Unha noria como as que se sitúan na Alameda / ZoltanekCC0

Por que Santiago acabou celebrando as súas festas nos xardíns da Alameda?

Vai poucos días Santiago de Compostela celebraba un ano máis as multitudinarias festas da Ascensión. Como todos os anos, polbeiras, atraccións de feria, tómbolas, unha enorme noria e palcos das orquestras enchían os xardíns da Alameda de Santiago de Compostela dun ambiente lúdico e festivo. Pero, por que este, e non calquera outro recinto da cidade é o que acolle a festa? A resposta hai que buscala, como todo nesta cidade, na historia. Xa que o conxunto de xardíns que hoxe coñecemos como Alameda son en realidade un grupo de parques e paseos arborados conformado ó longo de diversas épocas e que pouco a pouco se foi convertendo no gran espazo de desafogo natural da cidade.

As orixes dun recinto feiral

As orixes remotas deste xardín hai que buscalas no século XII cando o arcebispo Xelmírez edifica no lugar da actual Santa Susana unha igrexa co título de Santo Sepulcro. Despois do viaxe a Braga do arcebispo e do roubo naquela localidade das reliquias desta santa a capela pasará a chamarse Santa Susana, converténdose daquela en copatroa da urbe. O lugar, extramuros da cidade amurallada, formou parte dende aquela de ritos procesionais e viacrucis que saían dende diversos puntos ata a capela, cruzando a porta Faxeira e o espazo que a antecede, o chamado Campo da Estrela e subindo como sucede a día de hoxe pola costa ata o cumio. 

Alameda dende a praza do Obradoiro / foto HdG

Mais a carballeira que rodea a capela de Santa Susana ata o século XVI formaba parte dun extenso bosque que chegaba ata o mosteiro de San Lourenzo.  Este enorme bosque era daquela propiedade do Conde de Altamira, un dos grandes señores da cidade, ata que no ano 1546, exiliado xa na corte, decide doalas á vila de Santiago como “pasto común e plantar árboles e arboledas”. Dende aquela este espazo ó redor de Santa Susana converteuse nun espazo público da cidade acollendo, polo tanto, diversas funcións. Entre elas foi o gran recinto feiral, mercado de gando e mallum da cidade.

O primeiro paseo arborado da cidade

De esta época provén a tradición de empregar este espazo como lugar de esparcemento e de feiras. Máis a historia deste recinto de festas non é tan sinxelas xa que dende aquela época o espazo e a concepción do lugar sufriu bastantes transformacións. A nosa Alameda non é un campo da feira como se conserva en moitas localidades galegas senón que é un verdadeiro xardín. Para entender como despois de case cinco séculos as festas da cidade se seguen celebrando no lugar temos que entender tamén o espazo que o antecede, o chamado Campo da Estrela.

O ‘Map 212’é o manuscrito orixinal en cor do proxecto de creación do que hoxe en día é o parque da Alameda de Santiago / USC

Este lugar, que é practicamente un cadrado diante do actual instituto Rosalía de Castro, foi durante moito tempo un espazo baleiro, delimitado xa dende o século XVI polo actual instituto, construído orixinalmente como segundo edificio da Universidade, ou edificio de Pasantes. Tamén polas murallas da cidade, a Porta Faxeira e os camiños e estradas que saían da cidade cara as Rías Baixas. Este campo da Estrela foi o tradicional espazo baleiro extramuros que conservan a maioría das vilas de orixe medieval de Galicia, como o Campo de San Francisco de Noia ou Campo da Barreira de Allariz, un espazo multiuso e de desafogo das cidades, que se empregaba tamén e preferentemente como campo da feira.

Mais en 1827 ó abeiro das ideas de salubridade da Ilustración e máis das de ornato público do século da burguesía, desenvólvese a idea de formar sobre este espazo e ata a igrexa do Pilar un paseo público “cual corresponda a la capital de este Reino, pavimentado y arbolado”. Catro anos despois o proxecto xa fora materializado, na parte anterior da igrexa do Pilar, á beira do Campo da Estrela, coñecéndose daquela como Paseo da Alameda. Foi o verdadeiro núcleo orixinario dos xardíns, o lugar no que actualmente se coloca os palcos das orquestras, e non por tanto sen razón.

A configuración do conxunto dos xardíns da Alameda

De feito a única parte que se lle chamou historicamente Alameda foi esta. Ata este momento o lugar era tan so un recinto feiral e un bosque de carballos ó redor dunha ermida. Mais no ano de 1853 unha terrible fame e miseria asolou Galicia. Sendo de aquela alcalde Nicolás García Vázquez tratou de dar ocupación os parados da cidade construíndo un gran paseo arborado ó redor da carballeira de Santa Susana. Este paseo daría a volta completa ó outeiro desembocando de novo na Alameda. Por isto levou por nome Paseo de Ferradura, un un paseo case romántico que valorizaba ante todo as vistas sobre a cidade e contorna.

