fbpx
Cumios do Courel nevados / Íñigo M. Riobó

A candidatura como Xeoparque súmase ó mes máis importate para o Courel

Tempo de lectura: 4 min.

Este xuño as montañas do Courel serán protagonistas pola súa historia e da súa natureza. Dous actos únicos nas dúas semanas centrais deste mes levarán ó Courel a repensar a súa historia e a replantexar o seu futuro. Por unha banda o Seminario sobre o Patrimonio Cultural do Courel, que se celebrará os días 8, 9 e 10 de xuño, analizará a cultura e a historia desta rexión, por outra o Bioblitz Courel que se fará os días 16 e 17, pretende ser unha prospección como nunca antes se fixera sobre o patrimonio natural da comarca. Ambos os dous celebraranse na Estación Científica de O Courel, no concello de Folgoso, na parroquia de Seoane do Courel.

Interior da Cova de Arcoia, no Courel / Entre Peces y Murciélagos – Blogspot

Mais, a estes dous actos que repasábamos a semana pasada noutro artigo, súmase unha importante nova, a candidatura á declaración de Xeoparque pola UNESCO das Montañas do Courel. Para isto auditores da institución cultural da ONU visitarán, probablemente no mes de xullo, a comarca para inspeccionar o territorio e avaliar a candidatura. Esta iniciativa débese á asociación Montañas do Courel, formada polos tres municipios da comarca, Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso, e terá que competir con outras 22 candidaturas de 18 países de todo o globo para facerse un oco nesta importante listaxe.

E é que o proxecto Montañas do Courel naceu no ano 2015 durante as III Xornadas de Xeoloxía Montañas do Courel organizadas en setembro dese ano polo Grupo de Desenvolvemento Local Ribeira Sacra-Courel. Tras elas tomouse a decisión de presentar a candidatura, o que se fixo formalmente o pasado novembro tras a necesaria aprobación da Comisión Española de Cooperación coa UNESCO. En maio do vindeiro ano 2019 o organismo internacional pronunciarase sobre a posible incorporación.

Marcas das gadoupas do oso cavernario na cova de Arcoia, no Courel / UDC

Mais, a pesares da importante competencia, O Courel ten importantes recursos para conseguilo, con lugares como o Museo de Xeoloxía de Quiroga, o Museo das Covas, miradoiros en varios puntos de interese, unha importante historia xeolóxica, física, natural e humana, con minas romanas e un inventario de máis de 97 lugares de interese.  A Listaxe de Xeoparques Mundiais pretende ser un proxecto para contar a historia de 4.600 millóns de anos do planeta e dos acontecementos xeolóxicos que lle deron forma, a través dos seus lugares máis destacados. Tamén se valora a evolución da Humanidade mesma a través dela, así como das comunidades locais que os habitan, e nisto o Courel é, sen dúbida, un lugar de historia privilexiada.

Últimos días para apuntarse nun congreso que tamén será histórico

Este próximo mércores será o último día prevido pola organización para matricularse nun congreso que, igual que ó celebrado en 2015 prevese tamén histórico. Pois a Estación Científica do Courel, centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, como xa contamos, será a organizadora do Seminario sobre o Patrimonio Cultural do Courel. Terá como protagonistas ós principais investigadores históricos da comarca, aqueles que estudaron e rehabilitaron o patrimonio da rexión e os principais axentes culturais que seguen a mantela viva día a día. Mais tamén dende a organización quérese que ós seus veciños sexan un verdadeiro activo das xornadas.

Ferrería de Locay en O Courel / Íñigo M. Riobó

O seminario conta co selo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018 e percorrerá ademais da estación científica os principais lugares de valor etnográfico, arqueolóxico e histórico da comarca. O obxectivo será divulgar os valores e datos dispoñibles sobre o patrimonio inmaterial, arqueolóxico, etnográfico e histórico, e concienciar a profesionais e veciños sobre a importancia de conservar o seu valioso patrimonio cultural e natural, así como os atractivos máis descoñecidos para quenes visitan a zona.

Nel trataranse temas de todo tipo, xa que parte da importancia deste seminario reside no seu carácter transversal e interdisciplinario, en palabras da organización, en “facer unha unión dos grandes esforzos culturais dispersos ata o de agora para xuntalos un relato único“. Analizaranse os petroglifos, os castros, a presencia romana, os museos, a arquitectura popular e contemporánea, o papel das ferrerías, a música, a etnografía, a botánica e etnobotánica, os arquivos, as igrexas, as feiras, a cristianización e a imaxe de todos eles na narrativa na poesía e no cine.

San Pedro de Esperante no Courel

San Pedro de Esperante / Íñigo M. Riobó

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...