeaba.

Pablo Iglesias / PD

Dende aquela comezou a artellar na clandestinidade un novo partido político, que nacería o 2 de maio de 1879 xunto con tipógrafos médicos, xoieiros, marmoristas e zapateiros. Case dez anos despois fundaría a UXT, sendo o seu presidente un ano despois. Foi o representante do PSOE na II Internacional e en 1890 encabezou a primeira manifestación do 1 de maio esixindo a xornada laboral de oito horas e a fin do traballo infantil. Conseguiu o seu primeiro escano por Madrid nas eleccións de 1905 xunto con outros dous compañeiros de partido

Ignacio Fernández Toxo

Ignacio Fernández Toxo pese a ser un sindicalista dabondo coñecido non o é tanto a súa vida e a súa traxectoria laboral e sindical, chea de sucesos que o marcaron fondamente. Como outros moitos sindicalistas galegos naceu na cidade de Ferrol en 1952 en pleno Franquismo iniciando, como moitos, a súa actividade laboral na Bazán Construcións Navais Militares S.A. Xa con 19 anos participa na organización da folga xeral de Ferrol do 10 de marzo de 1972. Esta folga foi unha das máis crueis da cidade xa que nela foron asasinados pola policía dous traballadores e feridos máis de corenta. Feitos que quedaron para sempre marcados para o histórico sindicalista.

Ignacio Fernández Toxo / foto Rastroxo CCBy Wikimedia

A raíz desta folga Toxo foi despedido e condenado a prisión polas autoridades do réxime. Mais trala lei de Amnistía de 1977 sae en liberdade, recupera o seu traballo e retoma a actividade sindical sendo cabeza da listaxe da Fronte pola Unidade dos Traballadores da provincia da Coruña. Dez anos despois foi elixido Secretario Xeral da Federación do Metal de CC.OO., da Federación Minerometalúrgica de CC.OO. despois, e noutros postos ata converterse dende 2008 Secretario Xeral de CC.OO. Dende alí liderou as dúas folgas xerais contra José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy Brei. O 18 de maio de 2011 foi elixido Presidente da Confederación Europea de Sindicatos.

Enrique Liste Forján

Ou Enrique Líster, foi sen dúbida un dos perpiaños da defensa heroica do bando republicano fronte ó exército franquista, combatendo firmemente o levantamento dente o seu inicio ata a caída de Barcelona. O seu papel foi crucial en moitas batallas que o bando lexítimo gañou por toda España, mais a pesares do seu traballo e da súa capacidade táctica non foi quen de deter o desastre. Enrique Liste Forján naceu en Calo, Teo en abril de 1907, canteiro de profesión, emigrado en Cuba e ingresado no Partido Comunista de España ó seu regreso.

Foi un sindicalista especialmente activo daquela nas loitas dos traballadores agrarios de Galicia converténdose nunha das persoas máis importantes durante a ditadura de Primo de Rivera. Durante a Segunda República estaría na URSS onde recibiría formación militar, pasando do sindicalismo á máis pura política e ó inicio da súa carreira como miliciano. Dentro do PCE e por vías pacíficas tratou de frear o avance do fascismo en España, mais co estalido da Guerra tivo que tomar partido activamente, participando na defensa de Madrid, na batalla do Texo, de Toledo, de Belchite, Teruel, Aragón ou Barcelona. Foi membro activo do PCE na Transición axudando á chegada da democracia.

Folga xeral en Ourense no 1931

Moncho Reboiras

Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras, nace en Imo, Dodro, en 1950, nunha familia humilde que rexentaba o Bar Noia no que axudaba o rapaz. Traballou na construción en Vigo ó tempo que estudaba Enxeñaría Industrial. Foi daquela un coñecido activista das reivindicacións estudantís deses anos poñéndose daquela en contacto co nacionalismo, ingresando en 1969 na UPG. Rematados os estudos comezou a traballar nos Estaleiros de Barreiras no momento no que tivo lugar a “Folga de Setembro” onde Reboiras foi un dos principais organizadores. De alí pasaría a Astano en Ferrol e a Intelsa na Coruña.

Reboiras participou na creación do SOG (Sindicato Obreiro Galego)  e da Intersindical galega,  predecesora da actual Confederación Intersindical Galega (CIG). Foi ademais de sindicalista un dos líderes históricos da UPG, ligado á Fronte Cultural Galega. Foi un dos líderes encargado das infraestruturas do partido e, entre outras cousas, é lembrado pola creación dun grupo armado galego en plena ditadura. Pola súa causa acabou caendo cando as Brigadas Político Sociais do Franquismo o acurralaron nun edificio de Canido en Ferrol xunto con dous compañeiros, logrando salvalos a eles mais caendo ate os grises que e o executaron alí mesmo.

Mural sobre Reboiras /foto galiciaartabradigital.org

Constancio Romeo Lasarte

As letras tamén foron casa de sindicalistas en non poucas ocasións. Foi o caso de Constancio Romeo Lasarte. Nado en Zaragoza en 1852. Foi un mestre, fundador de escolas laicas e librepensador que viviu a maior parte da súa carreira profesional na cidade da Coruña. Participou como orador nos actos do Primeiro de Maio de 1906 na Coruña. En xullo de 1909 tras a Semana Tráxica de Barcelona pechábanse as escolas laicas da cidade ártabra, e Constancio foi acusado de defensor de ideas anarquistas, dende aquela pelexou por crear un novo colexio laico na cidade. Constancio Romeo participou en mitins anticlericais, en defensa do librepensamento, actos a favor dos presos políticos. A raíz da folga xeral de 1917 foi acusado de formar parte dunha xunta revolucionaria e procesado. Morreu o 9 de decembro de 1917 na Coruña.

Arsenal de Ferrol / foto hwi62CC0

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...