Feira en Santa Susana 1919 / foto Costa Buján e Cabo Villaverde

Mais o paseo non quedou de todo rematado. Foi en 1891 cando o Marqués de Bóveda, Juan Pimentel aportaría o capital para rematar o paseo. Sería daquela cando se plantan os carballos que se conservan actualmente e se elimina o enreixado que ata daquela delimitaba o xardín,  substituíndose por dúas portadas monumentais coroadas por leóns o que fixo que a este primeiro tramo, dende aquela se lle nomeara como Paseo dos Leóns.

Mais a historia deste xardín non remata daquela. Pois en 1903, no interior xa da carballeira se constrúe o Paseo das Rotondas e na década de 1920-1930 se remata a zona occidental, con especies exóticas, parteiras neobarrocas e unha imaxe similar ata certo punto a dos xardíns pacegos. Tamén nos anos de 1917 e 1918 se sitúan as estatuas de País Lapido, o histórico director da Sociedade Económica de Amigos do País, e Rosalía de Castro. En 1952 o arquitecto da Universidade Jenaro de la Fuente remata o conxunto de xardíns cunha monumental escaleira neobarroca que o conecta co campus.

De campo da feira a espazo para festas

Mais, despois de catro séculos e da construción do monumental xardín, a feira de Santiago continuábase a desenvolver todos os xoves na carballeira de Santa Susana, no campo da Estrela, no paseo de Alameda, e no de Ferradura. Mais a imaxe deste espazo da cidade xa non era o mesmo despois da construción dos xardíns e moitas foron as voces que dende finais do século XIX pedían o traslado da feira a outro recinto. Non foi tan sinxelo e a tradición pesou bastante máis. Non en balde dende o século XVIII se documentan na cidade feiras neste espazo.

Paseo dos Leóns en 1919 / foto Costa Buján e Cabo Villaverde

Non foi ata o ano 1964 cando a idea do traslado callou por fin. En 1967 se inician as obras dun novo mercado de gando no actual Salgueiriños que non habían de rematarse ata o ano 1971. Con este novo mercado cun conxunto de naves de máis de 10.000 metros cadrados se trasladaría tamén a feira, onde segue a día de hoxe. Tamén se trasladara tempo atrás parte dos postos de venta ó mercado de abastos construído en ferro en torno a 1860 por Melchor de Prado y Vallo e en estilo neomedieval polo arquitecto Joaquín Vaquero Palacios en 1941. Mais a finais da década de 1990 construiríase un novo recinto feiral so para a feira de gando, daquela unha das máis importantes de España, no lugar de Amio.

Así no ano 1971 o conxunto de diferentes xardíns denominados da Alameda deixou de ser o campo da feira da cidade para converterse nun dos grandes xardíns históricos de Galicia. Como único recordo das festas e feiras -fenómenos moi ligados historicamente- que durante séculos se fixeron no lugar, so quedou a imaxe de feira festiva que conservamos na actualidade. O paseo, casetas de festa de feira, nas que aínda se pode comer o polbo, orquestras, atraccións e unha monumental noria, lémbrannos cada ano nos meses de maio e xuño os tempos nos que a Alameda foi un gran recinto feiral.

Xardíns de Alameda no plano de Santiago de 1920 / foto Costa Buján e Cabo Villaverde

 

 

 

 

Algo de bibliografía:

RODRÍGUEZ, MANUEL, Los Años Santos compostelanos del siglo XX: crónica de un renacimiento, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Santiago de Compostela, 2004.

MORENAS AYDILLO, JULIÁN, La Alameda de Santiago de Compostela, Consorcio de Santiago de Compostela, ed. Biblioteca Nacional Galicia, Santiago de Compostela, 1994, p.5

MARTÍ ARÍS, CARLOS, Santiago de Compostela, la ciudad histórica como presente: Consorcio de Santiago, Ediciones del Serbal cop., Barcelona, 1995

COSTA BUJÁN, PABLO, y CABO VILLAVERDE, JOSÉ LUIS, Imaxe de Compostela: unha cidade de pedra nas vellas fotografías, COAG,  Santiago de Compostela, 1991.

COSTA BUJÁN, PABLO, y CABO VILLAVERDE, JOSÉ LUIS, Compostela: memoria fotográfica, ed. Ara Solis, Santiago de Compostela, 1996.

RODRÍGUEZ DACAL, CARLOS, Alamedas, jardines y parques de Galicia, Xunta de Galicia, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Dirección Xeral de Urbanismo, Santiago de Compostela, 2001.

RODRÍGUEZ DACAL, CARLOS, El Jardín de los pazos gallegos : espacio de recreo y fuente de recursos, Asociación de Antiguos Alumnos de la Facultad de Farmacia: Universidade, Servicio de Publicacións e Intercambio Científico, Santiago de Compostela, 1994.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

2 Respostas

  1. 6 Xuño 2018

    […] doa á cidade de Santiago como “pasto común e plantar árboles e arboledas”. Dende 1827, como contábamos noutro artigo, ademáis de ser o mallum e recinto feiral, o lugar convértese no xardín público de […]

  2. 14 Xuño 2018

    […] reunións das xuntas de veciños da cidade, serviu como mallum e como espazo de lecer. Dende 1827, como contábamos noutro artigo,  o lugar convértese no xardín público de […]

A %d blogueros les gusta esto:

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: