fbpx
San Pedro de Esperante no Courel
San Pedro de Esperante / Íñigo M. Riobó

Xuño será o mes por excelencia para o Courel cun congreso histórico

Tempo de lectura: 4 min.

Como xa comentamos noutros artigos, o Courel é un espazo privilexiado dentro de Galicia. A Serra e comarca do Courel é para os biólogos o lugar de terra coa maior biodiversidade de Galicia, algo que se nota sen dúbida na paisaxe. No Courel están presentes todas as especies vexetais galegas non sendo de costa ó abeiro do seu relevo complexo e do seu clima frío e suave. É un conxunto de serras e vales dunhas 21.000 hectáreas de de extensión, con fortes mudanzas de altitude, que dan pé a diversos ecosistemas que fan que para moitos esta serra sexa a reserva botánica máis importante de Galicia.

Mais esta é so unha parte da riqueza da comarca. Xa que ás montañas cargadas de neve no inverno, súmanse castelos e castros trepando polas serras, ferrerías, muíños, sequeiros, igrexas, camiños… O Courel foi -e aínda o é- unha das zonas de Galicia máis singulares polo seu poboamento de montaña, unha cultura material única en Galicia. Foi historicamente un dos lugares de Europa de maior produción artesanal de castañas, posúe unha singular industria do ferro explotada dende época romana e é un dos epicentros da poesía galega, con figuras como Uxío Novoneyra.

Castelo do Carbedo no Courel /Íñigo M. Riobó

Mais por primeira vez este xuño o Courel quere ser protagonista e repensar o papel da súa historia e da súa natureza. Para isto dous actos únicos encherán as dúas semanas centrais do mes, o Seminario sobre o Patrimonio Cultural do Courel, que analizará a cultura desta rexión, e que se celebrará os días 8, 9 e 10 de xuño, e mais o Bioblitz Courel que se fará os días 16 e 17, e que pretende ser unha prospección como nunca antes se fixera sobre o patrimonio natural da comarca. Ambos os dous celebraranse na Estación Científica de O Courel, no concello de Folgoso, na parroquia de Seoane do Courel.

O Seminario sobre o Patrimonio Cultural do Courel

O mais importante dos actos será o seminario, sen dúbida un dos máis relevantes de cantos se fixeron na comarca e un dos principais seminarios que acollerá Galicia este ano. A Estación Científica do Courel, centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, será a organizadora do Seminario sobre o Patrimonio Cultural do Courel. Terá como protagonistas ós principais investigadores históricos da comarca, aqueles que estudaron e rehabilitaron o patrimonio da rexión e os principais axentes culturais, mais tamén ós seus veciños, activo verdadeiro da súa sabedoría cultural.

Taza de barro con versos de Uxío Novoneira / foto Íñigo M. Riobó

O seminario conta co selo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018 e percorrerá ademais da estación científica los principais lugares de valor etnográfico, arqueolóxico e histórico da comarca. O obxectivo será divulgar os valores e datos dispoñibles sobre o patrimonio inmaterial, arqueolóxico, etnográfico e histórico, e concienciar a profesionais e veciños sobre a importancia de conservar o seu valioso patrimonio cultural e natural, así como os atractivos máis descoñecidos para quenes visitan a zona.

Nel trataranse temas de todo tipo, xa que parte da importancia deste seminario reside no seu carácter transversal e interdisciplinario, en palabras da organización, en “facer unha unión dos grandes esforzos culturais dispersos ata o de agora para xuntalos un relato único“. Analizaranse os petroglifos, os castros, a presencia romana, os museos, a arquitectura popular e contemporánea, o papel das ferrerías, a música, a etnografía, a botánica e etnobotánica, os arquivos, as igrexas, as feiras, a cristianización e a imaxe de todos eles na narrativa na poesía e no cine.

Ferrería de Locay en O Courel / Íñigo M. Riobó

O seminario responderá ademais a unha dobre vocación, teórica ou de análise e debate, que se fará nas xornadas de mañá, e práctica, xa que nas tardes téñense programado actividades a ceo aberto. Haberá visitas ó castelo de Carbedo, á ferrería de Seoane, unha ruta guiada polo monte Cido, a proxección do documental “Tempo” de Manuel Valcarcel, así como música, baile e poesía. E contarase con poñentes como Uxío Novo Rei, fillo de Uxío Novoneyra, o cineasta Miguelanxo Lar, o etnógrafo Xesús Alonso Parada, o investigador do CSIC Francisco Javier Sánchez-Palencia, o arquitecto Xosé Santiago Allegue Fernández, o arqueólogo Enrique Alcorta Irastorza ou o catedrático e académico da RAG Pegerto Saavedra Fernández. A inscrición pode facerse dende a páxina web da USC.

O Bioblitz Courel

“Un Bioblitz é unha prospección intensiva de biodiversidade nunha área determinada, na que participan tanto naturalistas profesionais como afeccionados, asesorados por expertos de campo. Trátase dunha excelente maneira de xerar datos útiles para a ciencia e a conservación involucrando á cidadanía para conectarse coa natureza, o seu coñecemento e respecto a través dunha actividade amena e divertida”, así definían dende a Estación a actividade. O bioblitz, a actividade para coñecer, divulgar e promocionar os valores naturais do Courel, celebrarase tamén os días 16 e 17 de xuño 2018 na Estación Científica do Courel en Seoane do Courel.

Castro do Vilar, en Folgoso do Courel, un xacemento mineiro da época galego-romana / sendeirismogalego.com

O Bioblitz Courel “levará a cabo durante 24 horas un inventario biolóxico intensivo co fin de obter o maior número de identificacións e citas da flora, fauna e micobiota en varios espazos representativos dalgúns dos hábitats emblemáticos deste territorio”. A prospección e estudio de campo realizarase en itinerarios próximos de territorio previamente definidos, que serán a ruta Sequeiros de Mostaz, zona de bosque mixto de frondosas e bosque de ribera o itinerario Val das Mouras, unha zona kárstica caliza con presencia de soutos de castaños e bosque mixto de frondosas e o Alto do Couto-Devesa da Rogueira, con zonas de matogueira, piñeiros e bosque mixto atlántico no tramo final. As inscricións poderán facerse no correo proxecto.micoloxia@usc.es do 7 ó 12 de xuño.

Cimas do Courel nevadas / Íñigo M. Riobó

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...