fbpx
Manifestación / foto Plataforma pola defensa do Castelo de Monterrei

Unha calzada do século XVI desaparecerá coa reforma do castelo de Monterrei

Tempo de lectura: 2 min.

“Enterro/despedida da calzada do Castelo de Monterrei. Non o soterramento, si a restauración e suministros para os veciños que queren restaurar. Monterrei non só é un Castelo é unha fortaleza, a máis grande de Galicia. E ten un pobo dentro.” Así de claros se amosaban dende a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei nas súas redes socias despois da manifestación que tivo lugar no día de onte ó pé do castelo. O obxectivo era “despedirse” dunha calzada medieval do século XVI que serve de acceso ó castelo. A calzada desaparecerá soterrada para deixar paso a un novo acceso que permita o tráfico rodado ó Parador de Turismo que a Xunta quere contruír na fortaleza.

“Un uso público e cultural do castelo. Soterran a nosa historia”. Baixo este lema se manifestaron membros da Plataforma, veciños de Monterrei, e membros do PSdG e BNG da localidade. Esixían que a calzada, unha das poucas conservadas desta época en Galicia, e que apareceu o ano pasado durante catas arqueolóxicas previas ás obras, non acabe baixo unha lousa de terra ou formigón. Aínda que algunhas fontes sinalan que será unha cubrición temporal, o certo é que no novo vial inverteranse 214.000 euros, unha cantidade máis que considerable para unha obra temporal.

 

Mais á marxe desta nova, a polémica ó redor da obra de adaptación para Parador leva, tal e como informamos en varias ocasións dende o noso xornal, moito tempo moi viva para os veciños da comarca de Monterrei. Non foron poucas as voces que se ergueron contra a construción do hotel no castelo esixindo un uso público e cultural. Argumentan para isto que é un símbolo cultural e patrimonial da comarca, declarado Monumento Nacional en 1931, que xa existe outro Parador en proceso de ERE a tan so 500 metros da fortaleza, e que o Estado o cedeu á Xunta para usos culturais. Á polémica sumábase unha sentenza do TSXG do ano 2016  anulando a licenza de obras.

Castelo de Monterrei / paradores.es

 

 

Pode que che interese...