fbpx
Fotograma do filme The Camino Voyage / Vimeo

A odisea de Danny Sheehy, o poeta irlandés que morreu na costa de Tui

Tempo de lectura: 3 min.

En maio do 2014 nunha embarcación de remos feita a man partían dende o dublinés río Liffey catro veteranos artistas irlandeses empeñados en chegar ata Compostela bordeando a costa europea. Era o poeta Danny Sheehy, o cantautor Glenn Hansard o artista Liam Holden e o músico Brendan Begley, de entre 55 e 65 anos. O obxectivo desenvolver unha navegación a xeito de Camiño de Santiago que farían cada verán e por etapas e á que eles mesmos lle chamaban Camino by sea.

Navegaban nun pequeno bote, un currach o curragh, un barco tradicional irlandés feito de madeira e impermeabilizado con coiros, algo semellante a unha canoa, e percorrerían máis de 2.500 quilómetros pola costa de Irlanda, Reino Unido, Francia e España. Tras varias etapas no ano 2016 conseguiron chegar á cidade da Coruña e dende alí, xa por terra, conseguiron acadar o santuario do apóstolo. Completaron así o a súa singular peregrinación e, con ela, o material para unha película documental chamada The Camino Voyage, que narraría a súa historia polas costas de media Europa.

Mais estes catro aventureiros non quixeron dar por rematada a súa fazaña e se propuxeron chegar máis alá. Así, en xuño do ano 2017, recalaban de novo nas Rías Baixas e, tras pasar varios días no Grove, partiran despois rumbo a Baiona e a Vigo. Días máis tarde sairían cara Portugal para continuar o seu camiño cara o sur. Aquel día 12 de xuño tiñan por parada vindeira a vila de Tui, para despois entrar xa en Portugal. Mais na desembocadura do Miño, preto de A Guarda, na fronteira con Caminha, en Foz do Minho a súa barca artesanal volvou.

Tres de eles foron atopados agarrados ó seu barco, en estado de shock e con hipotermia. Mais o poeta Danny Sheehy, de 61 anos de idade, non correu a mesma sorte no naufraxio. O frío fixo que entrara en parada cardiorrespiratoria e, a pesares dos intentos por reanimalo, finalmente finou na da desembocadura do gran río galego.

Unha homenaxe ó pé do Miño

“A cidade de Tui ao poeta irlandés Danny Sheehy”, escrito en galego, irlandés, castelán e inglés, é a mensaxe da placa de bronce situada na fachada do edificio do club Náutico San Telmo. Esta foi a homenaxe organizada polo Concello de Tui ó poeta a comezos deste mes de xuño, case un ano despois. O acto contou coa presenza da súa viúva Mary e dos seus fillos, Cormac e Órla, xunto a un numeroso grupo de autoridades e de amigos de Irlanda e Galicia. Os presentes destacaron a importancia da viaxe e o intento por rememorar unha ruta secular nunha aventura única.

Fotograma do filme The Camino Voyage / Vimeo

Algúns, como o alcalde de Tui, ademais de agradecer a presencia dos familiares no acto, falou do interese dos aventureiros por establecer lazos entre Irlanda e Galicia. Dende o “Concello de Tui cremos que debiamos lembrar a Danny porque no momento do seu pasamento se dirixía a nosa cidade dentro da súa ruta xacobea. Mais ese non é o único motivo, xa que a súa figura é xa un símbolo do camiño, da súa significación na unión dos pobos, neste caso particular de dous pobos, Irlanda e Galicia”. “Hai moitas cousas que nos unen aos galegos e aos irlandeses”, salientou, e “este é o comezo dunha verdadeira e forte amizade”.

Homenaxe Danny Sheehy – viuva e fillos / foto Concello de Tui

Pode que che interese...