fbpx
Guimarães / foto JoséCostaCC0

Vímara Peres, o galego que fundou Portugal antes que o rei Alfonso I

Tempo de lectura: 3 min.

Na outra beira do río Douro, máis alá do actual Porto, na actual Vila Nova de Gaia, atopábase en tempos a cidade de Cale, ou Portus Cale, citada xa con este nome en tempos suevos.​ No século V Idácio de Chaves xa menciona a cidade de Portucale e no século IX xa comeza a empregarse o termo portucalense para referirse á zona ó redor e ó norte da desembocadura do Douro. Este será o momento no que se cree o Condado Portucalense xerme do primeiro reino de Portugal, e foi un galego da Coruña, Vímara Peres, quen sería o responsable da fundación deste primeiro feudo.

A historia de Vímara Peres, Vimara Pérez, Guímara Peres ou Uimara Petri -con todos estes nomes é coñecido- é a dun nobre galego da corte de Alfonso III que viviría arredor das datas de 820-873. Segundo as crónicas, co seu pai, Pedro Theóm, participou no ano 858, segundo os Annales Complutenses, na expulsión dos saqueadores normandos ou vikingos da cidade de Faro, a actual Coruña, nun dos episodios máis importantes das guerras de Ramiro I contra estes.

Vímara Peres / foto yeowatzupCCBY-SA

Segundo as fontes, Vímara nacería na propia Coruña ou polo menos viviría alí no tempo desta batalla. Dise que foi un nobre con importantes posesións en Galicia que, tras conseguir a confianza de Ramiro I e do seu sucesor Ordoño I, encargaríase da tarefa de repoboar a a liña de terra entre os ríos Miño e Douro liberando do exército musulmán a cidade de Portucale, xa probablemente o propio Porto. Coa conquista da propia cidade no ano 868 Vimares funda un primeiro estado feudal dependente do reino do reino de Alfonso III coñecido como Condado de Portucale, que sería o xermolo do primeiro reino portugués.

O condado de Portugal, porén, manteríase como parte integrantes dos reinos de Asturias, Galicia e León ata o ano 1139. Neste ano o herdeiro do 2º condado de Portugal autoproclamarase rei co nome de Alfonso I de Portugal, pasando o feudo de condado a reino. Nos vindeiros anos o reino, xa independente, seguirá a reconquista e repoboación cara o sur polas terras da antiga Lusitania ata chegar á propia costa meridional da península, configurándose co tempo o territorio do Portugal actual.

A Vímara Peres atribúeselle tamén a fundación de varias cidades fortificadas. Unha delas nas proximidades de Braga será a chamada Vimaranis, que evolucionará etimoloxicamente co nome de Guimarães. A cidade portuguesa Patrimonio Cultural da Humanidade, será o lugar no que Alfonso I declarará en 1139 o Reino de Portugal. Vímara, segundo as fontes, falecería en Bama no ano 873 deixando como descendente ó seu fillo Lucidio Vimaranis quen fornecería unha dinastía que gobernaría o condado ata o ano 1071.

Praza da Oliveira en Guimarães / Feliciano GuimarãesCCBY

Unha petición por unha rúa na Coruña e outra en Guimarães

A ANG (Assembleia Nacional Galega) iniciou nos pasados días unha petición pública dirixida ó alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o Presidente da Cãmara Municipal de Guimarães, Domingos Bragança, para que lle dediquen en cada unha destas dúas cidades unha rúa a Vímara Peres. Para isto fixeron tanto un comunicado institucional como unha petición na plataforma change.org. Fano ó considerar que Vímara é unha das figuras máis relevantes da historia común entre Galicia e Portugal e unha das figuras claves na creación deste segundo reino.

Segundo eles, a cidade de Porto ten xa dende fai anos unha rúa moi coñecida, unha avenida central, e unha estatua ecuestre dedicada ó nobre galego, moi preto da Sé ou catedral da capital rexional. Para a ANG “agora sería o momento de que a cidade da Coruña e a de Guimarães tiveran cada unha delas unha rúa dedicada”, que non so servise para lembrar a esta figura histórica, tradicionalmente esquecida, senón tamén como xeito de desenvolver un símbolo de irmandamento de dúas cidades que noutro tempo pertenceron ó mesmo reino.

Gimaraes / foto XtipCC0

Pode que che interese...