fbpx
Castelo de Soutomaior, maqueta / foto Historia de Galicia

Reabre Soutomaior, co ambicioso proxecto para convertelo na icona da provincia

Tempo de lectura: 4 min.

Onte, despois de varios meses de obras, reabriu as súas portas o Castelo de Soutomaior, na ría de Vigo. Faino despois dunha gran reforma que implicou unha nova musealización, un novo discurso expositivo é o que será un renovado pulo ó turismo no lugar. O Castelo de Soutomaior foi rescatado do abandono pola Deputación Provincial de Pontevedra no ano 1982 e abría as súas portas ó público no ano 1987. Mais dende aquela o seu programa de musealización practicamente non fora tocado. Agora a Deputación, con esta intervención, pretende convertelo de feito nun dos grandes sinais de identidade da institución e nun dos grandes referentes turísticos da provincia.

Castelo de Soutomaior / foto Historia de Galicia

E é que como un “motivo de orgullo” definíao o xoves da semana pasada a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no acto de preapertura para os medios, na que estivo HdG. Nela, xunto con representantes de diversas administracións, a presidenta facía referencia á importancia do proxecto para a institución e para a provincia. Atopárono deixado á súa sorte, afirmaba, e convertido nun chiringuito dun Partido Popular que o empregaba ata para actos de partido. Carmela afirmaba terlle dado un xiro de 180 graos e devolverllo de feito ós cidadáns.

Novo discurso expositivo e novas tecnoloxías

Carmela destacaba o gran investimento feito polo organismo, un total de dous millóns de euros investidos na musealización e mellora das instalacións, á que, afirma, que se lle engadirán outros dous no vindeiro ano. O certo é que, cifras aparte, o programa expositivo sufriu unha transformación radical, enfocado en dúas direccións, un novo discurso expositivo, reorganizado e racionalizado, baseado nas diferentes figuras históricas que o habitaron ó longo de toda a súa historia, e o uso das novas tecnoloxías para desenvolver de xeito innovador e didáctico o novo programa expositivo.

 

Castelo de Soutomaior / foto Historia de Galicia

Neste sentido o castelo recentra o seu percorrido distribuído en figuras como María Vinyals ou Antonio Aguilar, situados na zona residencial, ou a familia Soutomaior, entre eles o popular Pedro Madruga, nas zonas inferiores e torres. Faise tamén por primeira vez un oco no museo o personaxe histórico de Cristóbal Colón que podería ter as súas orixes tamén nestes muros. Para isto o novo castelo conta coa axuda das novas tecnoloxías. Conta con paneis informativos e interactivos, mesas virtuais, proxeccións con tecnoloxía 3D e un interesante mapeado interactivo. Varios deles xogan con elementos do propio castelo coma os perpiaños dos seus muros.

 

Todo nun máis que interesante discurso divulgativo. Para dalo a coñecer anunciouse unha xornada de portas abertas durante o mes de maio, coincidindo co día dos museos que se celebra o vindeiro día 18. A partires de xuño poranse á venta as entradas a un prezo de 5 euros, ou 2,5 na súa entrada reducida, podéndose mercar nunha nova taquilla, ou na propia páxina web do castelo ou de Turismo Rías Baixas. Así, no día de onte abrían de novo as portas do castelo ós visitantes, despois de que a fortaleza fora reinaugurada o pasado venres nun novo acto público.

Castelo de Soutomaior / foto Historia de Galicia

Unha das xoias medievais de Pontevedra.

Descoñécese exactamente o momento no que se edificou o castelo, para moitos podería remontarse a época altomedieval mentres que para outros sería case con toda seguridade do século XII, momento no que se documenta por primeira vez o apelido Soutomaior en Galicia. O que si é certo é que acolleu entre os seus muros a unha das liñaxes máis importantes da Galicia medieval, que tería participado de todos os acontecementos máis importantes da nosa Baixa Idade Media, como as guerras internas entre nobres galegos, os enfrontamentos entre os bispados de Tui e Compostela, as revoltas irmandiñas ou as guerras de sucesión con Castela.

Contruíuse daquela un dos castelos máis monumentais de Galicia, cun amplo e dobre perímetro amurallado de forma oval, varias torres e unha monumental torre da homenaxe de case 150 metros cadrados e 15 metros de altura. No século XV edificaríase unha segunda torre e máis unha estrutura pacega, composta de varios andares e dunha excepcional amplitude. Mais no século XIX esta zona sería reformada profundamente para adaptala a residencia estival de Antonio Aguilar y Correa, marqués de Armijo, engadíndolle entre outras a icónica galería oxival, ou galería das damas, unha das obras neogóticas máis salientables de Galicia.

Castelo de Soutomaior / foto Historia de Galicia

Mais destaca tamén polos seu impoñente entorno, dominando de preto o esteiro de Rande e a Ría de Vigo. Mais, sobre todo, polo seu impoñente conxunto de xardíns, unha xoia única en Galicia duns 15.700 metros cadrados. Nel se poden atopar máis de 200 especies botánicas, algunhas dunha máis que considerable antigüidade, que comprenden cedros, abetos, cipreses, castiñeiros, plátanos, palmeiras, camelias -entre elas unha das máis grandes e antigas de Galicia-, magnolias, araucarias ou sequoias. Algunhas das súas árbores aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Foi declarado Xardín de Excelencia Internacional no ano 2012, sendo o único de España.

Castelo de Soutomaior / foto Historia de Galicia

Castelo de Soutomaior, maqueta / foto Historia de Galicia

 

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...