Igrexa visigoda de Santa Comba de Bande / www.jal-jones.com

Santa Comba de Bande, a gran xoia goda de Galicia, modernízase

San Torcuato ou Trocado de Bande, ou máis popularmente Santa Comba de Bande, pola parroquia e concello no que se localiza, é unha das grandes xoias da arte prerrománica de Galicia. É unha das poucas igrexas do século VII conservadas na Península e dun estilo moi cedo do prerrománico coñecido habitualmente como estilo visigótico ou suevo-godo. Santa Comba foi un antigo mosteiro que acolleu por séculos os restos de San Torcuato un discípulo do Apóstolo Santiago, hoxe no mosteiro de Celanova, e do que so se conserva a sensacional igrexa declarada Monumento Nacional en 1921.

Mais o pasado 15 de maio o Ministerio de Fomento daba un paso máis na recuperación do templo a través dunha intensa intervención no seu entorno inmediato. A obra centrouse no acondicionamento e mellora das rúas que circundan o templo, ata o de aquela non moito máis que unha pista asfaltada en moi mal estado. A obra consistiu na humanización da rúa pavimentándoa con novos materiais e a eliminación de beirarrúas. Tamén  na mellora no paso á igrexa, facilitando a accesibilidade. A obra serviu tamén para arranxar os problemas de canalización de augas evitando filtracións no adro da igrexa que foran absorbidas despois polo templo.

Foi a Xunta a que se encargou o pasado ano das obras de drenaxe no entorno da pequena igrexa mentres Fomento se ocupou das reformas estéticas no entorno, con pedra e un formigón especial, investindo para isto a cantidade de 280.000 euros. Na loita contra as humidades que se está a facer, a Xunta no pasado 2016 procedeu a desenvolver unha obra que melloraba a drenaxe das cuberta evitando a entrada de auga dende as bóvedas. Tamén se modificaron algunhas das carpinterías exteriores na busca dunha mellor ventilación.

Santiago Villanueva e outras autoridades na inuaguración das obras na contorna de Santa Comba de Bande / foto Ministerio de Fomento

“Con esta obra deuse o paso necesario para poñer en valor o entorno deste monumento, para destacalo e para o seu mantemento e conservación” afirmaba o delegado do Goberno en Galicia Santiago Villanueva durante a inauguración das obras. Nesta participaron o pasado día 15 o párroco, o alcalde de Bande, José Antonio Armada e o bispo de Ourense, José Leonardo Lemos. Villanueva sinalaba como é unha obra imprescindible xa que se trata de instalacións moi frecuentadas, con ata 20.000 visitas por ano, que precisaban de novos accesos.

“Esta actuación é unha nova mostra do compromiso do Goberno Central coa rehabilitación de monumentos e grandes obras arquitectónicas, e esta igrexa é un referente a nivel nacional e internacional”, afirmou. Mais o certo é foron precisamente os veciños, a través do Grupo de Acción Ecoloxista Outeiro, os que no ano 2016 conseguiron forzar á Xunta a rehabilitación do templo a través dunha denuncia no Seprona polo seu estado e o perigo que corrían as pinturas, tal e como contábamos daquela en Historia de Galicia. Tamén, foi María Isabel, veciña da rúa, a que ante a pasividade da Xunta por moito tempo se encargou de ensinar o fabuloso templo ás visitas.

Santiago Villanueva e outras autoridades na inuaguración das obras na contorna de Santa Comba de Bande / foto Ministerio de Fomento

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: