Dolmen de Dombate / foto Íñigo M. Riobó

Rapaces e mozos de máis de 40 colexios revivirán o neolítico no Dolmen de Dombate

Como contábamos noutros artigos a Deputación da Coruña e máis o Concello de Cabana de Bergantiños están decididos a converter o Dolmen de Dombate no epicentro do turismo cultural da Costa da Morte. É nesta primavera cando o Concello ten planeado darlle o gran pulo ó monumento. Para isto, como xa contamos, promoverá a difusión do monumento con todos medios ó seu alcance. O Concello manterá visitas guiadas en horario estendido, desenvolverá obradoiros didácticos abertos a diversos niveis de ensinanza e repartirá folletos e mapas elaborados polo GDR Costa da Morte. 

Obradoiro “Alumeando a Mamoa” / imaxe Concello de Cabana

Para isto ó longo deste mes de maio, e ata o 30 de xuño, o monumento contará cun programa de visitas guiadas en horario estendido. Serán de martes a venres de 10.00 a 14.00 e os sábados e domingos de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. As visitas estarán guiadas por Ángel Eiroa, máis coñecido como Lito, histórico guía dos monumentos de Borneiro. O obxectivo é o de manter co bo tempo o tirón de visitas que o monumento recibiu durante a Semana Santa, chegando a recibir máis de 400 nun so día.

O Concello tamén pretende manter o tirón dos obradoiros didácticos, que se veñen desenvolvendo dende vai algún tempo. Farase cunha campaña intensiva de actividades sobre a prehistoria que dirixirá Galipat Servizos Culturais, enfocados a que os rapaces e mozos de diversas idades se acheguen á vida das sociedades que habitaron este territorio 6.000 anos atrás. Así nos obradoiros orientados a mozos dende Infantil ata Bacharelato participarán colexios e institutos como de concellos da contorna como Laxe, Carballo, Santa Comba ou Cee así como outros de lugares tan afastados como A Coruña, Oleiros, Arteixo, Santiago, Bertamiráns, Pontevedra ou Lugo, ata un total de 41.

O lume a caza ou a pintura

Obradoiro “O gran invento do neolítico: a cerámica” / imaxe Concello de Cabana

Sen dúbida o que máis destaca neste programa de actividades no Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate é a excepcionalidade dos obradoiros a desenvolver. Deseñados especificamente para cada ciclo escolar, teñen como obxectivo que os rapaces comprendan por eles mesmos tanto os sistemas de produción da cultura material relacionada co megalitismo, como o traballo dos arqueólogos e arqueólogas. Terán como obxectivo coñecer e experimentar os modos de vida do neolítico e os cambios que supuxo esta etapa, axudar ós alumnos a comprender o fenómeno do megalitismo e o propio dolmen, así como comprender a importancia do Patrimonio Cultural e en xeral a importancia dun uso responsable dos recursos.

Entre os obradoiros destacan o de pinturas máxicas, orientado a rapaces de 1º e 2º de Primaria, o de tecido, cerámica e ondas sonoras, para rapaces de 3º ata 6º, o de gravaduras e o de arqueoloxía orientados a estes e máis os de 1º e 2ºde ESO. Para os rapaces de Bacharelato reserváronse os de alumeado, no que se pode aprender a facer lume dun xeito natural, e o de Azagaias, arcos e frechas, centrado na caza. Os obradoiros que serán desenvolvidos dun xeito didáctico e práctico, e que estarán acompañados da propia visita ó xacemento, terán unha duración dunha hora. Será, sen dúbida, un oportunidade única para os rapaces de comprender a vida no neolítico ó pé dun dos monumentos desta época máis importantes de Europa.

Detalles das visitas e dos obradoiros do dolmen de Dombate / imaxe, Concello de Cabana de Bergantiños

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: