A Senra coa praza de Galicia / foto Arquivo de Galicia

Queres coñecer como mudou Santiago na segunda metade do século XX?

Santiago. Protección e transformación da cidade. Este é o título escollido polo Arquivo de Galicia para a exposición que acolle a Biblioteca da Cidade da Cultura dende o pasado 11 de maio ata o vindeiro día 26 de xuño. O obxectivo é expor un dos fondos documentais máis importantes de Galicia no tocante a transformación urbana, como son os Expedientes de autorización de concesión de licenzas de obra do Concello de Santiago entre o ano 1944 e 1998. “Estes expedientes foron producidos polas diferentes Comisións do Patrimonio Histórico-Artístico que se suceden no tempo e que conteñen un gran número de fotografías que evidencian moitas das transformacións da cidade”, en palabras da propia organización.

A exposición que pretende facer un relato documentado de como mudou a cidade de Santiago de Compostela, comprende dende catro anos despois da declaración como Conxunto Histórico-Artístico do Casco Antigo de Santiago de Compostela por decreto de 9 de Marzo de 1940, e ata o ano de 1998 último ano de mandato do alcalde e arquitecto de profesión de Xerardo Estévez Fernández, un dos grandes promotores da rexeración contemporánea da cidade. “Son estas fotografías as que constitúen o eixo do relato, centrado especialmente a partir da segunda metade da década de 1960, época na que se acelera o ritmo do crecemento urbanístico da cidade”.

Tránsito dos Gramáticos / foto Arquivo de Galicia

Mais a exposición feita con este fondo documental que se custodia no Arquivo contén, ademais de fotografías, expedientes e planos ata un total de 103 documentos, moitos deles transferidos pola Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Xunta de Galicia. Conta tamén con reproducións de diferentes deseños para corrixir elementos como rótulos presentados para a súa autorización, así como de imaxes actuais feitas exactamente nos mesmos lugares que foran capturados nas as fotografías antigas.

Así a mostra constitúe un reflexo único dun dos momentos máis importantes da mudanza da cidade ó longo de case medio século e de varias das etapas que deron como resultado o Santiago no que vivimos na actualidade. Momentos nos que se construíu o ensanche, se rehabilitou a cidade histórica, se consolidaron as súas vías de comunicación e se fixo posible a gran transformación do último cuarto de século. A mostra, que se inscríbese dentro das actividades organizadas pola Consellería de Cultura para contribuír á celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, ten como obxectivo, ademais de amosar unha parte importante do desenrolo da cidade, contribuír á difusión dos importantes fondos do Arquivo de Galicia.



Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: