Imaxe da Cidade Alta xunto cun dos sinais que prohibe o acceso / foto HdG

A Cidade Vella da Coruña será finalmente peonil tras medio século de intentos

A Cidade Alta ou Vella da Coruña xa é peonil. Pois a segunda fase do proceso de peonización da zona fraguou finalmente o pasado día 24 deste mes, despois de que ó longo dos últimos anos o goberno de Xulio Ferreiro fora restrinxindo progresivamente o tráfico a el. Así, a partires dese día, tan so os vehículos con distintivo, so uns 800, terán permiso para circular pola zona e non poderán estacionar, salvo paradas de carga e descarga entre as 8 e as 11 da mañá e un máximo de 15 minutos. Así, lévase finalmente adiante unha medida que dende vai case medio século reclamaron moitos colectivos da cidade e que gobernos de todas as cores trataron de desenvolver sen ser quen de levalo de certo á práctica.

Para isto o consistorio da cidade, despois de tempo xestionando a concesión de distintivos a repartidores e residentes, este pasado día de San Xoán comezou o control de acceso a través da policía local. O obxectivo non é so que o tráfico rodado e as zonas de estacionamento desaparezan da Cidade Vella senón tamén que con esta medida chegue por fin a desexada revitalitación que os veciños levan tempo agardando. Para isto suprimiranse tamén unhas 200 prazas en superficie nesta zona monumental que serán substituídas por outras tantas e 50 máis nas zonas da Maestranza, Instituto Oceanográfico e baixo convenio cos aparcadoiros públicos da zona.

Imaxe da Cidade Alta esta mañá xa sen tráfico / foto HdG

Unha medida reivindicada dende medio século atrás

A Cidade de Vella ou Alta da Coruña é o xerme desta cidade galega. O 23 de marzo de 1984 foi declarada como Patrimonio Histórico e, coa lei 16/85, Ben de Interese Cultural. Mais moitos dos seus grandes monumentos xa foran declarados dende a entrada en vigor das primeiras leis de patrimonio. Así, xa en 1968 no marco do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Molezún e Corrales plantexábase por primeira vez a idea de liberar a este espazo da cidade do tráfico, non en balde era unha zona abrupta e antigamente amurallada e xa no ano 1945 co Plan Cort se planearan vías de circulación perimetrais a ela.

Mais o peso da Cidade Alta ou Vella non foi o de outros cascos históricos de Galicia, xa que a Peixería ou Cidade Baixa e os progresivos ensanches históricos que se construíron na cidade, convertéronse en polos de atracción máis potentes, non so para os cidadáns e servizos, senón tamén para os proxectos de reforma urbana. Por isto a peonización da Cidade Alta foi una das principais materias pendentes para os diferentes consistorios da cidade por décadas. Os aparcadoiros, os servizos e a necesidade de que esta zona gozara dos mesmos privilexios que o resto dos barrios fixeron que ata xuño deste 2018 esta parte do casco histórico da Coruña pervivira como aparcadoiro e lugar de tránsito de vehículos se case sen restrición.

Imaxe da Cidade Alta esta mañá xa sen tráfico / foto HdG

Así dende o ano 1982, durante as diferentes lexislaturas de Francisco Vázquez, o casco sufriu un abandono case completo e un deterioro como non sufrira nos oito séculos precedentes. Sería nos últimos anos deste rexedor e co bipartito de Manuel Losada, gobernado Cultura polo BNG, cando se tomou a iniciativa de intentar limitar o tráfico instalándose de feito controis de acceso nalgúns puntos, que nunca se chegaron a empregar de feito. Mais tarde foi o popular Carlos Negreira o que intentou de novo peonizar a zona, dentro dun ambicioso plan de recuperación das murallas da cidade que nunca se acabaría de completar. Por último foi o goberno de En Marea o que se tomou en serio a iniciativa, e conseguiu facer finalmente do proxecto realidade.

A rúa da Maestranza cunha soa dirección / foto HdG

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: