O cruceiro de Borneiro en tres posicións diferentes HdG

A cruz do Roncadoiro e os cruceiros viradoiros de Borneiro

Cruz de Roncadoiro recollida por Castelao en As cruces de pedra na Galiza

A parroquia de Borneiro é de todos ben coñecida por ter nas súas terras dous dos máis afamados monumentos da prehistoria galega, o castro de A Cibdá e o Dólmen de Dombate, a chamada catedral do megalitismo galego. Mais a parroquia de Borneiro, nunha pequena meseta sobre o esteiro do Anllóns, no Concello de Cabana de Bergantiños, ten agochados moitos mais segredos que os destes dous  monumentos con fama xa internacional. Pois este lugar garda ademais un curioso segredo: as súas tres cruces viradoiras.

As tres cruces viradoiras son nin máis nin menos que tres cruceiros que teñen a singularidade de poder ser rotados sobre o seu eixo, e cambiar polo tanto a súa dirección. Tres existiron na parroquia de Borneiro, mais, tristemente, so se conservan dúas delas. A máis famosa de estas é a cruz do Roncadoiro, que desgraciadamente hoxe se atopa desaparecida. Porén aparece documentada por Castelao, quen a catalogou no seu importante estudo As cruces de pedra na Galiza, publicado en Bos Aires en 1950. En este estudo aparece tanto un gravado do cruceiro feito polo propio artista como unha pequena descrición.

Unha cruz que cómpre citar como moi antiga, aínda que a súa antigüedade sexa hipotética, é a que se ve no lugar de Roncadoiro -feligresía de Borneiro e concello cruñés de Cabana-. Esta cruz é xiratoria e a súa feitura, de cabeza ensanchada e longa, fai pensar que se trata dun moimento antigo, cicais arrefeitado máis tarde. Pola súa condición de pedra xiratoria, o pobo concédelle virtudes miragreiras.

A cruz, segundo figura no debuxo de Castelao, tería un pequeno carácter lobulado e tres cruceciñas gravadas nos seus tres brazos menores. A cruz de Roncadoiro estaría localizada nun camiño, que aínda hoxe é  de terra, que comunicaría as parroquias de Cándoas e Borneiro. A súa historia foi recuperada e ofrecida ós visitantes tempo atrás nun cartel informativo que se atopa no itinerario do Rego dos Muíños. Este camiño do Rego é un roteiro que discorre entre a propia ría e o castro da Cibdá, seguindo o curso deste rego no que se atopan arredor dunha ducia de muíños.

Mais en Borneiro existen dous cruceiros viradeiros máis, que xa si serían cruceiros completos con todos os seus elementos, máis coa singularidade de poder virar sobre o seu eixo a propia cruz.  Para isto contarían cun saínte de pedra sobre o que se encaixa o corpo do cruceiro furado, empuxando os brazos do cruceiro este rota sobre o seu eixo. Ambos se atopan moi preto, a ambos lados da estrada xeral AC-430, e moi preto do propio Dolmen de Dombate. Unha estaría no camiño á parroquial de Borneiro ó pé da estrada que comunica coa xeral, e a outra no lugar de Vilaseco, ó é dunha propiedade nun cruce de camiños na entrada da aldea. Ambas estaría unidas polo mesmo camiño.

Por qué viraban estes cruceiros?

Mais, por qué viraban estes cruceiros? Como dicía Castelao “cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo”. Os cruceiros son un elemento de pedra, elementos físicos en forma de cruz, cunha función relixiosa, sacralizadora, dun determinado lugar, ben sexa lugares de culto pagán, ben sexa como guía das ánimas en pena, ou simplemente para deixar baixo protección rutas ou camiños.

Mais na cultura popular un cruceiro podía ter moitas máis funcións, todas elas relacionadas coa necesidade de pedir unha protección relixiosa. Pregar polas ánimas dos mortos, pedir axuda a deus, pedir protección contra a Santa Compaña, as meigas ou a morte, ou sacralizar ou lugar onde se produciu unha morte violenta. Tamén sacralizar determinados lugares importantes das parroquias ou das aldeas, como lugares de xuntanza ou pedir protección para determinados lugares de traballo. En resumo sacralizar todas e cada unha das facetas máis importantes da vida da sociedade labrega.

É, segundo parece, dentro de esta función estiveron estas cruces viradoiras, xa que teñen, polo menos as dúas últimas unha característica común. Sitúanse na chaira de Borneiro, nun dos lugares máis fértiles de toda o concello ó pé do camiño xunto a grandes agras. Quitando que teñan outras funcións anteriores herdadas de tradicións cristiás ou pagás, se seguimos o que contan os veciños de Borneiro e o que recollen os investigadores, os cruceiros faríanse virar en función das necesidades do clima. Na súa contra do vento se se quería pedir que mudara o tempo, o seu favor se se quería que perdurara, pedindo o favor e a protección climatolóxica así sobre as colleitas.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: