Penedo con versos de Rosalía de Castro / foto Galicia Confidencial

Santiago inaugura “O xardín das pedras que falan” ó pé da biblioteca máis importante de Galicia

Na parte traseira do Colexio de Fonseca, sede da Biblioteca Xeral da USC hai un pequeno xardín aberto á avenida de Rodrígo de Padrón. Neste pequeno xardín, atopábase en tempos o xardín botánico da Universidade, un lugar con especies de diversos lugares do mundo e que serviu de apoio científico a investigación. Mais co tempo, e as necesidades de espazo, os terreos do antigo botánico ocupáronse por edificios, quedando del tan so unha parte. Coa apertura do Ensanche de Residencias, o campus, estes edificios históricos e historicistas foron ocupados pola gran biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, a Biblioteca Xeral.

Mais o pequeno xardín no que aínda se conservan especies como o impoñente ginkgo biloba, unha árbore de espectaculares cores amarelas no outono, ficou por tempo como un espazo non moi coñecido da cidade. Mais nos últimos meses o Concello de Santiago de Compostela, a Universidade e máis o escritor Suso de Toro, tiveron unha excepcional idea para dar a coñecer o recinto e ofrecerllo de novo ós composteláns coa creación do “Xardín das pedras que falan”, un proxecto paisaxístico, escultórico e literario ó pé da biblioteca máis importante de Galicia.

O “Xardín das pedras que falan” é un proxecto no que unha serie de bacolitos ou penedos enchen o espazo con citas de escritores históricos de Galicia, xunto con  versos ou liñas inéditas de autores vivos de todo o mundo. A eles se lles pediu ou pedirá que se comprometan a non publicar esas verbas, polo menos, en vida, quedando por tanto as palabras intimamente ligada ó lugar. O obxectivo é que o xardín se converta nunha verdadeira homenaxe ó feito literario, unha referencia o que contén o edificio veciño, á gran institución do coñecemento, e á tradición literaria da cidade de Santiago de Compostela.

Mariño Noriega e outras autoridades na inauguración / foto Galicia Confidencial Paula Martínez Graña – USC

Polo de agora, o xardín, inaugurado no día de onte, conta con so tres pedras con gravados, de Rosalía de Castro, Luz Pozo Garza, e o irlandés Seamus Heaney.  O acto estivo presidido polo alcalde Martiño Noriega, e o reitor en funcións, Juan Viaño o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, a viúva de Seamus Heaney e a propia Luz Pozo. Mais estes tres penedos serán so os primeiros, pois na idea de Suso de Toro está ir engadindo versos progresivamente. Os detalles os recolle o xornal Galicia Confidencial.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: